Pasado todo o rebumbio e tras recuar o vello profesor, as augas baixan manseliñas na nosa cultura. Semella que a intervención en, tan cativa e irrelevante ao meu parecer, polémica fixo que AELG, O Pen Clube e a Mesa xustificarán o porqué da súa existencia. A min non me preocupa o que diga Steiner, tanto me ten. Inquédome polo cidadán que escribe unha carta a un xornal ou fala nunha radio ou conversa nun vitrasa e dá un visión da situación lingüística deste país falsa e interesada a. É o grave é que ademais cre a súa propia mentira. Vivimos nun país ateigado de steiners, ese é o noso verdadeiro problema mais a ninguén parece preocuparlle. O relevante é a pírrica vitoria nunha guerra que estamos a perder. Nas barras dos bares non se fala doutra cousa: “Viches, viches coma recuaron, é que somos a hostia”. E os pais para que os seus fillos obedezan ameazan: “Mira, que chamo por Steiner”.
E agora a beber e a obedecer outra vez, ata a próxima declaración doutro ignorante bocalán, na que nos levantaremos de novo todos a unha e celebraremos a súa derrota malia que todo fique igual.
Mágoa que non aproveitáramos o asunto para abrir un debate moito máis construtivo e enriquecedor. Mágoa de non ter esixido o cumprimento do decreto de galego nas escolas, o regreso do Xabarin, un plan de normalización lingüística, o Instituto Rosalía, máis e mellores bibliotecas, filmes en galego, un verdadeiro plan de lectura e tantas e tantas outras cousas... Mágoa de tanta paixón e tan pouca reflexión. Mágoa doutra oportunidade estragada, de tantas palabras baleiras que xa levou o vento.
2 comentários:
mais steiners...
Demasiadas veces perdemos o noso tempo ollando para os de fóra e indignándonos por palabras no aire que pronuncian persoas como Steiner, deixamos correr os días en disputas decimonónicas en vez de mirar para dentro, para nós mesmos. E seguiremos así porque é a nosa natureza minifundiaria de matar ao próximo.
Asistimos, mais uma vez, a unha vella reclamación da denominada xeración dos 90: a renovación das formas, dos contidos, e novos espazos para a poesía. E asistimos, mais unha vez, á oposición dos centros literarios que temen morrer a mans dos fillos.
Eduardo Estevez incorpora, en xaneiro de 2006, unha tradición, amplamente desenvolvida noutras literaturas, á nosa: a participación do lector nos procesos de producción. Abre un dos primeiros blogs no noso eido cultural con esta temática. Grazas a el puidemos achegar os nosos comentarios, alterar liñas enteiras dos poemas ou propor ideas. Precisamente, esta innovación literaria é o argumento central polo que agora se lle retira o XIV Premio de Poesía Miguel Gonzalez Garcés.
Se, desde o ponto de vista filolóxico, é inadmisíbel confundir proceso poético de producción con obra ou produto final, desde o punto de vista do receptor non cabe máis do que pensar que sempre seremos unha literatura minifundista baseada no escurantismo. Por que? Pois porque se unha serie de persoas especializadas en litertura se deixan influir polas leas do sistema ata o punto de rexeitar os propios principios da escrita, que nos queda?
A poesía como xénero non é unha insipiración das musas senón o froito dun traballo de anos e anos, de longas sesións de correccións nas que unha coma ou un punto cambian completamente o significado do verso, na que un acento varía a métrica, na que unha grave altera a rima... se son os propios xurados e especialistas da literatura os que confunden o proceso poético co producto, se son eles mesmos quen negan o seu propio traballo formado e especializado afirmando que un bosquexo inicial é o mesmo do que unha obra editada, que nos queda?
Moi sinxelo: unha literatura que non se recoñece a si mesma co rango de producción especializada, un oficio sen rigor. Un escritor non é máis do que un instrumento dos deuses que non precisa ter unha formación que distinga elementos tan básicos como obra e rascuño, o escritor é aquel que decide o que o lector debe recibir...
Pois como lectora, como filóloga, négome a que me prohiban incluir os recursos da miña época na escrita (internet, os blogs,...), como lectora desexo unha formación literaria axeitada de aqueles aos que lles axudo a reclamar os seus dereitos de autor (os dereitos conlevan deberes) e como lectora expreso a miña indignación ante aqueles que prefiren gañar nos despachos o que non son capaces de gañar coa súa obra ainda que sexa a custa dun compañeiro de profesión.
Que nos queda? o minifundio literario.
http://www.vieiros.com/nova/69153/retiranlle-o-gonzalez-garces-a-eduardo-estevez
Estou dacordo con vostede en que o peor Steiner témolo aquí, na nosa terra, botando contra o noso idioma e "o noso" en xeral tódolos días (como mostra a Galicia Bilingue Asociation)pero tamén é certo, que é terrible que un persoeiro que sae nos xornais e lle di a todo o Estado español todo o que dixo é moi prexudicial para o futuro da nosa lingua.
Por outra banda, tamén concordo con vostede en que todo ese balbordo que se levantou con ese artigo debería ter servido para crear os cimentos dun futuro máis prometedor. Non foi así, polo tanto haberá que esperar outro Steiner...
Enviar um comentário