quarta-feira, abril 08, 2009

Azar


A semana pasada rematei e corrixin unha nova novela e, isto xa comeza a ser un vicio perigoso, empecei a matinar no meu próximo proxecto: retomar aquela serie que non interesou a ninguén, mirar a America con aquela vella idea. Non sabía moi ben cara a onde tirar, mais un libro co que me agasallaron no IES Castro Alobre tras unha fantástica charla cos rapaces a conto de Festina lente, deume a idea. Precisaba procurar por un vello recorte de xornal de hai catro anos que tiña gardado nalgures sobre o meu escritorio, nel estaba o celme desta nova historia. Pasei toda a fin de semana tras del e non houbo maneira de atopalo, batín con esvaecidos recortes de hai dez anos pero do que precisaba, nin pegada. Xa desistira e comezara a ler o que tiña escrito da serie, cando, hoxe ordenando o escritorio da oficina, o maldito recorte caeu ao chan entre un feixe de papelorios.
Teño claro que non podo deixar pasar esta brincadeira do azar, así que alá vou. A historia, polo de agora, comeza en New Jersey a comezos dos oitenta coa morte dun vello emigrante galego, pero dá moitas voltas no espazo e no tempo... Aínda non teño o final, nin a estructura, pero si a historia e os personaxes, así que todo se andará.

2 comentários:

Anónimo disse...

Vaia, non deixamos de darlle parabéns! Canto me alegro...
Xesús F.

folerpa disse...

Graciñas Xesús, sempre andas ao loro.