quinta-feira, abril 23, 2009

Made in Galiza


O políglota e cosmopolita conselleiro de Turismo non fala catalán na intimidade como Aznar, mais le uns versos dese perigoso radical de esquerdas que é Ferrín antes de durmir. E cóntanos máis e máis cousas perante unha coca-cola e un sanwich:

"La cultura gallega está muy bien pero limita, prefiero la cultura hecha en Galicia"


"... fomentando o de Galicia ou que se produce en Galicia, non só o que abrangue o adxectivo galego . No meu mandato proxectarei a cultura que se fai aquí, sexa quen sexa, na lingua que sexa."

11 comentários:

X disse...

É que non hai que limitarse, iso xa está anticuado.

Anónimo disse...

Hai que ver como dispara vostede ultimamente!
:-)

folerpa disse...

X, non entendo moi ben o teu comentario, de todos os xeitos non é cuestión de estar ou non anticuado, é de ter as cousas claras: a literatura galega é a escrita en galego, e non hai máis volta. Ou vai agora a consellería a promocionar a Marta Rivera de la Cruz, por poñer un exemplo. Entendo que non é así noutras artes que non teñen a linguua como vehículo transmisor da súa expresión, pero na literatura non hai dúbida.
Anónimo, eu non disparo, son eles os que se meten balazos nos pés. Só levan catro días no cargo, pero a este paso a próxima semana están todos sen dedas.

folerpa disse...

Arre Carallo!!!!! non vai nin unha semna e xa boto en falta aos da boina. Saudades de Palmou, de Portomeñe, de...
Vou tomar unha tila que me vai dar algo.

Kane disse...

Na miña opinión, definir se unha literatura é "galega" ou "tibetana" non debería facerlle perder demasiado tempo a ninguén con debates. A literatura galega é a escrita "en galego"? Eu teño días. É posible que se un escritor de Ourense escribise en inglés como Jim Thompson, doería menos que se escribe en castelán como Marta Rivera de la Cruz. A un escritor galego que escribe en castelán considerámolo un asimilado se somos un chisco hooligans da Cosa Nostra (=país, nación, patria) pero se o fixese en italiano resultaríanos exótico. Non é o mesmo que unha estrela do Depor marche ao Real Madrid que ao Manchester United, para entendernos. Como que non escoce tanto. A min, "La catedral y el niño", de Blanco Amor, paréceme literatura galega escrita noutro idioma, do mesmo xeito que Fran Vázquez me parece un pívot galego que xoga no Barça e Nacho Novo un dianteiro galego que xoga no Glasgow Rangers. O adxectivo identitario está moi ben para os queixos,pero na literatura sóbrame un pouco. En todo caso, é certo que vivimos tempos moi complexos e que os verdugos preséntanse como vítimas. Non hai máis que escoitar a Cope. Así que do mesmo xeito que nalgúns libros de texto de literatura española se inclúe a lírica medieval en galego-portugués, non sería moito pedir que nos manuais galegos se citase a Valle-Inclán, por aquelo de dar guerra. Sufrir os danos coletariais de certo narcisismo identitario pode levarnos a deixar de lado a figuras tan importantes como José Ángel Valente, cuxa nacionalidade era "una oscura ratonera vacía" y a súa patria o deserto. Claro: era un místico. Comprendan que elevándose un pouco sobre a placa euroasiática, xunguirlle etiquetas identitarias á literatura sexa cousa non demasiado importante.
Iso si: que pesadez isto de tentar vivir e escribir nunha lingua de pobres.

folerpa disse...

Kane, tanto me ten en que lingua se escriba, canda un toma as súas decisións, é tendo todo o dereito a tomalas. Para min non é un cuestión de narcisismo identitario senón meramente literaria. Ou Nabokov pertence á literatura rusa ou Conrad á polaca?
A min non me doe que Marta escriba en castelán, como se o fai en esperanto pois non me interesa o máis mínimo. Pero o que non pode e dicir logo que se sinte marxinada neste país pola súa escolla lingüistica. Ela soa ocupou máis espazo nos medios galegos nestes anos que todos os poetas galegos xuntos, por exemplo.

A comparanza co futbol non me vale: os escritores non somos deportistas ainda que a min non me importaría que me fichaxe o Rangers ou o Liverpool por unha millonada ;-).

R.R. disse...

Moi interesante asunto, claro, e moi interesante o comentario de Kane, pero defender unha consellería de cultura para o fomento da cultura en galego non leva aparellado fechar os ollos ás granduras de fóra a non ser que un sexa un... (adxective vde. mesmo)

Mirémolo dende outro punto de vista, e cuidado, non digo que a Consellería de Cultura sexa a seguridade social. Pero alguén imaxina que o INEM se dedicase a repartir subsidios entre os que teñen traballo (mercado)?

Por outra banda, eu escribo no idioma que me sae dos aqueles, pero supoño que se un meu libro en castelán non se vende non podo botarlle a culpa a que escribo nunha lingua marxinada e sen mercado, e para pedir axudas teño o Ministerio de Cultura.

Unhas últimas preguntas (así se chamaba o programa relixioso da tele en tempos): ¿por que motivo existe a Consellería de Cultura habendo un ministerio? E vou máis alá: ¿cal é o feito natural/cultural máis determinante para que naza a necesidade de ter a Xunta? Non nos equivoquemos, exactamente ese. E insisto: eu escribo no idioma que me peta pero non se me ocorre ir pedir axudas á Consellería de Cultura para os meus espectáculos/libros en castelán. Bastante temos con amañar o noso, que moita faltiña lle fai. ¿Ou é que non miramos os últimos datos do mercado do libro e da situación do idioma?
Ten razón, Folerpa: non pasou a primeira semana...
Final poético: ando por Guimarâes e aquí neva en abril, fermosísimo: o pole dunhas árbores importadas. Bonito, si, pero pica o nariz, choran os ollos.

Acuática disse...

Non é posíbel. Seguimos dándolle volta a que é literatura galega, e non ten discusión. Beckett engrandeceu a literatura francesa, a mantenta, renunciou a seguir escribindo en inglés, polos seus motivos, como afastarse da cultura inglesa e das súas raizames. Nabokov agrandou a literatura inglesa, como o fixo Conrad... E Rosalía e Blanco Amor fixeron unha alta contribución á literatura española, ao tempo que edificaron a galega... xa está, unha obra pertence á lingua en que está escrita e punto, ou é que os que escriben en español se avergonzan de pertencer á literatura española? POis outras decidimos escribir na nosa lingua e somo escritoras galegas, malas ou boas, e agardamos que a Consellaría galega apoie a literatura galega, como a Consejería de Cultura de Castilla-La Mancha apoia a literatura española. Cae de caixón. Ou le pedimos aos franceses que promocionen a literatura gaelga desde París?

Xa non consigo nin abraiarme.

Anónimo disse...

Xa botaba de menos unha opinión sobre o conselleiro de Turismo. A Bragado, por exemplo, non lle leín máis que boas palabras e silenzos (axionllados?) despois.

folerpa disse...

Acuática, non te inquedes que terás tempo a abraiarte, senón ao tempo.
Anónimo,aquí eu respondo das miñas opinións e non das dos veciños. De todos os xeitos é sorprendente que só aquí atopara o que procuraba pois as declaracións do conselleiro de Turismo merecían unha resposta contundente por parte de moitos colectivos, organizacións e asociacións culturais deste país. Ulos andan? Supoño que caladiños, á espreita da próxima subvención.

X disse...

Desculpe, ata hoxe non vira a súa resposta. O meu comentario era simplemente irónico, concordo co dito por vostede.
Saúdos.