Levo case un mes desintoxicándome tras oito meses de escrita febril. Sempre me pasa cando remato unha novela. Despois, estou unhas semanas nas que son incapaz de ler ou escribir ren e nesas xornadas de lacazán só me entreteño con diarios ou revistas ou mergullado en Iberlibro na procura de documentación para o futuro. Folleo algún libro, si, mais axiña o desboto un chisco canso de tanta letra impresa. Aínda que desta volta este estado xa dura de máis e comezo a preocuparme, pois me sorprendo diante do televisor perdendo o tempo e vendo cousas incribles. Ás veces penso senón será unha caste de síndrome, coma a de Bartleby.
Malia esta preguiza que me invade, teño xa dous novos proxectos nos que barallar: teño a historia, os lugares e os personaxes, mais me falta o fundamental. E contra o que se conta neste interesante artigo, eu son un home de finais. E que? Pois que ata que o teño non me poño diante do teclado. E non falo de saber como remata a historia, iso téñoo claro, senón de ter os últimos parágrafos escritos e aquelados. Ata que teño a seguridade de telos atopado non comezo a escribir.
O dos comezos está ben, hai algúns fantásticos, mais penso que son fogos de artificios, salvas que poden non levarnos ao máis absoluto dos baleiros. Cantos libros estragados por mor dun final apresurado ou que non responde ás expectativas creadas? Un feixe. Cantos libros estragados por unha mal comezo? Ningún.
De todos os xeitos, confeso que o ano pasado andei obsesionado co primeiro e prodixiosos parágrafo dunha obra, coas primeiras 44 liñas dunha novela, que logo me derrotou e non rematei. Malia todo penso que é o mellor comezo que lin na vida. É máis, tentei comezar unha novela cun longo parágrafo como ese e saín escaldado. O libro comeza así:
4 comentários:
Bo comezo, si señor.
A vostede, polo visto, pásalle o mesmo que a García Márquez, que só comezaba unha novela cando sabía como ían ser o principio e o final. Logo, xa se encargaba de completar o bocadillo. Confeso que, a maioría das veces, comezo a escribir sen coñecer o final da historia.
Sen embargo, fronte ó que vostede di, eu si penso que o principio ten trascendencia,e moita. Teño deixado de ler libros na primeira páxina, por culpa precisamente desa primeira páxina. Quizais me perdín bos finais, pero que se lle vai facer. É máis fácil que siga a ler un libro con bo comezo que un libro con mal comezo e bo final.
Agora que ando en algún xurado de premio literario, doume de conta do fundamental que é un bo comezo de novela, que esas primeiras páxinas turren da lectura, sobre todo cando ves un xeneroso feixe de novelas para ler riba da mesa. Pero xa sabe, cada mestriño ten o seu libriño. Non era así? E, por certo, o seu libriño funciona ás mil marabillas, polo que lle teño lido ata o de agora. Saúdos.
Evidentemente Oulego, un mal comezo fainos desistir de moitas lecturas e perdernos,ao mellor, grandes obras, mais quedan no terreo do hipotético, do que sempre ignoraremos. Pero os malos finais son a realidade coa que batemos ás veces, e a min cabreanme despois de ter gozado cunha boa novela. Malia todo recoñezo que eu poucas veces lle dou unha segunda oportunidade a un libro que non me engancha, pero confeso tamén que as veces que o fixen descubrín libros esenciais. Penso agora, ao chou, na Regenta, para min a gran novela do XIX por enriba de todas as francesas. Ten un comezo, a decripción de Vetusta dende un campanario, que bota para atrás e logo un cae rendido aos seus pés.
Como ben dis, cada un ten o seu libriño. E non podo crer que non tivese na cabeza o final dos Everglades?
Eu creo que tampouco sei o final das historias cando as estou escribindo. Pero se aparece algunha boa idea, miro de encaixala, claro.
Unha curiosidade: eu cando vou mercar un libro sempre boto un vistazo ó principio, ó final e a algunhas páxinas polo medio. É o meu exame previo á inversión, aínda que agora coas compras polas internetes xa perdín un pouco o hábito.
Saúdos.
Amig@ blogueir@: Queremos informarte da Xuntanza de blogueiros que terá lugar en Agolada (Pontevedra) o día 31 de maio de 2008 no singular espazo de Os Pendellos. Gustaríanos contar coa túa presenza.
Agradecémosche que lle deas publicidade ao evento desde a túa páxina. Se o tes a ben coloca o logo da xuntanza nun recanto do teu blog.
Para máis información:
http://blog-xuntanza.blogspot.com
Enviar um comentário