terça-feira, junho 13, 2006

Sudokus

Levo uns meses facendo unha pequena enquisa sobre os hábitos de lectura nos transportes públicos, neste caso o vitrasa no que moitos días e durante media hora atraveso a cidade de casa aos xulgados. A mesma non ten vocación científica ningunha, os meus coñecementos de estatística son nulos, pero entendo que é reveladora de moitos comportamentos. Denantes de ofrecer os datos quero destacar un feito arrepiante: os cadernos de sudokus son un verdadeiro andazo que están a decimar as ringleiras de lectores. Pasaxeiros que antes eran habituais lectores pasáronse ao maldito pasatempo numérico abandonando os seus libros nun recuncho das súas casas. Tamén é notábel a penetración dos diarios gratuítos, pero alomenos estes ofrecen unha lectura, sexa de maior ou de menor calidade, e neles pódese ler a Javier Calvo ou a Jordi Costa.
A min o dos sudokus supérame. Non sei que saca un deles, agás estragar neuronas que co tempo botaremos en falta cando nos acheguemos a silandeira demencia senil. O dos encrucillados xa é outra cousa, neles aprendes vocabulario e se tes interese e acodes ao dicionario podes atopar un mundo de verbas. Eu recoñezo que aprendín máis castelán facendo aqueles lendarios encrucillados de Peko que en tódalas miñas clases de lingua e literatura.

2 comentários:

acedre disse...

Eu penso que e unha moda pasaxeira. O veran pasado tinha eu unha teima cos sudokus que xa sabia de onde vinha o nome: suda-o-cu.

Anónimo disse...

Non sempre hai que sacar algo das cousas. Entreterse e manter a mente activa xa é bastante.