Non pensaba eu entrar nunha valoración xurídica do afaire Estevez, mais o feito de que o xurado se escude agora no asesor xurídico da Deputación para a toma da súa polémica decisión, obrígame a puntualizar algúns estremos, facendo a aclaración de que eu non comparei o orixinal e os poemas do blog. Creo que acudir a Lei de Propiedade intelectual e partir dun erro sobre a normativa xurídica a aplicar, non estamos ante una problema de dereitos de autor senón ante un estrito problema contractual civil.
1º As bases do premio podémolas conceptuar coma un contrato entre a entidade convocante e o autor que presenta o seu orixinal a concurso. Polo tanto entre as partes, o xurado e o autor, esas bases eríxense como o marco xurídico que regulará as súas relacións.
Perante a impugnación presentada o xurado debe interpretar as cláusulas dese contrato, é dicir as bases do premio, e ver se o orixinal presentado se axusta ou non a elas.
2º O primeiro principio que rexe a interpretación dos contratos segundo o noso Código Civil é o da boa fe. Principio que eu entendo que non foi conculcado nin por Eduardo, aos poucos intres da concesión do premio recoñecía que o celme de parte do material poético do seu orixinal estaba nun blog; nin tampouco polos membros do xurado que ignoraban a existencia da bitácora e que na mesma estaba a orixe do poemario, ignorando polo tanto a súa autoría. Outra cousa ben distinta sería que nas deliberacións algún membro do xurado identificase o orixinal de Eduardo, nese momento debería quedar excluído ipso facto.
Polo tanto para interpretación das bases que poden resultar ambiguas, sobre todo aquelas referidas aos termos “obra” e “inédito” débese acudir aos artigos 1.281 e seguintes do Código Civil que establecen as normas de interpretación dos contratos.
3º A interpretación do termo “obra” atendendo as devanditas normas non deixa lugar a dúbidas. As bases non distinguen entre a totalidade o unha parte do mesma, polo tanto a obra debe ser considerada na súa totalidade. Son identificables o orixinal e o blog na súa globalidade? Semella que non. Polo tanto que algúns versos ou poemas concorden non supón un incumprimento das bases. O termo “obra” ao abeiro do Código Civil debe entenderse como aquel sexa máis conforme coa natureza e obxecto do contrato, polo que estando ante un concurso literario non é preciso entrar en disquisicións semánticas: todos temos claro o que é unha “obra” neste contexto. Non podemos distinguir onde o contrato non o fai, nin comprender nel cousas distintas ou casos diferentes aos expresamente especificados.
4º A interpretación do tremo “inédito” e partindo do feito que o xurado obrou con boa fe nas súas deliberacións, vai intrinsecamente unido ao de “obra”. Falamos polo tanto dunha “obra inédita” na súa totalidade como dixemos. E neste caso semella que o orixinal non aparece no blog tal e como se presentou a concurso. Asemade para interpretación do termo inédito tampouco podemos distinguir onde o contrato non o fai, nin comprender nel cousas distintas ou casos diferentes aos expresamente especificados. Como en ningún momento se fala de soporte dixital, non se pode facer un interpretación extensiva do termo que recolla por analoxía casos que non están especificamente recollidos.
4º Non me quero estender máis. O caso é que sería este un preito apaixonante polas súas moitas implicacións xurídicas. O que compre é que dende algunha organización, penso que a mellor sería a AELG, se redactase un modelo uniforme de bases para que se remitise a todas as institucións convocantes para evitar no futuro polémicas coma a que nos ocupa.
Colexiado 1.359 ICAV
13 comentários:
Se precisamos acudir a estas para min interesantísimas reflexións xurídicas (ás veces penso que errei na miña profesión) é porque o asunto non é tan fácil coma as intervencións nestes días están a suxerir dun xeito tan contundente.
Alégrame, pois, saber que hai partido. E, polo que se ve, con prórroga.
Concordo maiormente coa análise. Unha das cousas que lle recomendei a Eduardo foi que levase o asunto polo legal até as últimas consecuencias, sobre todo polo turbio precedente que se está creando e coa sana intención de viralo en beneficio da creación en rede. De todos xeitos, penso que o conto há de morrer aquí.
Mario, penso que Eduardo o ten claro e dun xeito persoal entendo a súa postura e que queira rematar aquí a polémica, eu supoño que faría o memso. Outra cousa é que a min, como avogado, me pareza apaixonante o asunto.
INCLUSO ENTENDO QUE CON ESTA NOVA DECISION CALQUERA AUTOR QUE SE PRESENTASE AO PREMIO PODERIA IMPUGNAR XUDICIALMENTE ESTA NOVA RESOLUCION DO XURADO, POIS LLE DAN O PREMIO AO FINALISTA NUN CLARO INCUMPRIMENTO DAS BASES, CANDO O AXUSTADO A DEREITO, DE FACELO, SERIA DESCUALIFICAR A EDUARDO E DECLARALO DESERTO. ASÍ QUE AINDA HAI MÁIS LEÑA NA CACHARELA.
Con todos os respectos, o da boa fe é acojonante. En todo caso, e se Eduardo actuou de boa fe, tamén hai que supor que o fan X. Lamas e o xurado cando lle quita o premio, non si?
A min tamén me parecería máis xusto que se declarara deserto.
Grazas por ilustrarnos, señor doutor.
Anónimo, cando falo de "boa fe" o fago nun senso xurídico, coma un principio xeral do dereito que se emprega na interpretación dos contratos. A esa boa fe refírome no post e non a honradez qeu prode presidir as actucións de calquera. Entendo que pode semellar unha parvada, máis non o é.
Concordo contigo en que o máis axustado a dereito, que non máis xusto, sería telo declarado deserto.
Evidentemente non entendo de leis (nin de moitas outras cousas), pero sexa como sexa entendo que ben nun sentido xurídico ben nun sentido moral, haberá que aplicar o principio a todo o procedemento, non só a unha parte do mesmo, e así tódolos actos quedarían igualados nese sentido. A cuestión volvería a reducirse a se podemos considerar garantido o anonimato do concursante. E a resposta é non. Así o caso sería análogo ao concursante que presentara só 150 versos cando se pedían 600: os versos poderían ser os mellores do mundo, pero non habería outra que quitarlle o premio.
Home, non. Porque cando as bases esixen o anonimato esixen que os libros sexan presentados de forma anónima, non que o anonimato sexa absoluto. ("As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados de plica na que conste o título e o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.") O teu libro non é un secreto de estado, se está inédito pero llo amosaches a 3, 8, 50 ou 100 amig@s segue estando inédito, o único que se che esixe é que non o presentes co teu nome á vista.
A mesma cantidade de poemas ou versións que había en "En construción" poderían estar en calquera revista asinados polo autor sen que por iso se considerasen editados nen se poida entender que se vulneran as bases.
Iso coas bases na mao. Claro que na Deputación deben ler doutra forma máis innovadora ou unhas letras que o resto dos mortais non vemos.
Ola, Mario
"cando as bases esixen o anonimato esixen que os libros sexan presentados de forma anónima, non que o anonimato sexa absoluto"? Esto xa é rizar o rizo, pénsao un pouco. Ou é anónimo ou non é anónimo, non se pode ser só un pouco anónimo: "Hoxe preséntase o libro anónimo de Mario Regueira".
"O teu libro non é un secreto de estado, se está inédito pero llo amosaches a 3, 8, 50 ou 100 amig@s segue estando inédito, o único que se che esixe é que non o presentes co teu nome á vista." E se entre eses 50 están os membros do xurado vale tamén?
E agora vou eu rizar o rizo: coas bases na man, pode presentarse ao premio un membro so xurado? Baixo lema, por suposto, de forma anónima. Coas bases na man.
Clarísimo, Folerpa. O principio de boa fe levou ao xuri a premiar o libro de Estévez na primeira e a reacción legalista de Lama debería ser rexeitada polo xurado partindo deste principio incontestable.
Orabén, se o xurado actuou de boa fe na primeira e, asumimos, tamén na segunda reunión, a súa resolución non pode ser impugnada por Estévez co que el volve ter razón desta ao rexeitar o dereito de recurso que lle concede a Lei.
Anónimo and Co., non pretendía facer un tratado xurídico coa miña anotación, só puntualizar algúns termos do debate, polo que non podo agora facer consideracións sobre algúns dos temas que plantexades. tería que montar un blogue específico. Malia todo hai que ter en conta unha cousa: O DEREITO E O SENTIDO COMUN MOITAS VECES NON VAN UNIDOS. É unha mágoa que eu coma avogado afirme iso, pero a miña experiencia profesional de máis de quince anos así o acredita.
Pois desgrazadamente sempre se é un pouco anónimo, porque sen blogues nen nada de por medio eu sabería á primeira que ese libro é de Eduardo Estévez, e non digamos xa se se presentan Chus Pato ou Pexegueiro. O estilo dos autores que levan anos publicando é moi doado de sacar, aínda que non exista a certeza absoluta. De todos xeitos insisto en que a "esixencia de anonimato" é unha esixencia moral que neste caso se cumpriu sobradamente, e que non aparece como tal nas bases por ningún lado.
E se esas persoas ás que lle ensinan o libro forman parte do xurado iso queda en maos da integridade do xurado. Eu por principios non votaría por un libro que alguén me deixou previamente, e quero crer que o resto da xente fai o mesmo.
E finalmente, o caso que apuntas é de laboratorio. Supoño que niguén terá os arrestos de aceptar ser xurado dun premio ao que se presentou, aínda que eu aposto por non perder a capacidade de sorpresa. En calquera caso aí habería un conflicto de intereses, cousa que aquí non se dá por ningures.
Ola de novo, Mario
"aínda que non exista a certeza absoluta" é a chave do asunto: centos de obras anónimas hai na literatura universal que teñen centos de pais postos por centos de expertos que se cren coa capacidade de recoñecer esa paternidade. Pero siguen a ser anónimas. Por algo será. Malia os expertos. E non son nin un pouco nin moi anónimas. Son anónimas e punto.
En canto á integridade do xurado, non dubido nin un segundo, e se dubidara, aí está a súa resolución final. E é precisamente porque non dubido da súa integridade á hora de darlle o premio a Eduardo, que tampouco dubido dela á hora de sacarllo. Se había motivos xustos para darllo, tamén para o contrario. E calquera que defenda a lexitimidade da súa primeira decisión ten que defender a segunda.
En canto ao caso de laboratorio, improbable ao cen por cen, era para demostrar que as normas non teñen porqué estar todas escritas. A lóxica e o sentido común tamén forman parte das bases, e o anonimato, sexa pedido de xeito explícito ou non, suponse e é, entendo, necesario.
Enviar um comentário