quinta-feira, setembro 04, 2008

Elmer, Robinson Crusoe e Mademe Bovary


Ao fío desta anotación de Eyré e do artigo de Dolores Vilavedra (Contra a teima taxonómica: Urxe crear espazos de encontro intrexeneracional arredor dos libros. Por que non propoñer lecturas familires?) no Protexta de Verán penso que se abre un interesante debate sobre o que len ou deberían ler os mozos do país. Falando sempre dende a miña perspectiva, eu sempre afirmo que fago literatura, sen ningún tipo de adscricións. Cando estou mergullado nunha historia nin penso a que público vai dirixida, eu tiro cara a adiante e tanto me ten onde a sitúe o editor dentro das súas coleccións, non teño prexuízo ningún. É mais, antes de que Ignacio Chao editase o meu Sari nin se me pasara polo caletre que o que escribía podía cualificarse como LIX.

Sobre a miña última novela, aínda inédita, tiven serias dúbidas sobre onde encadrala unha vez rematada, cousa que lle pasou tamén aos meus lectores de confianza cando a leron. Ante tal circunstancia envieina a premios tanto de narrativa “adulta” como de xuvenil, sen problema ningún. É evidente que hai autores que non aceptarían que unha obra súa se publicase nunha colección xuvenil ou infantil, pois o consideran un menosprezo, algo menor, algo que nin sequera se pode cualificar como literatura. Pola contra, hai outras autores que levan toda avida na LIX moia gusto e non teñen intención de saír dela, un exemplo diso é Agustín Fernández Paz, ou alguén se atreve a negar que malia iso é un dos nosos máis grandes escritores.

Concordo con Eyré en que dúas obras deses dous ámbitos poden dialogar sen que supoña demérito ningún para a “obra adulta”, a min no me inqueda que compare Veleno Tinto coa miña Festina Lente, supoño que a outros non lles fará tanta graza.

Malia todo o antedito a opinión publicada non valora igual unha novivade de LIX que de "adultos". Eu vivino nas miñas propias carnes con Festina, pois tivo unha repsercusión mediática moi por enriba de todas as miñas anteriores obras xuntas, e non digamos do meu libro de poemas. Se a literatura galega en xeral ten problemas de visibilidade e precisa de máis espazos, que dicir desa irmá pobre e apadumada que é a poesía.

Respecto a proposta de Vilavedra, concordo coa súa formulación inicial, mais cando chega a hora de propoñer esas lecturas familiares coas que os pais dialoguen cos fillos, só propón títulos de narrativa considerada adulta, agás os de Verne. Iso é facer trampa. Está ben que os rapaces suban un chanzo e penso que tampouco é preciso apupalos, todos o fixemos por vontade propia nas bibliotecas dos nosos pais. O verdadeiro reto e que os adultos baixemos o chanzo e compartamos con eles as súas lecturas, que nos mergullemos ao seu carón nun libro de An Alfaya ou de Xabier Docampo ou que gocemos léndolles aos mais pequerrechos as aventuras de Elmer o elefante de retallos. Ese é o verdadeiro reto, temos que ir ao seu recuncho, alí onde eles pasan as follas, sen prexuízos nin ataduras, na procura da súa literatura, da nosa, da de todos.

2 comentários:

Anónimo disse...

Veño de lela e degustala.

Alédame, e non o agardaba, que suscite implicaturas, diálogo fértil, o que escribín. Na vertixe coa que fago as anotacións, non reparara nesa "baixada de chanzo" que supón para os adultos poñerse á altura dos fillos. Non deixa de ser unha pena que aos adultos lles custe tanto. Esa baixada de chanzo supón unha suba xigantesca en canto á comprensión da vida e inclusive á liberdade e á alegria coa que se vive. Unha pena, seran burros!
A Constelación de Ío que escribín é tamén unha aposta nese sentido.

folerpa disse...

Eyré, cando falo desa "baixada de chanzo" fágoo dun xeito metáforico, pois penso que un adulto que se achegue a unha obra xuvenil non baixa ningún listón, pola contra penso que o sube e que iso lle axuda a medrar como lector na compaña dos rapaces. Penso que no campo da LIX estase a facer moita da mellor literatura do noso pais e é un mágoa que moito lectorado non se achegue a ela por un parvo prexuízo.
Moita xente coñecida pensa que Festina é o meu primeiro libro e cando lles falo dos anteriores algún ten comentado que iso non conta, que a LIX e a poesía non valen. En fin...