sexta-feira, novembro 28, 2008

Descalza en el infierno


A primeira páxina do Mundo de hoxe non ten desperdicio por populista, hipócrita e noxenta. A dereita máis radical do estado español e os seus medios afíns xa beatificaron a súa particular Xoana de Arco, azoute de rojos, maricóns, machorras, ateos e cheguevaras.
O triste do caso é que ninguén neste país estaría hoxe falando do que pasa en Mumbai se a princesiña descalza non chega a andar por alí. Escoitar o seu melodramático relato arrepía: coa displicencia dunha nova rica queixase da ausencia dun plan de evacuación no hotel, logo deixa tirados a todos os seus compañeiros -que afouta capitana de barco!- e foxe ás alancadas polas cociñas co seu séquito de afectos, e para rematar o conto baten cunha muller ensanguentada á que ninguén axuda e deixan abandonada. Que noxo...! E calo xa, porque senón remato no xulgado.

quinta-feira, novembro 27, 2008

Malviviendo



O que se pode facer cunha presada de euros (corenta para ser exactos), moito talento e paixón.

terça-feira, novembro 25, 2008

Cristofobia

Se alguén ten interese en saber se padece dese terrible andazo chamado cristofobia, pode ler aquí os seus oito síntomas e autodiagnosticarse. Non teñen desperdicio.

segunda-feira, novembro 24, 2008

Panificadora


Vigo é unha cidade da desmemoriada, unda cidade "do que puido ser", e todos temos unha débeda con ela, unha débeda que temos que saldar. E debemos comezar pola Panificadora, un singular edificio industrial que en calquera outra ciudade europea xa estaría restaurado e sería coidado como a alfaia que é. Por todo isto Salvemos a Panificadora.

sexta-feira, novembro 21, 2008

Centaurea Cyanus


Foron estes, días de insomnio e escrita intensa que me fixeron deixar un chisco abandonada esta bitácora. Xa vai alá case un terzo da novela e é o momento de facer un relanzo, tomar distancia e agardar polo veredito dun lector cualificado. Xorden así as dúbidas e os medos. Aquela inicial intención naturalista ou costumista creo que se perdeu. A historia foi collendo o seu propio fío e é a voz do seu protagosnsita a que me guía, quizabes por un camiño trabucado, pero é o que el escolleu. Eu, o único que podo, facer é prestarlle as miñas palabras. Ser o mero intérprete dos seus desexos.

terça-feira, novembro 18, 2008

Babel Tower


Agora mesmo, en RNE3, a presentadora está entrevistando ao músico portugués David Fonseca en ¡¡inglés!! por medio dunha ¡¡ intérprete!!. A presentadora xustificase no tópico dos falsos amigos. O que hai que escoitar!!

quinta-feira, novembro 13, 2008

quarta-feira, novembro 12, 2008

O valedor farfallou...


...os políticos calaron e e os medios interpretaron:

terça-feira, novembro 11, 2008

Homenaxe a Marcos Valcárcel



Unha comisión organizadora radicada en Ourense estamos a preparar unha serie de actos en HOMENAXE ao noso común amigo MARCOS VALCÁRCEL. A desculpa próxima é a publicación dun novo libro da súa autoría sobre a historia de Ourense –que se presentará o día 29 de novembro ás sete da tarde no Liceo– e outra a necesidade de buscar formas para expresar a gratitude e cariño que moita xente quere comunicar a Marcos, nestes momentos complicados para a súa saúde. Non é este o lugar para glosar detidamente o gran contributo de Marcos Valcárcel á cultura galega. Chega tan só con lembrar algunhas das súas facetas: os seus traballos de investigación e divulgación sobre a historia de Galicia e en especial nos eidos cultural e xornalístico, a súa constante presenza na prensa galega dende hai trinta anos (hoxe en día en Galicia Hoxe, La Región, A Nosa Terra), o seu desinteresado labor de organizador e dinamizador cultural na cidade de Ourense, ou o seu blog As Uvas na Solaina . E todo sempre desde posicións galeguistas, progresistas e dialogantes.
En consecuencia, gustarianos contar coa túa presenza e colaboración no seguinte acto: CEA HOMENAXE a MARCOS VALCÁRCEL . Ourense, SÁBADO, 29 de NOVEMBRO de 2008 , ás 21:00 horas, Restaurante San Miguel.
RETIRADA DE TARXETAS:
As tarxetas para a asitencia á Cea poderanse retirar en Ourense, desde o venres día 7 de novembro, en tres lugares: No Liceo, na Casa da Xuventude e no Restaurante Sanmiguel. O custo da cea é de 30 euros. Para aquelas persoas de fóra de Ourense que queiran asistir, habilitamos unha conta de Caixa Galicia (2091 0400 88 3040045410 ) na que poden facer o ingreso desa cantidade indicando o nome do participante. Posteriomente, o mesmo día da Cea pódese retirar a tarxeta no restaurante co resgardo da transferencia. Dada a previsión dunha nutrida concurrencia, rógase efectuar estes trámites canto antes. En calquera caso, pecharanse as listas de asistencia o día 25 de novembro. INVITACIÓN ABERTA: A Cea Homenaxe está aberta a todas as persoas interesadas, polo que che pedimos fagas extensiva a invitación a quen consideres oportuno. Unha cordial aperta e moitas grazas a todos.
César Ánsias / Xoán Fonseca / Benito Losada / José Carlos Martínez-Pedrayo
Eustaquio Puga / Xosé Ramón Quintana / Xosé Trebolle / Afonso Vázquez-Monxardín

segunda-feira, novembro 10, 2008

A noite da aurora



Os que sigan este blog saben da miña debilidade por esta extraordinaria novela do falecido onte Camilo Gonsar. Outras novelas súas daquela nova narrativa envelleceron moi mal, non pasa o mesmo cos Anxos e mortos de Rei Ballesteros. Esta, publicada no ano 2003, penso que a derradeira, mantén intacto todo o seu fascinio.
Todos eses austerianos de novo cuño que se botan as librarías a mercar cada ano a nova mediocridade do americano, deberían inxecusablemente ler esta novela dun galego de Sarria. Una obra mestra que debería ter conseguido máis sorte e repercusión. Para o que esto escribe unha das tres mellores novelas dos últimos 25 anos.
Esta noite, despois de deitar aos nenos, sentareime no sofá, poñerei unha música axeitada (jazz clásico) e lereina de novo dunha tirada ata ben entrada a madrugada baixo o ceo resplandecente de Reikiavik.


quarta-feira, novembro 05, 2008

Blog do Diario Cultural



Que sexa benvido o mágnifico blog do Diario Cultural da Radio Galega que botou a andar onte, nin máis nin menos que coa entrevista de todo un Premio Nobel e que hai uns intres nos comunicou que Rivas non gañou o Medicis.
Unha nova e imprescindible contribución a difusión da nosa cultura. Parabéns a todo o seu equipo.

Yma Sumac, na lembranza



A gran princesa inca morreu esta fin de semana, unha cantante portentosa, cun rexistro vocal que xa é lendario e que levo anos escoitando.
Malia todo, para min, sempre será aquela fermosa Kori-Tica que namoraba ao ferreño Charlton Heston en O segredo dos Incas ou a Karina daquela delirante aventura persa de Willian Dieterle, naquelas afastadas sesións de tarde diante dun televisor en branco e negro e sen mando a distancia de General Eléctrica Española.

segunda-feira, novembro 03, 2008

A change is gonna come



Con esta canción do gran Sam Cooke, aquí na mágnifica versión de Booker T & The Mg´s, remata sempre os seus mitíns o senador Barack Hussein. Agardemos que ese cambio veña e se produza mañá polo ben de todos.