segunda-feira, dezembro 12, 2005

Corrección

Andei estes días ensarillado nas correccións dunha noveliña xuvenil que sairá do prelo para a primavera. O texto xa pasou pola man do corrector e agora tócame a min coma autor a ardua tarefa de rematalo. Ven isto ao caso da pouca repercusión que ten este traballo no mundo editorial galego. Case ningunha editora pon nos créditos do libros os nomes dos correctores, só me consta nos da editorial española El Acantilado, onde chegan aparecen ata os nomes do primeiro e o segundo e ata un coordinador segundo me comenta o meu benquerido editor.
Asemade nos premios da Edición do 2005 a celebrar pola AGE o próximo 17 de Nadal non se recolle ningún premio neste sentido.
Creo, que nun sistema literario coma o noso, a súa función é de especial relevancia e debería ser recoñecida dalgún xeito. Cumpriría con comezar a poñer os seus nomes nos libros.

5 comentários:

Veloso disse...

E eu que pensaba que andarías de vacacións. Penso que o feito de non nomear aos correctores obedece a unha cuestión de pudor. Supoño que hai autores aos que lles produce certa vergoña recoñecer que os teus textos son corrixidos por mans alleas. Aínda así, hai que recoñecer que, tal como ti dis, o noso sistema literario é algo "especial", polo que talvez se debería recoñecer o traballo destes artesáns da lingua.

torredebabel disse...

penso como veloso. E engado que os lectores pensan que os escritores son as unicas persoas que traballan nun libro. Logo tes a editorial que o imprime e nada mais. E coido que é traballo dos editores face-lo seu traballo mais visible. Apertas!

Laurindinha disse...

Tes moita razón no que dis. No noso sistema editorial parece que esa figura non existe (e o triste é que ás veces non existe de verdade)...

Anónimo disse...

non deixo de estar de acordo con veloso, pero creo que ás cuestións de pudor deberían quedar de lado cando se trata do recoñecemento do labor dunha profesión tan invisible como a de corrector, e que talvez se os escritores e os correctores falasen cos editores os nomes dos correctores tamén aparecerecían nos libros ;-)

Danilo disse...

Concordo en parte con vostedes. O labor de corrección debera estar máis valorado. Non só no aspecto de figurar como nome, senón tamén na súa consideración profesional. As tarifas que algunhas editoriais ofrecen aos seus correctores.

P.D. Saúdos, por certo, dende o que foi corrector dun libro seu.