segunda-feira, dezembro 01, 2008

Folerpas


Onte a media mañá estábamos xa no alto de Fontefría que nos recibiu cuberto de neve e case deserto. O nenos felices cantaban panxoliñas e botaron a correr polo monte cos seus trineos. Os adultos axiña os imitamos e durante unhas horas de lecer todos volvemos ser rapaces entre chanzas, xogos e e gargalladas. Comezou a nevar con forza e todos, pequenos e maiores, miramos cara ao ceo coas bocas abertas papando folerpas coma peixes que boqueaxen fóra da auga. Logo, de súpeto, coma nunha miraxe, saiu un tímido sol e repusemso forzas: unhas galletas para os nenos, café quente e oporto para os pais e nais. Mudamos a roupa enchoupada e baixamos a Cañiza onde nos agardaba un gorentoso cocido.
Polo tarde os nenos insistiron en repetir e o alto era unha tolería con cohes aparcados a un lado e outro, ocupando os carrís, e con centos de persoas brincando na neve entre a brétema. Durante un hora xogamos de novo ata que apareceu a garda civil e comezou a multar a todos os que estaban aparcados. Saímos a lume de carozo aínda mollados, con algunha multa por certo, e paramos na Lamosa a tomar un cafeliño con torta de améndoa e noces. Meu fillo dixo que fora o mellor día da súa vida cos de Nadal e Reis. Pola noite as gargalladas da miña filla durmida se inzaban pola casa mentres lembraba en soños un día inesquecible. Eu deiteime tarde e aínda levaba no corpo o remol da xornada.

5 comentários:

R.R. disse...

Eu fixen o mesmo alá por MonteSalgueiro pola mañá e San Simón da Costa pola tarde, ¡e sen homes de verde! Hoxe indo para a escola os pequenos pedían máis. E a fe que hei de darlles hoxe outra vez o capricho.

folerpa disse...

Pois os meus quedaran sen capricho,r.r., traballo, escola, baile e conservatorio ocuparan a nsoa tarde.

R.R. disse...

¡Vánselle estresar! Lea Boas Noites, de Paula Carballeira, lea... ;-D

folerpa disse...

r.r. vaille aquí o horario dos meus fillos para que opine con coñecemento de causa. Un non ten a culpa de que lle saian un fillos tan artistas... ;-)
O maior ten conservatorio luns (17.00-19.00)e xoves(16.00 a 19.00). Vai porque lle peta, se por min fóra quedaba na casa, aforraba tempo, atascos e gastos. Menos mal que do seu bombardino xa se está a encargar Papa Noel. Esquecíao , os sábados pola mañá vai nadar unha horiña.
A pequerracha baila unha hora os luns e patina outra os venres.Mais nada.

R.R. disse...

Ah, ben, logo nada. Pero que o lean igual ;-)