quinta-feira, julho 31, 2008

Unha mareira de 150.000 libros

Como último acto oficial antes das vacacións, o luns día 4 de agosto ás 20.00 presentarei Festina lente na Feira do Libro da Coruña canda o meu editor Manolo Bragado e o insigne Óscar Sánchez, cos que seguirei a animada conversa que comezamos na feira de Vigo. Como adianto, podedes ler unha entrevista que me fixo Manolo Veiga no nº do semanario ANT de hoxe.

Despois tomareime un respiro ata setembro. Pasaremos o mes en Prado, sen TV, sen wifi, case sen cobertura de móbil: o paraíso. Levarei o portátil e coma sempre non escribirei nada. De todos os xeitos cando baixe a Ponteareas ou a Cañiza a facer a compra tentarei facer algunha anotación dende un ciber. Pasádeo ben. Abur.

quinta-feira, julho 24, 2008

FESTIGAL


Mañá, Día da Patria Galega, anderei toda a tarde polo Festigal tentando asinar algún exemplar do meu Festina lente, na compaña do dream team de Xerais: Rosa Aneiros, Agustín Fernández Paz e Teresa Moure. Agardo que algún de vós se achegue e non me deixe só fronte eses monstros, literarios se entende, e os seus moitos lectores.

quarta-feira, julho 23, 2008

Cuarta crítica


Deixovos unha nova anotación
entrade e botade un grolo.

segunda-feira, julho 21, 2008

Terceira crítica


Deixovos unha nova anotación
no obradoiro da rúa d´Armada,
empurrade pola porta e entrade.

Galeusca


Leva razón O Levantador, é un esquecemento imperdonable. Cousas do estío. Vaia polo tanto a miña expresa adhesión ao Manifesto que dá oportuna resposta a todos eses españolistas paranoicos.

quarta-feira, julho 16, 2008

O estranxeiro

Falaba onte Jaureguizar sobre os títulos dos libros e preguntábase:

“Levo uns días pensando se Festina lente, a última novela de Marcos Calveiro, ten un nome caralludo ou foi un erro. Festina lente, bule a modo, é un dito latino e ten a virtude de que soa a Bach e asemade chama a atención e é doado de lembrar.”

Eu teño que confesar que escollín o nome definitivo da novela no mesmo intre en que asinei o contrato con Xerais. E non me arrepinto aínda que moita xente que me pregunta polo titulo sempre me responde cun: Festina que?

Barallei moito outros títulos, como Antifonario, Libro das Horas de Ambrosio Cavaleiro, O códice dos lavancos, Arxinas ... e ata un noite, antes de durmirme, atopei o titulo perfecto, mais por non erguerme para anotalo, a mañá seguinte xa o esquecera. E que eu, neses intres nos que tardo en botarme no van de Morfeo, escribo moito coa cabeza, pero xamais tomo notas. Hai tempo, perdín a trama enteira dunha novela que agardo recuperar algún día nos meus soños ou pesadelos. De todos os xeitos, por precaución, agora sempre teño na mesiña un caderno e un lapis, polo que poida pasar.

(Ilustra a anotación a cuberta dun dos libros que máis me impresionaron de mozo e que ten un titulo sinxelo e brutal de vez)

terça-feira, julho 15, 2008

Aquí xa é noite



Hoxe a partir da medianoite conversarei con Leo Toral no seu programa da Radio Galega. Falaremos de Festina Lente, de libros, de impresores, de Compostela e de mil e unha cousas máis.
Aproveito tamén para deixarvos unha nova e alimenticia anotación no obradoiro da rúa d´Armada.

segunda-feira, julho 14, 2008

Cidade da cultura...


...ou cidade do beneficio empresarial? Lendo esta nova e escoitando estas declaracións a resposta semella clara. Dende o Gaiás o cheiro a podre e o escepticismo ínzanse por toda a parroquia.

quinta-feira, julho 10, 2008

Nove candeas

Eran as 14.30 e rematábamos de sentarnos á mesa cando escoitamos a nova na radio. Non fixo falta dicir ren; ollámonos arrepiados e despois miramos aos nenos. Cos ollos engradados preguntaches:

Que mundo é este no que unha nai ten que arroxar ao seu fillo morto pola borda?

Eu calei, todos calamos. A esa hora o mundo enteiro calou, culpable e infame non foi quen de contestar.

Hoxe, a tardiña, acenderei nove candeas por eses nove meniños e as súas nais, e polos seus pais, e polos seus irmás e irmáns. Acenderei nove candeas por todos nós.

Dejé mi país para ser etiopé por un año



Así comeza o derradeiro poema que deixou Sergio Algora hai uns días no seu blogue. O músico, poeta e comelumes morreu esta noite pasada na súa casa de Zaragoza. A voz e a sombre tras El niño Gusano e La Costa Brava partiu para sempre coa mesma idade que eu teño. Boa viaxe. compañeiro.

quarta-feira, julho 09, 2008

Lo.Li.Ta.



Lolita, luz da miña vida, lumarada das miñas entrañas. Meu pecado, miña alma. Lo-li-ta: o bico da lingua emprende unha viaxe de tres pasos padal abaixo para petar, no terceiro, sobre os dentes. Lo.Li.Ta.

(Lolita,
de Vladimir Nabokov, tradución de Xesús Fraga, Narrativa K)

terça-feira, julho 08, 2008

As fantásticas 700 denuncias

Do sorprendente combate Marisol vs. Gloria de onte,

cada unha conta a feira segundo lle foi.

segunda-feira, julho 07, 2008

sexta-feira, julho 04, 2008

Tierra del Gollete


Supoño que tras asinar o intolerente Manifiesto por la lengua común, o "galego" Roberto Verino será consecuente coa súa infame actitude e mudaralle o nome a súa bodega, abandonará Galicia Calidade e devolverá as xenerosas subvencións que a bo seguro cobrou desa Xunta que só se comunica en galego cos cidadáns deste país. Aquí podédeslle deixar a vosa opinión e aquí escoitar a delirante chamada telefónica que lle fixo a xente de Radio Estrada ( vía Chuza) .

quinta-feira, julho 03, 2008

quarta-feira, julho 02, 2008

A cidade pechada


Despois duns días de verdadeira loucura promocional
do libro (moitas grazas, Celia), deixovos
unha nova anotación no obradoiro da rúa d´Armada.

terça-feira, julho 01, 2008

Na Feira do libro de Vigo


Hoxe, as 20.30, e na compaña do meu editor Fran Alonso e do insigne Óscar Sánchez presentaremos Festina Lente na feira do Libro de Vigo. Quedades convidados.

Actualización 2/7/08: A presentación estivo ben, case pechan a feira e Oscar máis eu seguimos falando. Entre o público, amigos, familia, escritores como An, Agustín ou Laura , descoñecidos, algún senlleiro blogueiro e Dafne, unha rapaza que traía Sari e Rinocerontes para que llos asinase. Entre o balbordo non tiven oportunidade de falar con ela un chisco, unha mágao, agardo que lea isto ou que nos atopemos noutra ocasión. Grazas a todos.