quarta-feira, fevereiro 27, 2008

Aínda queda unha esperanza para todos nós...



...ou iso canta o gran Nick Lowe no seu derradeiro disco, nunha desas cancións onde a un non lle importaría quedar a vivir para sempre. Levo meses escoitándoa e non me farto. Unha voz emocionante que frasea coa cadencia da vida mesma, uns ventos dignos dos vellos elepés do reverendo Al Green, uns coros marabillosos —Da da da da dadada dararara— e un órgano que subliña cada acorde.
Unha canción que leva a mover os pés, a min, que non son moi amigo do baile; que desexas compartir con aqueles aos que amas, tomalos pola van e coa túa man coller a súa e apoiala no peito e danzar así ata a fin do amor.
PERFECTA, así, con todas as letras e en maiúsculas. Unha pequena epifanía que nos reconcilia con nós mesmos e coa vida nestes días de balbordo e morte.

sábado, fevereiro 23, 2008

As cortes da cultura galega


Algúns compórtanse coa cultura galega como noutrora Altea, a raíña dos etolios, fixera co seu benquerido fillo Meleagro. Cando era un naipelo, as Parcas agoiráranlle ao rapaz que a súa vida duraría tanto como un cádavo que naquel intre ardía na lareira. Altea, como boa nai inqueda pola sorte do seu filliño, amorteceuno e gardou o chamizo aínda morno nun estoxo, para así garantirlle unha longa existencia.
Pois ben, eses Alteas da cultura de nós teñen ese estoxo sobre os seus escritorios dende hai moito tempo como unha pertenza persoal, da súa exclusiva propiedade. Ás veces, coa cerimonia e solemnidade que tal rito esixe, ábreno e durante un intres aspiran o seu arrecendo a borralla na procura do seu estro creativo. Mais, pobre daquel que, confiado, tente achegar o seu nariz ao estoxo, pois a ben seguro sairá coas marcas duns afiados cairos como castigo pola súa ousadía. Amais, calquera que se aproxime será, de inmediato, acusado dun delito de lesa maxestade: tentar queimar o chamizo, atentar contra a vida de Meleagro, atacar a cultura galega.
O estoxo é deles, perténcelles, ao parecer, por todos este anos loitando contra aqueles que si querían queimalo, contra os verdadeiros inimigos da nosa cultura. Os demais, os que vimos tras destas suspicaces nais, só podemos mirar e calar, ou como moito, de cando en vez, acanear a cabeza de arriba a abaixo como guiados cadelos. Iso si, o chamizo, nin tocalo.
Quizabes, no noso país, mais que Procrustes, o que hai é moito Auxías. Xa sabedes, aquel rei do Peloponeso que xamais recollía o estrume das súas cortes, aquelas que Heracles limpou desviando o curso de dous ríos, dentro da súa xeira de doce traballos. Auxías negouse a pagarlle e atopou así a morte, por cocho e mal pagador.
Eu estou tranquilo, mais outros semellan non estar na mesma situación, e en vez de recoller o estrume das súas cortes, o esparexan polas dos demais. A min, en realidade, tanto me ten. O meu cortello está limpiño e non teño débedas con ninguén.

sexta-feira, fevereiro 22, 2008

Se eu fora presidente...



Recollendo a luva lanzada por Brétemas, e á que algún outro xa se adiantou. Eu, que non quero ser presidente, propoño ao que saia elixido dúas das primeiras medidas a tomar:

1ª Sacar a relixión das nosas escolas e devolvela ao lugar de onde nunca debería ter saído: as catequeses.

2ª Endurecer os réxime de incompatibilidades dos cargos electos, en especial no eido municipal, para evitaren esa figura que xa parece consubstancial á nosa paisaxe política: o alcalde ou concelleiro promotor inmobiliario.

Habería moitas máis propostas, mais penso que estas dúas xunto coas de Brétemas, as que me uno, xa irían facendo camiño.

quarta-feira, fevereiro 20, 2008

Dogma de Fe


ZP na súa ultima parvada da poxa preelectoral afirmou que "un 15% de las actividades académicas se desarrollarán en inglés". Eu, que son de letras, fago uns sinxelos números: 15% de inglés + 50% de galego = 65% . Polo tanto queda un 35% de actividade académica en castelán. Ante tan desproporcionado e intolerable reparto, agardo que eses grandes defensores da liberdade e dos dereitos lingüísticos que andan estes días a manifestarse e a pasear polo país adiante nun autobús cor laranxa, convoquen inmediatamente concentracións contra o ensino en inglés como fixeron ata o de agora contra o galego.
Por certo, algúns destes loitadores pola igualdade teñen acto hoxe en Vigo con contramanifestación incluida, se podo acudirei e mañá informarei da rifa.
(Actulización 22/2/08: aquí tedes as imaxes dos incidentes )

terça-feira, fevereiro 19, 2008

O comezo da fin ?


"Les prometí el pasado viernes 15 de febrero que en la próxima reflexión abordaría un tema de interés para muchos compatriotas. La misma adquiere esta vez forma de mensaje.
Ha llegado el momento de postular y elegir al Consejo de Estado, su Presidente, Vicepresidentes y Secretario.
Desempeñé el honroso cargo de Presidente a lo largo de muchos años. El 15 de febrero de 1976 se aprobó la Constitución Socialista por voto libre, directo y secreto de más del 95% de los ciudadanos con derecho a votar. La primera Asamblea Nacional se constituyó el 2 de diciembre de ese año y eligió el Consejo de Estado y su Presidencia. Antes había ejercido el cargo de Primer Ministro durante casi 18 años. Siempre dispuse de las prerrogativas necesarias para llevar adelante la obra revolucionaria con el apoyo de la inmensa mayoría del pueblo..."
(Seguir)

segunda-feira, fevereiro 18, 2008

Free Kosova


Desexaría ter estado onte á tardiña en Pristina e celebrar cos seus veciños o nacemento do seu Estado. Beizóns e sorte a todos eles, vana precisar.

quinta-feira, fevereiro 14, 2008

XABARIN POLA TARDE XA !!!!!!!



Xa vai para varios meses que os meus fillos ven violentados os seus dereitos lingüísticos sen que ninguén os defenda, agás o seu pobre pai e algún que outro simpático teimudo. A televisión pública deste país négalle o seu dereito a ter unha programación propia na súa lingua polas tardes como ata o de agora, para pasar a emitir dous capítulos dun instructivo culebrón. Actuacións como esta son as que me levan ao desencanto a min e a tantos outros que agardabamos algo máis. Se se pretende unha declaración institucional de apoio á San Gil ben podería habela tamén para o noso extinto Xabaril vespertino.
Chegará o día en que ningún dos nosos fillos falará xa a nosa lingua, iso si, no interior de Cuba haberá un fato de rapaces que se queceran na lareira encirrada con aqueles libriños en galego que un día inverno chegaron de alén mar...

quarta-feira, fevereiro 13, 2008

segunda-feira, fevereiro 11, 2008

Emoción


Este mediodía saía da oficina cando un mensaxeiro deixou un sobre da editorial. Abrino e atopei as probas do meu novo libro. Ilusionoume ver a miña novela dentro desa colección coa que medrei como lector e como escritor todos estes anos. Recoñecín tipografías, deseños e conmovinme coma aquela primeira vez co meu Sari. Levaba máis de dous anos carrexando esta historia sobre as costas, dende aquela esquecida primeira versión na que puxen tantas ilusións. Agora só queda corrixir as case trescentas páxinas. Devezo por ver acuberta e tela nas miñas mans recendendo a tinta e a papel, recén saída do prelo. E non podo contar máis que o editor se vai alporizar.

quarta-feira, fevereiro 06, 2008

5.110 días que ten a vida




Ocorreu hai un feixe de anos. Eu, daquela, aínda non tiña fillos, nin pensaba telos. Lembro ben a triste xornada da súa morte: un vintecinco de abril, o día do evanxelista e dos caraveis. Lembro a carraxe que me invadiu. Non podía entender como podía ocorrer. E isto foi o que escribín no meu diario:

Alporízome e rebélome contra a idea de que a derradeira imaxe del sexa a dun rapaz ao que non recoñezo, vencido polo cancro. Semella un daqueles rapaces de Chernobil. Tento lémbralo uns meses antes de que a enfermidade silandeira o devorase, e non podo. Parece incrible, pero non hai tanto tempo, tan só un verán, tan só uns meses.
A quen habería que facerlle unha biopsia é a deus, se é que atopa cama nun dos ateigados hospitais do Sergas, aínda que o cabrón seguro que ingresaba nunha clínica privada. Atopariámoslle un cancro. Un cancro de mortes, loias e inxustizas. A metástase da fe e da esperanza dos que aquí ficamos.
(Ti ao meu carón ves de esguello o que escribo e pregúntasme que é o que me alporiza. Eu de mala gana amósoche estas palabras e nos teus ollos agroman as bágoas que asolagan o meu pensamento e esvaecen por fin a súa imaxe)

Lembro o terror nos ollos da súa nai e do seu pai, esnaquizados, esboroados, carrexando sobre as súas costas o peso do inevitable. A loita desesperada, as gardas no hospital. O lixeiros que pasan uns meses. Unha caluga pelada, unhas veas queimadas polos velenos e solimáns.
Lembro a derrota, o enterro silencioso, o pranto do mar bravo nas penedías, o laio que todos levábamos por dentro. Lembro cando naceron os meus fillos, a vergoña e o pudor que sentía cando aquela nai orfa os ollaba, supoño que pedindo contas, procurando respostas.

Leo estes días a xénese toda da infamia e algunha que outra valente confesión e todo aquilo vólveme a cabeza. Creo que non quero mal a ninguén. Só desexo que cando a Parca se achegue a eles, aos anónimos denunciantes, aos políticos que lles deron pábulo, ou a calquera dos seus, prediquen co exemplo, se encomenden ao seu deus e rexeiten a axuda dun medico honrado e compasivo coma calquera daqueles do hospital de Leganés e agonicen sufrindo coma o seu salvador na cruz.

segunda-feira, fevereiro 04, 2008

Aleluia, fíxose a luz!


Ao cabo, nun deses xoguetiños aos que son tan afeccionados na consellería de cultura e que de tan pouco valen, agás para facer roldas de prensa na capital do reino, podedes ler, en versión monolingüe castelá, a quenda completa dos 46 creadores convidados a feira da Habana, aos que tamén lle puxeron rostro como se fosen perseguidos cuatreiros dun western. A carón dos indiscutibles, presenzas incomprensibeis e ausencias clamorosas.

Como no charter contratado deberon sobrar prazas, os da CRTVG organizan un concursiño e sortean dúas viaxes. Os damnificados, xa saben, a mandar correos ou sms cos seus microrelatos. Eu xa mandei un lote deles.

(Prometo non volver falar do tema, que xa parezo da oposición)