quinta-feira, outubro 09, 2008

M.


Levo máis de dez anos tomando o café no mesmo bar antes de entrar no choio polas tardes (son un home fiel e contraditorio a vez). Os donos do negocio son uns emigrantes retornados da Arxentina: o home aténdeo polas tardes ata ben entrada a madrugada e a muller polas mañás. Durante todos estes anos vin medrar ao seu fillo M. entre as mesas, axudeille cos deberes en máis dunha ocasión, escoitei ao seu pai falar con orgullo dos seu éxitos no baloncesto e ultimamente ata falamos de dereito romano pois comezara a facer dereito económico. Lembro tamén como o pai gardaba os xornais e me preguntaba polo significado desta ou daquela outra palabra en galego, ata aprendera a dicir "café con xeo" co seu acento porteño a forza de pedirllo eu nos días de solleiro. O bar levaba pechado unhas semanas e pensei nela, que se operara, e supuxen que a recuperación andaba un chisco máis lenta do previsto. O xoves pasado vina na beirarrúa con face de derrotada, máis eu ía con présa e por non cruzar a rúa...

Onte, estrañado, pregunteille a un veciño e souben a verdade: ese rapaz que vin medrar entrou en urxencias hai un mes polo que semellaba unha parvada. Xa non saíu e agora, afouto, loita na planta de oncoloxía contra unha leucemia que se estende polas súas veas coma unha alimaria voraz. Conteillo a Men pola noite, na terraza, mentres os nenos durmían e lle daba a roupa que ela tendía. Cos ollos engradados, díxome que prefería que non lle falase desas cousas...

Hoxe, aínda teño o arrepío no corpo, amais esta historia lémbrame a unha espiña aínda cravada ben fonda no meu interior. E por enriba, esta mañá o meu fillo díxonos que estaba canso e preguntounos se podía quedar en casa e nos dixémoslle que non, a non ser que estivera enfermo...

1 comentário:

Anónimo disse...

Fraxilidade.
Medo.
Esperanza.