quarta-feira, outubro 01, 2008

Aníbal


Hai agora quince anos da edición de Un home que xaceu aquí de Aníbal C. Malvar (lina o sábado ata a madrugada e segue espléndida). Con ela comezou unha extraordinaria tetraloxía que no seguinte lustro daría ao prelo A man dereita, Premio García Barros 1994 (que estou a reler tamén e é unha magnifica intriga político- xornalística) ; Unha noite con Carla, Premio Xerais 1995, e Á de mosca como remate en 1998, a sua piece de resistence, a mellor novela negra da historia da literatura galega. Logo como se fose aquel xeral cartaxinés ás portas da imperial Roma, Malvar recuou e calou.

Xa van alá dez anos da súa ausencia, que eu considero unhas das perdas máis significativas das nosas letras. Quizabes foi una adiantado a súa época, alguén que transitou camiños que ninguén volveu percorrer, malia que algúns o tentaron con escaso resultado. O seu rexistro lingüístico cun galego urbano trufado de xerga debería ser estudado polos filólogos. Os seus diálogos afiados como o gume dunha navalla, con replicas lixeiras e inzados de de sentenzas e citas memorables. As poderosas metáforas que como labaradas xorden na narración. E por enriba de todo o ritmo, constante e trepidante, que leva a catrapolas ao lector ata o remate.

Agora anda de xornalista por Madrid e conserva ben engraxada a súa pruma. A miña esperanza é que Ineditor ven de editar hai uns meses a tradución ao castelán de Un home que xaceu aquí e eu agardo que isto supoña un indicio de que vai retomar axiña a súa andaina literaria.

Quédannos o seus libros, procurade por eles. Estou seguro que non vos defraudaran.

2 comentários:

Anónimo disse...

Comparto cen por cen o seu comentario. Aníbal Malvar deixou unha marca indeleble na renovación da narrativa galega máis recente. Os anos que pasaron demostran a pervivencia do seu modo de contar, o interese dos seus temas, o persoal dun estilo elaborado. Non lin toda a narrativa policial galega, así que non podo ser tan taxativo, mais creo que debe ser do mellor. Aínda que por que reducilo á narrativa policial? Eu incluiríao dentro da narrativa, sen máis. A narrativa con maiúsculas.

folerpa disse...

cabaleiro, ando estes días e reler a súa tetraloxía cunha sensación de marabilla e tristura mesturadas. Apéname que perdésemos un autor desa altura, un autor para todos os públicos, un autor que podería ter feito moito polas nosas letras. Agardo que non sexa tarde de máis para o seu regreso. Respecto ao do xénero levas razón, pero non quería ser taxativo de mais.
Engadir tamén que o día que se estude nas facultades de historia e de políticas o rexiem fraguista os seus libros serán de gran axuda.