segunda-feira, janeiro 26, 2009

A desvergonza de FENOSA



Os meus avós levan sen luz dende a noite do venres por mor temporal como moitos outros fogares galegos, seica 60.000 aínda hoxe. E non viven nunha casal perdido nas montañas do interior, senón a uns quilómetros do centro de Pontedeume. Os dous pasan dos oitenta anos e levan uns días un chisco trastornados, a escuridade e o frío descolocáronnos e non saben en que hora viven. A súa rutina cotiá viuse estragada e iso afectoulles moito. Amais, a miña tía tivo que pechar o seu restaurante, perdeu todo o que tiña conxelado nas cámaras e todas as comidas da fin de semana. Unha desfeita.

E mentres tanto que fai FENOSA, nada de nada. Nin sequera foi quen de informar aos seus abonados de cando podería estar resolta a incidencia na liña, como din con eufemismo. Seica caeron moitas árbores, e é certo a situación foi execpcional, pero se as servidumes que afectan a todos as liñas estiveran limpas de matogueiras e ramalladas , a incidencias terían sido moitas menos. Calquera que camiñe polos montes do país sabe moi ben o estado das liñas, dos paus da luz e de todas esas torres enferruxadas.

Pero a eles dálles igual, son uns desvergonzados, só hai que ver o que fixeron co seu último recibo. Con ir por el ao caixón e comprobalo, poderédesvos decatar da falcatruada. Non pasaron a ler os contadores e facturaron unha lectura estimada moi á baixa, na nosa casa só 13 ridículos euros polos meses de novembro e Nadal cando de media pagamos 70. Así no próximo recibo, o de marzo facturaran toda esta enerxía atrasada coa suba autorizada por Industria a partir deste mes de xaneiro e co incremento ademais do IVE. Unha desvergonza.

E mentres tanto que fai a Xunta, nada de nada, pois xa está en precampaña. Hoxe na Radio Galega o conselleiro de industria falou por fin e mostrouse moi timorato, seica teme que as eléctricas implicadas lle impugnen o concurso eólico. O que máis dixo foi que se abriría unha investigación. Cando foi o apagón de Barcelona as eléctricas tiñan aberto un expediente aos cinco minutos pola Generalitat do que derivaron multas millonarias.
O dito, á desvergonza de FENOSA, únese a da Xunta.

3 comentários:

Anónimo disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
folerpa disse...

Son as once da mañá e falei coa miña tía: por fin teñen luz máis de 60 hoars despois de que márchase.

Anónimo disse...

Pois mal non lles vai:

http://www.lavozdegalicia.es/dinero/2009/01/29/00031233217421295776994.htm

Unha vergoña e un abuso continuo.