segunda-feira, junho 30, 2008

Percorrer Compostela


Por cortesía do Consello da Cultura Galega podedes percorrer comigo algunhas das rúas que transitaba Ambrosio Cavaleiro, o protagonista de Festina Lente.

sexta-feira, junho 27, 2008

A Compostela do século XVI fedía


No Luces de hoxe podedes atopar unha ampla entrevista que me fixo o xornalista e poeta Daniel Salgado e na que desvelo algún dos segredos de Festina Lente e da miña escrita.

quarta-feira, junho 25, 2008

O decálogo do galego


1. O paraíso tamén está en Galicia. Non é chauvinismo. Por que imos ter menos autoestima que as inmobiliarias? O que lle fai falta a este país é unha man de pintura coas cores das dornas e un azul de Patinir.
2. Somos fillos da vieira. É dicir, de Venus. En Santiago está soterrada unha deusa adolescente e o Camiño de Santiago foi sempre o da fertilidade, o da comitiva de Dionisio, usurpado pola burocracia do Santo Oficio e a multinacional das Indulxencias.
3. Somos do partido do riso. Aquí, os mortos pásano ben. Chegará un día en que en lugar de crego pediremos un mariachi que cante Pero sigo siendo el rey!
4. Somos larpeiros, a moita honra. Sempre nos din: "Nada de caramelos agora. Cando non teñades dentes, xa comeredes todos os que queirades". Pois imos comer cos dentes as Pedras todas de Santiago.
5. Temos vontade de estilo. Facemos ben o mal e mal o ben.
6. Temos unha lingua propia, moi lírica, moi lercha. E un acento con moitas curvas, afrodisíaco.

7. Somos moi de aldea: só nos interesa o planeta Terra e a estreliña do luceiro, compañeiriña da lúa.
8. Somos sentimentais, que pasa? A ver quen ten collóns a chorar como choramos nós!
9. Disque temos unha ironía británica. Mais o noso himno nacional, coa letra d'Os pinos, supera en todo o God save the Queen.
10. Seremos os últimos en marchar deste lugar. Chegaremos tarde ao Xuízo Final.

Manuel Rivas


Vía Días Estranhos

segunda-feira, junho 23, 2008

Presentacións, entrevistas e promoción


Unha tarde aproveitada a do venres en Santiago. Non teño queixa da repercusión de Festina lente nos medios escritos e dixitais. Xa non teño desculpas sobre a visibilidade do libro e serán agora os lectores os que decidan. Hoxe luns, regresei de novo: unha sorpresiña por cortesía do Consello da Cultura Galega, que se verá nuns días na rede, e unha entrevista que quedara pendente.

sexta-feira, junho 20, 2008

Presentación


Hoxe pola tarde presentarei Festina Lente aos medios na compaña do meu editor Manolo Bragado. Compartiremos mesa no obradoiro de encadernación da libraría Couceiro entre tórculos e resmas de papel, na antiga praza do Campo onde axustizaban aos reos e queimaban aos condenados polo Santo Oficio, como a coitada de María Rodríguez, portuguesa de Ponte de Lima da que se fala na novela.

quarta-feira, junho 18, 2008

Unha muller, un mito




Morreu a gran Cyd Charisse , un dos mitos sexuais da miña adolescencia, a mellor bailarina do cinema musical. Na súa lembranza, hoxe darei uns torpes pasos de baile ao son desa música coa que engaiola ao paspán de Gene Kelly.

segunda-feira, junho 16, 2008

Santa María a Nova



Nova anotación no obradoiro da rúa d´Armada, desta volta sobre
algúns dos escenarios da novela.

Cativos


O xoves pasado unha chamada desas que arrepían a calquera pai. A miña filla de tres anos tivo un accidente na escola, medo, carreiras, centro de saúde, urxencias do hospital. Ao cabo: fisura no polgar dereito, xeso e man inmobilizada durante dez días. O que nos ten sorprendidos é o rápido que se afixo a prescindir dunha man, habería que ver a calquera adulto na súa mesma situación. Iso si, non logramos aínda que se duchara, négase a poñer unha bolsa na man por moito que llo explicamos. Tan ben se manexa que hoxe mesmo regresou a escola.

Polo contra meu fillo, cos seus oito anos recen cumpridos, tomou unha decisión que o honra e coa que dá un pasiño máis cara á madureza. El, que é un constante fervellar, renunciou a excursión de fin de curo que o levaría hoxe a pasar o día en Allariz para presentarse esta tarde as catro e media ás probas do conservatorio malia a súa dificultade ( 170 neno para 70 prazas aprox. ). A súa nai máis eu démoslle total liberdade na súa escolla e el decidiu: quere tocar o saxo. Agardo que teña sorte e que non o tome moi mal se non as supera, de todos os xeitos o ano que ven pode acudir de novo. Ademais, penso que das derrotas e dos fracasos un vai aprendendo, aínda que doan.

Actualización 17/6/08: O do conservatorio foi unha auténtica vergoña, unhas probas que nos dixeron durarían como moito dúas horas, delongáronse 4 HORAS E CUARTO. É dicir que o meu fillo de oito anos estivo das 4.30 a 20.45 sen beber nin merendar. Cando lle tocou cantar levaba máis de catro horas alí metido. Xa me diredes como lle puido sair a canción. Non o levamos con nós porque a el facialle moita ilusión que se non... Súa nai máis eu falamos seriamente de que se acadase unha praza o máis probable é que non o mandemos vista a total falta de respeto e a escasa humanidade mostrada cos nenos, ademais a lectura deste artigo do xornal de onte non axudou moito. Vos imaxinades ao hiperactivo e xenial Mozart agardando catro horas de neno para entrar nun coro ou nunha orquestra? Pois ben o Conservatorio de Vigo podería pasar a historia universal da música por rexeitalo... O dito, unha auténtica vergoña.



sexta-feira, junho 13, 2008

quarta-feira, junho 11, 2008

Volver, sempre, a Gould, a Bach e a Golberg



Se deus existise, esas serían as súas mans
e ese o seu cantaruxar.
Se o ceo existise, esa sería a música celestial.
Sorte que non sexa así e nos teñamos
que conformar cun simple mortal.

PROTEXTA


Xa podedes descargar de balde o especial sobre a nosa LIX do PROTEXTA e aproveitar para ler as parvadas que un solta polaboca cando ten diante a un xornalista espelido coma Iago Martínez coa súa gravadora.

segunda-feira, junho 09, 2008

sexta-feira, junho 06, 2008

Lingua e sensibilidade


Ante un novo capítulo da infame campaña do Mundo contra a pluralidade lingüística do estado español, vaia este esperanzadora e exemplar anécdota de hai uns días. Recibo un correo en castelán dun neno que asistiu a un dos meus encontros escolares no que me conta que ese día esquecerá O Carteiro de Bagdad e que quería que llo dedicase. Eu contesteille en galego dicíndolle que se me daba a súa dirección postal lle enviaría con moito gusto un exemplar de balde dedicado. El respondeume así, e cito textualmente:

“Ola! E o primeiro ano que estou aprendendo galego. hasta o curso pasado estive estudiando en un pobo de Alicante, cerca de Benidorm. Moitas grazas. He pensado en regalar entón o meu ao meu primo. A miña dirección e…”

Un exemplo a ter en conta por todos eses intolerantes axitadores de conciencias que cospen dende radios e xornais.

quinta-feira, junho 05, 2008

Aqueles trebellos da ACME


Eu sempre fun da Warner. Aínda non nacera meu fillo e xa lle mercara unha colección enteira dos seus fantásticos Looney Tunes (aquelas fantasías animadas de onte e de hoxe, lémbrades?) en VHS, que hoxe fican arrombadas nun armario pois xa non temos nin vídeo. Por iso fico marabillado co xenial tolo que é quen de facer isto e recompilar todos os absurdos inventos da ACME Corporation. Páxinas coma esta xustifican por si soas a existencia da rede e a vida dalgunhas persoas, supoño.


segunda-feira, junho 02, 2008

Sofa, sofaaaaaaaa !!!



Os meus fillos teñen unha pequena liturxia que repiten acotio mentres agardan pola comida: súa nai ou eu preparamos todo na cociña e eles ven os Simspon e cando se achega a escea do sofá dos créditos dan en berrar coma tolos para que acuda a vela. Despois tratamos de adiviñar cal é o capítulo e se por casualidade non o vimos xa un feixe de veces. O meu preferido é o dos sofás carnívoros, e o voso?