terça-feira, maio 30, 2006

Preguntas

Que pensariamos se mañá o diario A Opinión da Coruña destacase na súa portada a nova de que unha banda viguesa anda a asaltar os chalés da súa vila?
Ou se o Faro de Vigo dixese que unha banda coruñesa é a responsábel dos asaltos as casas desta cidade?
Supoño que moitos dunha banda e outra da autoestrada nos alporizariamos, falariamos dos localismos de sempre, dunha rivalidade que non ten sentido.
Pois ben, se os asaltantes son romanos, albaneses ou kosovares o dato repítese ata extenuación nos telexornais, sen que ninguén se alporice, e os políticos coma un coro de traxedia grega únense a festa coas súas declaracións xenófobas. Coa reiteración e a continua repetición dunha nova puntual xérase unha innecesaria alarma social que dispara as audiencias televisivas, os sentimentos racistas e a venda de cámaras e sistemas de seguridade para as ben fornecidas facendas que eses paramilitares estranxeiros véñennos roubar.
Namentres, os caiucos seguen chegando as illas ateigados coa desesperanza duns homes e mulleres que renegan da súa patria, que agochan a súa orixe e a dos seus devanceiros para non seren repatriados de regreso ao inferno en que mudou a súa terra, e que ledos trocan polo insalubre aparcadoiro onde os amorean coma animais.

1 comentário:

Anónimo disse...

Cantas verdades folerpa!.Cantas!!! E que impotencia... A prensa facéndolle os cestos ó poder. Como pode un telexornal da televisión pública adicarlle case todo o tempo aos asaltos dunhas "casas" en Cataluña insistindo na nacionalidade dos asaltantes contínuamente? E na radio falaban hoxe pola tarde das mulleres,dos meniños e dos homes que están chegando nos caiucos a praias turísticas. Eso sí a preocupación era toda para os turistas e para os donos dos chiringuitos. Teñen moito medo ás enfermidades e ás infecións desta xente que se nos presenta así desta maneira ...