sexta-feira, maio 30, 2008

Obradoiro da rúa d´Armada


Xa que Xerais ofrece os primeiros capítulos de Festina lente, eu únome a súa campaña e inauguro Obradoiro na rúa d´Armada. Nel ofrecerei a todos aqueles lectores interesados información sobre a novela, o seu nacemento, proceso de escrita, influenzas, bibliografía, algún que outro breve spin-off e máis sorpresas. Asemade, servirá para que deixedes os vosos, comentarios, críticas ou preguntas. Irei deixando aviso aquí cada vez que pendure algunha anotación. Comezarei devagar para dar tempo a xente a ler o libro.

quinta-feira, maio 29, 2008

Ferrin e os 400 mojitos


Coñecida é a miña opinión sobre os fastos da Habana, mais o que fai hoxe a Voz, non por sorprendernos pois xa estamos afeitos a súa bilingüe liña editorial, deixa de ser infame.

Na súa edición impresa os 400 mojitos que seica pagamos na Habana, 800 € ao troco polo cattering dunha recepción non semella un dispendio, ocupa máis espazo que a nova do noso flamante primeiro Premio Nacional de Literatura, e non falemos da edición dixital, onde a rexouba tropical vai na portada e o de Ferrin fica marxinado, como non, nas páxinas de cultura.



Eu, postos a falar de cartos, fixen nunhas sinxelas contiñas cos datos tirados da última edición de Tempos, a saber:

A voz cobrou en subvencións no ano 2007 a suma de 967.782 € e publicou en galego só o 4,8% dos eu espazo. Contando que ao ano o xornal pode publicar aproximadamente 25.000 pax. sendo xenrososo, esa mínima porcentaxe correspondería a unhas 1.200 pax. anuais na nosa lingua. Un sinxela división danos como resultado un custo de 800 € por páxina en galego do xornal con cargo aos xenerosos fondos da Xunta. Tanto como o que se gastou na recepción da Habana.

Os novos e marabillosos xigantes

Comezaban os oitenta entre os ouveos e laios do grana Ian Curtis que escoitaba acotío, e estaba tamén a doce voz de Alison Statton, nunca cheguei a ter o vinilo do Colossal Youth, pero alguén me gravara unha casete que hoxe xa non conservo. Despois seguín o resón da súa voz en Weekend, en Devine & Staton e en Alison Statton & Spike onde cantaba en Tokio e Osaka, mais estes vinilos si que os conservo como unhas pequenas alfaias. Eran tempos en que un mercaba os discos non polos artistas senón polas compañías que os editaban, Les disques du Crepuscule, Rough Trade ou 4AD.

Esta noite, mentres algúns acoden a escoitar a un revisionista de ringorrango e outros agardan pola nova baixada de Deus á terra, sexa de fronte ou de costas; eu sentareime na miña butaca e deixarei que a voz melancólica de Alison me acariñe... e como son un chisco vergoñento para estas cousas deixarei os seus vinilos na casa, e quedereime sen a súa sinatura, mais sempre levarei a súa voz comigo.

terça-feira, maio 27, 2008

Culturagalega


Culturagalega.org está de estrea con moitas novidades. Portal de referencia para todos aqueles que temos inquedanzas sobre a nosa cultura. Parabéns a todo o seu equipo.
Asemade, aproveitar para dar a benvida a rede a Caneiro que inaugura blogue da súa última novela. Un bo exemplo para que outros autores vaian tomando o mesmo camiño.

quarta-feira, maio 21, 2008

Festina Lente


Devagar, un carro baixa chirlando polo Preguntoiro ateigado de libros prohibidos e expurgados polo Santo Oficio. Estamos en Compostela no ano do Noso Señor de 1627 e este é o colofón do códice que, caderniño a caderniño, o encadernador Ambrosio Cavaleiro coseu na soidade do seu obradoiro da rúa da Armada dende que era un aprendiz canda o seu mestre. As campás, tristeiras, repenican a defunto, o vento zoa nas rúas e esparexe os capítulos todos da súa existencia. As páxinas de pergamiño, como faíscas, danzan sobre os tellados e os campanarios furtando á voraz desmemoria as lembranzas fuxidías, os acenos, mecos e rostros dunha vida. O coñecemento, como a pedra gravada polos arxinas a cicel e maceta dende a noite dos tempos, permanece no alento dunha idade incerta asolagada polo silandeiro andazo da intolerancia.

No día da diversidade cultural...,


...malia que lles pese a algúns, teño que falar da festa do sábado en Belgrado. A miña favorita é a extraordinaria canción francesa Divine, cantada totalmente en inglés por Sebastien Tellier. Imaxinade! Os chauvinistas dos franceses enviando un tema nunha lingua, que que eu saiba, aínda non é o oficial no Eliseo por moi ben que a fale a presidenta consorte.

Vos imaxinades que aquí se enviase unha canción en galego de Projecto Mourente, ou unha en catalá de Antonia Font, ou unha en euskera de Fermin Muguruza, ou unha en asturianu de Mus. Vos imaxinades?

sábado, maio 17, 2008

A Santiago vou, lixeiriño, camiñando...


Polo dereito a vivirmos en galego, a falarmos, a bicarmos,
a berrarmos, a cantarmos, a rifarmos, a educarmos, a soñarmos...


sexta-feira, maio 16, 2008

Día das Letras


Moi interesante o suplemento do Luces co gallo do día das letras,
mágoa que nas súas 24 páxinas non se faga referencia ningunha
á LIX GALEGA, quizabes o eido da nosa literatura
máis vizoso, internacional e recoñecido.
Semella que segue a ser a irmá pobre das nosas letras.

quinta-feira, maio 15, 2008

De audiencias, xabarins e linguas mortas


A lei de creación da CRTVG establece no apartado 1º do seu primeiro artigo a natureza e funcións da mesma e destaca:

“Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso ós distintos xéneros de programacións e ós eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a tódolos segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos,sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega...”

Como se pode ler non se establece que un dos seus obxectivos sexa acadar resultados de audiencia, circunstancia que pode parecernos obvia tratándose dunha televisión pública cuxa finalidade é moi diferente dunha televisión comercial. Ata aquí o estatuto legal da CRTVG, pois a realidade é ben distinta.

A misión de servizo público e a difusión e o impulso da lingua galega desapareceu na tola carreira da TVG en prol das audiencias. Dende xaneiro deste ano a programación vespertina dirixida aos rapaces desapareceu da grella da programación, os cativos deste país só poden ver unha programación específica a diario mentres almorzan ás carreiras ou nas mañás das fins de semanas tamén. Os nosos nenos, os falantes do futuro, hai tempo que deixaron de ser obxectivo prioritario dos directivos da TVG. A causa ? Un sinxelo repaso as cifras de audiencias explican esta mudanza, dunha media dun 5% que tiña o vespertino Xabarín Club no mes de decembro pasado, pasamos ao 15% do indescritible programa de Piñeiro (que salta dun tema a outro sen ningún criterio nin profundidade: da impotencia a un xato de cinco patas, pasando polo famoso do día, entre os berros e as interrupcións dunha morea de espelidos e acreditados colaboradores) ou ao 12% do culebrón da tempada.

E a opinión pública que fai ou que di: nada de nada. Os medios escritos calan coma mudiños, salientando e batendo palmas ante os éxitos de audiencia das series das súas propias produtoras, da típica Galiza de sainete á versión dese Cuéntame enxebre.

Poderiamos falar tamén do novo e indecente horario de Libro Aberto, ben entrada a madrugada dos luns, da media hora escasa a que quedou reducida Miraxes... Agardemos polo maná desa segunda canle, ainda que moito me temo que...


quinta-feira, maio 08, 2008

De enterros e tartarugas

Houbo un detalle no enterro do ex-presidente que me gustou e ata me emocionou: a saída do congreso do féretro do avó os seus netos ían tras del, algún deles eran moi pequerrechos e incluso un levaba muletas.
Na nosa casa hai uns meses que morreu Tuca, a tartaruga do meu fillo que levaba con nós cinco anos. A súa nai deume a nova unha tarde e durante uns intres ollámonos sen saber moi ben que facer. Eu, afouto, collina e boteina ao lixo tras contemplala durante uns intres na súa lánguida morte cos meus ollos engradados. Despois, falamos e decidimos, covardes, agocharlle a lutuosa nova aos nenos, mais que nada pola pequena que só ten tres anos. Pero vaite ti a saber porque a partir dese día, e tras ficar case esquecida no seu acuario na terraza, os cativos preguntaban seguido por ela. Unha noite, farto de tantas preguntas, ollei a súa nai e confeseime con eles: Tuca fuxira e caera na finca de traseira da casa onde agora vivía feliz en liberdade. As bágoas e os saloucos axiña comezaron e en pixama dirixíronse á terraza para tentar albiscala entre a herba. O desgusto duroulles uns días, e aínda hoxe de cando en vez asómanse a fiestra e procuran por ela con saudade.
Supoño que todo isto debe ser consecuencia do noso agnosticismo familiar, do noso ateísmo militante na educación dos fillos. Cónstame que a familia do ex-presidente é moi relixiosa e coa naturalidade da súa fe e devoción falarían cos netos da morte do seu avó e de que agora estaría no ceo ollando cara a eles. Nós, crendo, que máis alá non hai ren, agás a continua transubstanciación da materia en enerxía no infindo ciclo da vida, acovardámonos e mentímoslles aos nenos.

quarta-feira, maio 07, 2008

Book autopsies


As múltiples e variadas posibilidades dun libro calquera, polo artista Brian Dettmer.

segunda-feira, maio 05, 2008

Os derradeiros


Seica só somos 140.000 os mohicanos que resistimos.