“Como aqueles homes que non permitían que o lume esmorecese e se encargaban de vixialo e alimentalo, hai tamén sentimentos que avivamos ao longo de moitos anos, porque, malia a súa inutilidade ao non pertencer ao presente, non queremos renunciar a eles, xa que neles cremos que residen principios inamovibles que nos definen como somos ” . Solimán, de Xesús Fraga
Ás veces no feixe de novidades non sabemos por que un libro queda embaixo. Pasan os meses ata que un día cae de casualidade nas nosas mans, o abrimos, o devoramos e ficamos marabillados pola súa mestría. A min pasoume estes días co Solimán de
Xesús Fraga onde nas súas páxinas tinguidas coa nostalxia vinme reflectido na vida de Álvaro, Román e Lucía.
O escachado espello das lembranzas recuperou de socate o seu azougue esmorecido e volvín a transitar polas rúas da miña mocidade, polos tempos do
Instituto Sansón de Barcelona, do
1,2,3, do xampú
Geniol de ovo, dos primeiros porros, daqueles profes colegas que nos trataban coma iguais sen selo, das vilas que sen decatarnos creceron ao mesmo ritmo ca nós, dos clásicos universais ilustrados, duns avós que eran algo máis que gratuítos canguros por horas, das
Hazañas Bélicas e os primeiros corpos espidos do
Interviu, daquela noite de transistores e confidencias na cociña do 23F...en fin unha fermosísima e emotiva novela xeracional na que atoparnos e onde o autor cunha prosa melancólica e humilde condúcenos devagar na procura dese solimán imposible que nos libere desa pezoña serodia que percorre as nosas veas.