sexta-feira, outubro 13, 2006

Orellas

Ao fío deste fermoso post de Brétemas, lembro, non a miña primeira libraría, senón a miña primeira biblioteca, fóra da do meu pai. Ficaba na traseira da Casa do Concello e os días de chuvia cando os nenos do barrio non podíamos xogar nas rúas refuxiabámonos nela e remexiamos nos seus andeis. Alí lin os meus primeiros comics de Tintín para pasar despois aos clásicos da aventura, Verne, Salgari, London..., que lía por entregas coa cadencia que marcaba a chuvieira invernal. Lémbrome tamén das moitas veces que a muller que nos coidaba na casa entrou na miña procura dando berros naquela sala silandeira pois xa era hora de cear. Máis dunha vez me sacou da orella, orella que nun acto reflexo, nun pequeno aceno arreo repetido todos estes anos entre libros, aínda acariño hoxe cando leo.

3 comentários:

Brétemas disse...

Folerpa: a memoria é unha poderosa construción colectiva. É moi boa esoutra idea de recuperar a memoria íntima das nosas bibliotecas. Todos temos tamén ese itinerario que baliza épocas das nosas vidas e das cidades onde vivimos. Lendo o teu fermoso post decontado recordei as miñas primeiras visitas á Biblioteca Jaime Sola da Alameda, onde está agora a Fundación ProVigo e aquel santuario que era a Biblioteca da Escola de Artes e Oficios, hoxe vergonzosamente pechada 8seica as termitas e a couza papaban na colección de libros do dezanove que alí había. U-los estarán? Tamén recordei a Biblioteca da Laboral de Acea da Man, tan importante para a miña formación como lector (alí comecei a devorar libros). Unha tarde de hai trinta anos collín un libro titulado "Crónica de una muerte anunciada", lino durante moitas horas nos servizos (a única luz que podía estar acesa naque internado). Agora dáme a risa, non acougaba con semellante emoción. Grazas por dispararme aquela lembranza.

X disse...

Chego tarde, aínda así, parabéns polos seus acabadiños de cumprir 38 anos. Espero que lle guste o meu agasallo, é unha portada dun cómic do Simbad datada antes de 1929.
http://elcoleccionista.iespana.es/20simbad_b.jpg

folerpa disse...

Brétemas, eis a evocadora forza da verbas a que nos trae as lembranzas eu son un mero elemento transmisor. Grazas tamén a ti pois o teu post levoume ao territorio case esquecido pero emocionante das primeiras lecturas, aquelas que nos conforman para sempre.
X moitas grazas polo agasallo que xa fica gardado para sempre na miña memoria e no meu disco duro.
Unha aperta.