Como di
Náufrago, non teño nin idea, pero son escritor dende sempre.
Os meus primeiros relatos deberon ser aló por quinto de EXB. Era unha saga titulada "As aventuras do Alerta K-5", tratábase das aventuras do barco do titulo máis o seu capitán polos setes mares. Do comezo ao final era todo un misceláneo plaxio, tanto textos coma ilustracións, dos moitos libros lidos de London, Melville , Salgari e Stevenson. Esta obra fica xa perdida para sempre.
Pasaron despois moitos ano en que sendo escritor non escribía, ocupado como estaba en ler, ver e oír o que outros escribían, rodaban ou compoñían.
Espertei novamente no instituto, en 1º ou 2º de BUP, e presenteime o ao concurso de poesía e relatos que se organizaba co gallo do día das letras galegas cando aínda era electivo. Gañei o 2º premio co conto
“Arturofrenia” e o primeiro en poesía. Estas obras non están perdidas e aínda as conservo nun cartafol na casa.
Outra vez pasaron moitos anos en que sendo escritor non escribía, ocupado como estaba nas esmorgas santiaguesas e en ler, ver e oír máis cousas que outros escribían, rodaban ou compoñían.
Con sinceridade, eu non pretendo entender o mundo a través da palabra. O que trato, creo, e crear o meu propio mundo segundo os meus designios e que os demais entren nel e o gocen. Non sei, recoñezo que escribo por necesidade vital, e tiro para adiante sen pensar moito no fin do que escribo. Iso, penso e responsabilidade de cada lector, do que lle sirva a cada un deles. Exemplo disto penso que é o feito de que non lin os dous libros que publiquei ata o de agora, no momento que fican editados xa non me pertencen, é máis ata sinto certo pudor cando os folleo e leo algo solto, non recoñezo ao escritor. Eu fixen de mensaxeiro e non me corresponde a min recibir a mensaxe e descifrala iso é función dos lectores.
Así que supoño que por todo iso debe de ser que son escritor.