Algúns compórtanse coa cultura galega como noutrora Altea, a raíña dos etolios, fixera co seu benquerido fillo Meleagro. Cando era un naipelo, as Parcas agoiráranlle ao rapaz que a súa vida duraría tanto como un cádavo que naquel intre ardía na lareira. Altea, como boa nai inqueda pola sorte do seu filliño, amorteceuno e gardou o chamizo aínda morno nun estoxo, para así garantirlle unha longa existencia.
Pois ben, eses Alteas da cultura de nós teñen ese estoxo sobre os seus escritorios dende hai moito tempo como unha pertenza persoal, da súa exclusiva propiedade. Ás veces, coa cerimonia e solemnidade que tal rito esixe, ábreno e durante un intres aspiran o seu arrecendo a borralla na procura do seu estro creativo. Mais, pobre daquel que, confiado, tente achegar o seu nariz ao estoxo, pois a ben seguro sairá coas marcas duns afiados cairos como castigo pola súa ousadía. Amais, calquera que se aproxime será, de inmediato, acusado dun delito de lesa maxestade: tentar queimar o chamizo, atentar contra a vida de Meleagro, atacar a cultura galega.
O estoxo é deles, perténcelles, ao parecer, por todos este anos loitando contra aqueles que si querían queimalo, contra os verdadeiros inimigos da nosa cultura. Os demais, os que vimos tras destas suspicaces nais, só podemos mirar e calar, ou como moito, de cando en vez, acanear a cabeza de arriba a abaixo como guiados cadelos. Iso si, o chamizo, nin tocalo.
Quizabes, no noso país, mais que Procrustes, o que hai é moito Auxías. Xa sabedes, aquel rei do Peloponeso que xamais recollía o estrume das súas cortes, aquelas que Heracles limpou desviando o curso de dous ríos, dentro da súa xeira de doce traballos. Auxías negouse a pagarlle e atopou así a morte, por cocho e mal pagador.
Eu estou tranquilo, mais outros semellan non estar na mesma situación, e en vez de recoller o estrume das súas cortes, o esparexan polas dos demais. A min, en realidade, tanto me ten. O meu cortello está limpiño e non teño débedas con ninguén.