quarta-feira, outubro 11, 2006

O fío de Ariadna

Levo dende abril sen escribir, ou mellor dito levo cinco meses sen rematar nada do que comezo.
Empecei cunha novela xuvenil que deixei abandonada despois de ter a historia e a estrutura, pero non fun quen de atopar o fío que me levara a rematala. Seguín con outra que partía dun vello relato e volvín a embarrancar no terceiro capitulo sen atopar o fío, esa musica que me levase co seu ritmo ata o final. Comezo a estar inquedo e a pensar que estou afectado dalgunha síndrome desas que de cando en vez afectan aos escritores. Non o sei. E ademais, xa case me esquecía, o venres cumpro trinta e oito anos. En fin...agardo que devagar supere esta parálise e atope o fío que me permita saír deste labirinto de silencios, polo meu ben e polo do meu editor.
Polo menos hoxe recibín unha chamada do meu benquerido Martin que me deu unha gran alegría. Algún arroutado profesor dun instituto da Coruña puxo o meu Sari, soñador de mares coma lectura aos seus alumnos.

6 comentários:

Silvio Falcón disse...

O problema dos escritores non é ter ideas: senón acabalas de todo. Pra que un libro saia ben hai que darlle forma de maneira que teñas varias opcións pra darlle o desenlace, de forma que intrigue tamén ao escritor.

Pero bueno, que lle vou dicir a vostede. Espero velo polo meu blogue, que fixen unha chamada a os galegos pra... xa o lerá

http://eu-e-galiza.blogspot.com

Unha aperta

Veloso disse...

A min sucédeme iso constantemente. Hai historias que parecen magníficas pola noite e que non resisten o implacable xuízo do abrente. É cuestión de paciencia, supoño. Un saúdo.

Anónimo disse...

Vaia, vaia ... así aque eu tiña seis días de vida cando tí chegaches a este mundo. Pois os meus parabéns aprezado folerpa. E que as cores da outonía che faciliten o sosego necesario para atopar a música.Eu levo un mes enredendo versos e teño esperanza.

Anónimo disse...

Seica andamos todos así. O 27 cáenme os 40. E señor Folerpa, non se queixe que, nos últimos tempos, anda vostede sembrado...

folerpa disse...

Silvio visitareino.
Veloso,a paciencia non é unha das miñas calidades.
Chus, non sabía desa conciencia, parabéns con retraso.
Meu benquerido sensei non me queixo, comparto a miña inquedanza. Coma vostede ven sabe creación e edición non van a par. Aínda que están agora dúas obras miñas nas librarías para mi xa son pasado. As Cartas son de decembro do 2004 e Sari escribina en agosto esetembro do 2005. Xa choveu.
Unha aperta e grazas a todos polos vosos azos. De cando en vez todos necesitamso un pouco de ánimo.

máis alá disse...

Pois polo que sei, en Vigo tamén debemos ter algún profesor tolo (que son os máis listos) que anda a aconsellar a lectura do Sari.. porque da delegación da editorial está a sair bastante (información de primeira liña)