sexta-feira, abril 04, 2008

Supoño que aquí comezou todo

Na voracidade coa que, aquel rapaz de dez anos que fun, lía estas Joyas Literarias Juveniles e as Historias Selección de Bruguera. Foron o primeiro e esencial fito na miña formación lectora e creo que tamén supuxeron o primeiro gran de area na miña vocación literaria. Penso que nos meus Rinocerontes hai moito desas lecturas.

Co tempo meu curmán mais eu xuntamos un boa chea delas, xunto aos Tex, Zagor, Jabato e Capitán Trueno, que gardabamos nun caixa no faio. Cando el atopou un novo e máis atractivo mundo nas mozas, e comezou a mercar o Penthouse, eu herdei toda a colección. Era o meu maior tesouro ata que un día a miña avoa, facendo limpeza, botou a caixa á fogueira que se facía a eira, preto daquel limoeiro que rematou agostando. Só fun quen de salvar uns números soltos de Tex e Zagor que aínda conservo.

Onte ao entrar na librería e ver nun expositor estas xoias de novo reeditadas, igualiñas que antes, o corazón deume un chimpo e emocioneime coma un parvo. E durante uns intres regresei, como Anton Ego coa súa ratatouille, como Proust coa súa madalena, ao lugar onde todo comezou, onde todos comezamos. Mais fun un covarde, o recoñezo, e non me atrevín a mercar ningunha.


7 comentários:

Anónimo disse...

Lembro que o exemplar ó que lle tiña máis querencia, o que máis me gustaba era... "O clube Pickwick" de Dickens. Pode parecer incrible, ¿qué levaría ós editores a ocuparse desa obra canda as aventuras de Verne, Cooper, Dumas ou Salgari?

Certos aspectos desta reedición están sendo moi criticados pero non deixa de ser unha iniciativa cando menos curiosa.

folerpa disse...

Concordo contigo, mólecula, o clube de Dickes tamén era un dos meus preferidos, e iso que é unha obra moi complexa e que resultaba estraña nesa coleción.
Respecto as críticas, vin os volumes dedicados a Verne e Salagari e son penosos: saturados de cor, mal trazados. Supoño que se trata dunha evidente operación comercial, que co menor custo posible quere acadar os maiores beneficios. Os cuarentóns notálxicos somos un bocado moi apetecible.

Mr Tichborne disse...

Fixéchesme sorrir, eu teño ainda varios deses volumes, de Verne, Stevenson, o Pickwick... Foron unha grande introdución á lectura. Claro que moitos de nós (falo de canda eramos cativos) non sabiamos que detrás do tebeo había un libro.

R.R. disse...

¡Eu tamén son dos que caín neses libros! Creo que a miña versión de Príncipe e Mendigo segue tendo as imaxes desa colección. E non podería resistirme a comprar, non. Imperdoable.

R.R. disse...

Agora entendo que non comprara, logo de botarlle un ollo ás ligazóns de Bruguera e "Joyas Literarias Juveniles" (é dicir, Alfaias). Tremendas, moitas gracias.

tío Pepin disse...

Levaba tempo (algún) desconectado deste entramado virtual de blogs, sen embargo resultoume imposible non caer novamente na tentación ó atopar escrito o nome de Zagor.
Lembro con nostalxia as lecturas daqueles exemplares de Buru Lan e, por suposto, lembro tamén aquela sensación de impotencia e insatisfacción por non poder comprar todos os que ían saíndo quincenalmente (eran caros para a economía familiar).
Pasados xa moitos anos aínda releo de cando en vez os poucos volumes que me quedaron e, tamén, aqueles outros que fun atopando esporadicamente nas casas de libros usados e de ocasión (apareceron logo en formatos distintos, pero os Buru Lan eran outra cousa, polo menos sentimentalmente e para min).
Chico (o típico contrapunto ó heroi) ten provocado en min boas gargalladas.
Zagor, si.
O meu amigo da alma (todos tivemos/temos ese amigo, ou deberiamos telo) era da facción Tex. El contaría o mesmo pero dende este outro personaxe.

p.d.: Aproveito para felicitalo por todos os seus éxitos (corvos brancos e demais).

Anónimo disse...

O que máis me gustaba a mín era A illa misteriosa e as aventuras de Sandokán. Qué lembranzas!