segunda-feira, maio 01, 2006

Recital

Andei estes días relendo a poesía de Cunqueiro para escoller algúns versos que recitar na homenaxe poética que se celebrará hoxe día 2 de maio as 8 do serán na Casa do Libro de Vigo e ao que me convidou amablemente Francisco Castro con quen compartirei o estrado xunta con Cesar Cunqueiro e Antonio García teixeiro.
A faceta lírica do de Mondoñedo anda un pouco esquecida, asoballada pola forza máxica da súa narrativa, polo que penso que hai que reivindicala, máis cando o seu estro acada cumios coma este.

Na outra banda

Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertindo en arbres
vellos tamén sin follas na cara do sol
agardando sin saber o qué
mudos.

Pro súpetamente un arbre calisquer
sinte rubir dentro del a seiva dun soño
beira da morte xa pro aínda
morno como o leite da nai.

O soño vai rubindo polas veas do arbre
unha vida enteira que pasa
ata facerse paxaro nunha ponla
un paxaro que recorda canta e vaise
denantes de que todos os arbres morran.

Si eu me fago arbre vello na outra banda do río
e me toca ser arbre que recorda e soña
ben segura podes estar de que soñarei contigo
cos teus ollos grises como a alba
e coa túa sorrisa
coa que se vestiron os beizos das roseiras
nos días máis felices.


(de Herba aquí ou acolá)

1 comentário:

Peke disse...

Non dubido de que lle poñerás paixón a esa lectura.