quinta-feira, maio 15, 2008

De audiencias, xabarins e linguas mortas


A lei de creación da CRTVG establece no apartado 1º do seu primeiro artigo a natureza e funcións da mesma e destaca:

“Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso ós distintos xéneros de programacións e ós eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a tódolos segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos,sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega...”

Como se pode ler non se establece que un dos seus obxectivos sexa acadar resultados de audiencia, circunstancia que pode parecernos obvia tratándose dunha televisión pública cuxa finalidade é moi diferente dunha televisión comercial. Ata aquí o estatuto legal da CRTVG, pois a realidade é ben distinta.

A misión de servizo público e a difusión e o impulso da lingua galega desapareceu na tola carreira da TVG en prol das audiencias. Dende xaneiro deste ano a programación vespertina dirixida aos rapaces desapareceu da grella da programación, os cativos deste país só poden ver unha programación específica a diario mentres almorzan ás carreiras ou nas mañás das fins de semanas tamén. Os nosos nenos, os falantes do futuro, hai tempo que deixaron de ser obxectivo prioritario dos directivos da TVG. A causa ? Un sinxelo repaso as cifras de audiencias explican esta mudanza, dunha media dun 5% que tiña o vespertino Xabarín Club no mes de decembro pasado, pasamos ao 15% do indescritible programa de Piñeiro (que salta dun tema a outro sen ningún criterio nin profundidade: da impotencia a un xato de cinco patas, pasando polo famoso do día, entre os berros e as interrupcións dunha morea de espelidos e acreditados colaboradores) ou ao 12% do culebrón da tempada.

E a opinión pública que fai ou que di: nada de nada. Os medios escritos calan coma mudiños, salientando e batendo palmas ante os éxitos de audiencia das series das súas propias produtoras, da típica Galiza de sainete á versión dese Cuéntame enxebre.

Poderiamos falar tamén do novo e indecente horario de Libro Aberto, ben entrada a madrugada dos luns, da media hora escasa a que quedou reducida Miraxes... Agardemos polo maná desa segunda canle, ainda que moito me temo que...


3 comentários:

R.R. disse...

¿E qué quere que lle diga?: ¡postazo!

Firma: o outro que apoia a súa campaña do Xabarín polas tardes.

Anónimo disse...

pois eu tamén son dos que apoiaría o xabarín club todo o día... nunha segunda ou terceira canle, se fixese falta

grande post, mr. folerpa :D

folerpa disse...

r.r., opaco, moitas grazas. isto dos debuxos pode semellar unha parvada miña, mais penso é preciso que so nsoso nsoso poidan acotío ver na nosa televisiónpública, na de todos os galegos, unha porgramación específica na súa lingua.É aquí onde hai que comezar a lota, nestas pequenas cousas.