segunda-feira, maio 22, 2006

Os tempos están mudando

O meu maior éxito cos nenos da escola do meu fillo a semana pasada foi mostrarlles como guindar unha buxaina. As mestras organizaron unha pequena exposición de xoguetes antigos aportados polas familias: moita madeira, folla de lata e bonecas sesenteiras. Dos corenta nenos da escola entre tres e seis anos ningún deles sabía como xogar con ela, algún nin vira unha xamais, e moito menos sabían enlear a piola. Eu fíxenlles unha demostración e algúns animáronse con máis pena que gloria, a pesares de que moitos son capaces de facer verdadeiras diabruras co mando ateigado de botóns dunha consola.
Mellor non falarlles do pincho, do peltre, das canicas, do ovopicoaraña, ou da chopa. Isto, compañeiro, é o declive dos xéneros clásicos.

3 comentários:

Anónimo disse...

A buxaina... Hoxe os máis dos rapaces non saben de que lles falas se non lle chamas peonza á buxaina, canicas ás bolas ou rayuela á mariola.

En calquera caso, eu era xenéticamente incompatible coa buxaina. Dábaseme mellor o ché...

acedre disse...

Non sei que e o pincho, nin o peltre nin a chopa (polo menos con eses nomes). Podes explicar como se xoga ou dar unha ligazon ?.
Eu xa falei hai tempo dos pions (no san Martinho, claro).
Un saudo e deixoche a ligazon.
http://eueoseeuu.blogspot.com/2005/11/veterans-day-vs-san-martinho.html

Veloso disse...

Os axurxados mantemos unha relación de respectuosa distancia con toda clase de xogos. Sentimos, iso si, unha rara felicidade ao escoitar tan fermosos nomes, pincho, peltre, chopa, aínda que non saibamos que significan.