Nun dos primeiros faladoiros que fixen nunha escola, un dos rapaces preguntoume estrañado, “por que menten os pais?” Referíase ao feito de que no libro os pais mentíanlle arreo ao protagonista. Eu, dubidei antes de responderlle, e tentei explicarlle que era un intento por parte dos adultos de protexelo, de agocharlle a cruel realidade que o arrodeaba. Un intento ben intencionado pero van, pois a verdade sempre remataba por impoñerse, e así acontecía na novela. Deseguido, espeteille que os seus pais tamén lle mentían, que todos os pais o facían, incluso eu mesmo aos meus fillos. O rapaz estartelou os ollos ante as miñas palabras e ficou amoucado o resto da charla.
De regreso a casa, fun matinando, entre o arrepentimento e a indignación, na pregunta daquel rapaz, na miña resposta e no que realmente se agochabas tras delas. De seguro que lera moitos libros ao longo dese curso e nos anteriores, pero semellaba que os adultos e rapaces que se atopara neles non eran senón idealizadas construcións virtuais que non se correspondían á realidade. Pensei que, en moitos deses libros, esa realidade se presentaba edulcorada, peneirada polo cribo da corrección política, do didactismo e do adoutrinamento. Libros ateigados de prototípicos bos e malos, nos que todo era branco ou negro, sen que tivese sitio o cinsento, esa sombría calella que todos transitamos acotío. Libros de protagonistas clónicos e intercambiables, nos que se escollía o seu sexo, cor, nacionalidade ou relixión atendendo ao gusto ou a tendencia do momento. Libros que eran requintados espellos onde os rapaces se reflectían, pero que non podían atravesar, por que doutro lado non había ningún país das marabillas, senón o máis absoluto baleiro. Libros convertidos en silabarios morais e manuais de boas maneiras onde a literatura brillaba pola súa ausencia, onde a palabra e a expresión eran danos colaterais nunha guerra que só procuraba un presunto e altruísta fin educativo. Libros de finais felices onde se presentaba a vida como unha tómbola e non como o inferno que é en moitas ocasións, nos que as tramas estaban tan mastigadas que non deixaban aos rapaces roelas ao seu gusto.
Porque, aínda que semelle obvio, hai que dicir que a LIX é literatura. Os autores somos escritores, non pedagogos nin preceptores, e debemos facer literatura, ese é a nosa misión, se é que nesta sociedade mercantil na que vivimos temos aínda algún papel atribuído. Debemos enfrontarnos a escrita con independencia e liberdade, facéndoo coa mesma paixón e os mesmos azos, sen distincións polo xénero ao que poida ser adscrita.
Existe un evidente prexuízo social en relación coa LIX e acotío escoitamos cualificativos despectivos sobre ela, opinións infundadas e displicentes. Quizabes, é que o gañamos a pulso. Escritores, editores, críticos e educadores, semellamos esquecer tamén nalgún lugar do camiño esa verdade fundamental. Que a LIX, ante todo, ten que ser literatura e non ese fío musical anódino que agora soa nos corredores de escolas e institutos, nos cuartos de moitos rapaces. Convertemos a placidez, a seguridade, a sinxeleza e o conformismo en valores literarios supremos que substituíron á carraxe, ao risco, á complexidade e á rebeldía. Extraviámonos e temos que volver retomar o camiño. Temos que escribir sen marcos nin censuras, botando man de todos os recursos do noso oficio, sen excepción. Temos que escribir para incomodalos e provocalos, para que dubiden e se interroguen. Eis o papel da literatura para rapaces.
Hai un dito árabe que di que un libro é coma un xardín que se leva no peto. Pois moi ben, démoslles aos rapaces iso, sementemos nos seus petos vizosos xardíns cheos de matogueiras e silveiras nos que teñan que rozar e sachar arreo. Estou seguro de que o esforzo ben paga a pena.
Aí fora, a vida é unha selva. Non lles mintamos, para iso xa están os seus pais.
2 comentários:
Concordo con este post, amigo Alfaias. Vén incidir nun debate que, malia ter xa moitos anos no lombo, convén avivar de cada pouco. "A escrita sen marcos nin censuras, botando man de todos os recursos do noso oficio." Velaí a nai do año, ben clariña.
Obrigado, lector. Creo ademáis que este debate incide, xunto con outros factores, noutro problema que sinalan dende hai anos os estudos sobre a lectura. En todos eles dise que os rapaces aos 14-15 anos deixan de ler en relación coas idades anteriores. Non será por causa de que o chimpo é moi grande? Non sera que afeitos a esa literaura mastigada cando teñen que pasar a literatura "adulta" baten contra un valo infranqueable?
Enviar um comentário