...leva escribindo sobre nese escritorio os últimos 47 anos baixo a advocación da extraordinaria reprodución dun perdido lenzo de Paul Delvaux. Este ano poida que sexa o derradeiro pois, segundo confesou nas súas memorias publicadas hai uns meses en UK, padece un cancro incurable. Remexo nos andeis da casa e atopo máis dunha ducia dos seus libros. Na miña opinión estamos perante un dos máis importante escritores ingleses da segunda metade do século vinte, para min cunha obra moi superior a calquera dos seus contemporáneos. Iso si, ten enriba del o estigma da literatura de xénero, de ciencia ficción ou fantástica, e por iso xamais estará na quenda do Nobel, só o acariñaría nun presente visionario como afirma Rodrigo Fresán, e tampouco estará na biblioteca da meirande parte dos lectores. Da influenza da súa obra no traballos de moitos creadores doutras artes é exemplo a exposición que proximamente lle dedicará o CCCB.
Malia todo, a súa obra é un dos máis certeiros, lúcidos e crueis análises da sociedade postmoderna, do seu malestar e corrupción. Un escritor incómodo que nos cuspe a verdade á cara cunha escrita pulida como a metalizada e lúbrica carrozaría dun vehículo de combustión interna.
Eu, acotío, soño co seu libro Milenio Negro. Con espertar un día e contemplar no horizonte as labaradas nas urbanizacións de acaroados e nos automóbiles de gama alta queimados polos seus propios e insatisfeitos propietarios. A revolución, silandeira, achégase.
6 comentários:
Aproveiten o día, hai 10% de desconto nas libarías, e merquen un dos seus libros, a maioría contan con edición de peto. Non os decepcionará.
Un descoñecido para min, apuntareino na lista dos escritores a descubrir.
Aquí outro como Mario: apuntado queda.
Esa imaxe dos lumes, aínda que con diferentes impulsores, é París. Aínda que o asunto xa non está nas primeiras planas, os coches seguen ardendo. Oxalá se equivoque nos augurios pero a inxustiza, a desigualdade ou como queiramos chamalo pono difícil.
Pois xa somos tres, apuntado queda para encher aínda máis o anaquel de reservas. Aínda que non sei, levo moita lectura crítica e estoume poñendo cada día de máis M.H., de momento teño sexo solitario para rato.
pola miña banda, maniféstome a prol d'O mundo mergullado', a súa primeira novela. Tamén dos relatos da 'Exhibición de atrocidades' e da máis recente 'Noches de cocaína'. Houllebecq non inventou tanto como pensa no grupo Prisa...
Anónimo, as que dis son dúas moi boas escollas e no que dis de Houllebecq non vou ser eu quen te leve a contraria. Todos eses bugueses que quedan epatados con algunhas das últimas e novidosas, segundo eles, achegas narrativas, deberían ler un chisco máis, en especial algunha que outra literatura de xénero, para ter unha visión de campo máis ampla e poder pontificar con máis coñecemento de causa.
Enviar um comentário