quinta-feira, outubro 16, 2008

Elitismo cultural


"Un dos serios problemas que padece a literatura galega no seu conxunto -coas consabidas e parciais excepcións, todo hai que dicilo- é que non ten unha recepción social normal. E, a pesar diso, a nosa creación literaria está, cuantitativa e cualitativamente, moi por riba da sociedade -e sobre todo no plano estético- á que inicialmente vai dirixida."

Fernán Vello dixit.

É dicir, que a culpa non é dos propios creadores, nin dos editores, nin dos intermediarios culturais, senón dos pobriños lectores que non están á altura ética e estética do que escribimos e lles queremos vender.

Compañeiros, ás barricadas! Abandonemos a Bastilla! A xentalla non nos comprende! Tomemos á Corte! Reconquistemos pazos, fastos e xardíns. Que os príncipes e os reis rían de novo coas nosos ripios de bufóns ben mantidos.


12 comentários:

arume dos piñeiros disse...

O rei espido, amigo Folerpa. Qué grande post!

apicultor disse...

Pois de todo hai na viña do señor. Alfaias ten razón, mais tamén Fernán-Vello. Aquí hai para repartir folgadamente a todos.

Alfredo Ferreiro disse...

Agarda un momento, compañeiro. Tiveches en conta que o contexto desa intervención de Fernán Vello está marcado pola súa anterior en relación á afirmación de Francisco Rodríguez? Creo que este último foi que máis se pasou:
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=149&idNoticiaOpinion=352888

Que problema hai? disse...

Ante unha "acusación" que non pode ser tal, non fan falta desculpas de mal pagador, don Alfredo.

Anónimo disse...

Como di Cabrera Infante na súa novela póstuma:
fornicatio non petita
violatio manifesta

Anónimo disse...

Hai libre clásico que explicar todo isto: Diglosia e texto, de Antón Figueroa, Ed. Xerais. É evidente que as declaracións de Fernán Vello teñen ese libro no subsolo. E é tamén evidente que nun país diglósico a recepción da literatura en lingua B non é "normal". A tendencia ao lirismo, ao medievalismo, ao etnografismo, ao costumismo... Sóalle de algo?

Alfredo Ferreiro disse...

A cuestión para min está na visión de Francisco Rodríguez, cando di: "A incidencia práctica, social, cualitativa, da nosa literatura é hoxe menor que nos últimos anos do franquismo. De idade de ouro, nada. Hai traballo, obra cuantitativa. Algunhas obras e autores, de admirar e respectar, moito desnorte e pose, pouca atención ao real circundante, para afondar na súa complexidade e humanidade. O campo literario expresa moitas limitacións e miserias da nosa realidade socio-cultural e da súa forma de institucionalización. Resúltame difícil de entender que haxa compracencia sobre o estado e situación da nosa literatura neste contexto".
Poñendo á parte a reacción de Fernán Vello, máis ou menos fina para cada quen, é a de Rodríguez unha visión apropiada para un político galeguista? Por outro lado, é a perspectiva de alguén que comprende que a arte debe surxir na total liberdade artística e non dun programa político? É, portanto, mellor unha obra literariamente cando ten máis repercusión política?

folerpa disse...

Carafio, un deixa desantedido o bar un día e os parroquíáns sublevanse.
Graciñas, arume, apicultor e anónimos varios.
Alfredo, coñecía as declaracións de Paquiño e tanto me ten. Hai anos que non me interesa o que din os nosos próceres e máis cando falan da cultura galega. Eu non escribo para a intelighensia nacionalista, por min como se len a Steiner.
O que non é de recibo son as declaracións do editor e vate, dalguén que foi presidente da AGE e non se poden xustificar diciendo que se son unha resposta ás de Paquiño.Só lle faltou chamar parvos a todos os lectores, pobriños eles que non entende as miñas metáforas nin o prodixio formal dun alexandrino. Mimadriña, que tropa!!!!!!

arume dos piñeiros disse...

Isa mesma pregunta fago eu: é apropiada a visión de Paco Rodríguez por ser político galeguista? Cal debería ser? Hai unha visión obrigatoria ou predeterminada para políticos galeguistas?
En todo caso, permítanme engadir que eu nas declaracións de PR non vexo máis ca unha razoada (outra cousa é que se comparta) opinión sobre a literatura galega. Os seus criterios sobre a relación entre literatura e sociedade (tampouco vexo eu o programa político por nignures) son discutibles (como todos, por outra parte), pero somete os seus gustos a ese para el ausente vencello. Se a PR non lle gusta o que le, por qué non vai dicilo? E se non lle gusta que ademáis a xente diga que a literatura galega é boa por qué non vai notalo? Ou é que, por ser político galeguista, ten que estar calado?

Anónimo disse...

Eu creo que hai un xuízo de intencións. Non se comenta o que se dixo senón o que se quixo dicir. Fernán Vello sabe, como editor que é, os libros que vende e os libros que se len. Obviamente un político, como Paco Rodríguez, non ten por que ser sincero nese asunto cando cala noutos varios. As súas palabras son fruto do resentimento e de certa meneira de comprender a literatura galega que ten ido espallando ao longo de toda a súa bibliografía. Para el só existe Rosalía, Castelao, Blanco Amor e para de contar. O resto é borralla. Señora Arume dos Piñeiros, lea vostede a Rodríguez, antes de proceder a defendelo, e logo dígame se concorda co seu ideario ético.

ARUME DOS PIÑEIROS disse...

Eu non defendo a PR: eu defendo o dereito de PR a dicir o que di.
Eu estou moi lonxe do ideario político de PR. Do ético pouco lle sei, porque nunca o tratei (nin siquera coincidín con el) e só coñezo a súa faceta política.

Alfredo Ferreiro disse...

Arume:
PR como cidadán e como intelectual pode dicir o que lle pareza, evidentemente. E como político, o que lle corresponda segundo a función que teña no partido. Nada diso me molesta.
Mais como eu tamén podo expresar a miña opinión, vexo nas súas afirmacións unha perspectiva moi politizada da literatura que non podo compartir, e á que F Vello respondeu algo arroutadamente para facer frente a esa visión. O que comparto con este último é a oposición que fai a ese discurso que apoia unha arte necesariamente ideoloxizada.
Estou de acordo co Anónimo anterior en que a de Francisco Rodríguez é una perspectiva que o caracteriza, tan respectábel en xeral como inapropiada para asegurar a necesaria liberdade creativa, na miña opinión.