quinta-feira, abril 27, 2006

27 de abril de 1986

O nordés zoa lixeiro pousando no branco vestido de encaixe pequenas folerpas cinsentas. Sentada nos chanzos da escaleira, a noiva non comprende o que pasa. Os paxaros abandonaron as arbores floridas e as augas do Pripiat denantes rebuldeiras baixan agora lentas e caladas. A igrexa fica baleira, a maioría dos homes convidados foron chamados con urxencia por mor do incendio e as súas familias pecháronse nas súas casas coas fiestras e as portas fechadas.
Ela levaba moitos anos esperando este día, a pesares do longo noivado ata que a Yuri o contrataron na central e lle concederon unha vivenda para traballadores non se comprometeron e puxeron data para a súa voda. O que debería ser o seu día máis feliz mudou nunha xornada triste e silandeira. A troula e a ledicia deixaron paso a soidade e a esa brétema cinsenta que todo o asolaga.
Esfrega entre os seus dedos un deses aruxos grises que trae o vento e que se esvaece sobre a súa pel dourada. Inocente, coma unha nena larpeira lévase o dedo a boca e chúchao saboreando o gosto acre da morte no seu padal. Ergue a cabeza cara o sur, olla o fume do incendio e pensa en Yuri, no que estará facendo agora na central. É primavera e nos ollos verdes de Olga poñese o sol para sempre.

5 comentários:

folerpa disse...

(A mañá seguinte do desastre de Chernobil, na cidade dos traballadores da central onde aínda se ignoraba a magnitude da traxedia agochada polas autoridades, celebráronse dezaseis vodas)

Anónimo disse...

É moi triste. Tristísimo ... sabendo ademais que puido non ser.

torredebabel disse...

é triste, si. Pero é máis triste que o mal ainda estea aí, agardando por máis vidas e máis noivas e máis vodas.

Laurindinha disse...

Ei, e cando escoitaches a miña voz na radio?

acedre disse...

Hai veces que as novas catastroficas necesitan un nivel sinxelo para entendelas e esta tua version do de Chernobil cunha voda onde o noivo non acode semellame unha obra mestra.
Un saudo.