
Os que sigan este blog saben da miña debilidade por esta extraordinaria novela do falecido onte Camilo Gonsar. Outras novelas súas daquela nova narrativa envelleceron moi mal, non pasa o mesmo cos Anxos e mortos de Rei Ballesteros. Esta, publicada no ano 2003, penso que a derradeira, mantén intacto todo o seu fascinio.
Todos eses austerianos de novo cuño que se botan as librarías a mercar cada ano a nova mediocridade do americano, deberían inxecusablemente ler esta novela dun galego de Sarria. Una obra mestra que debería ter conseguido máis sorte e repercusión. Para o que esto escribe unha das tres mellores novelas dos últimos 25 anos.
Esta noite, despois de deitar aos nenos, sentareime no sofá, poñerei unha música axeitada (jazz clásico) e lereina de novo dunha tirada ata ben entrada a madrugada baixo o ceo resplandecente de Reikiavik.



6 comentarios:
Concordo con vostede en todo (ata no comentario sobre Auster), e, con Camilo Gonsar, na nosa mutua admiración por Knut Hamsun.
Camilo era un grandísimo escritor. O máis moderno da súa xeración. Non só A Noite da Aurora, libro presocrático, senón tamén Desfeita, Cara a Times Square... e, aínda máis, os seus contos. Creo que Paul Auster plaxiouno, sen coñecelo, como tamén Haruki Murakami ou, doutro xeito, Thomas Bernhard. Hai momentos da historia en que o "pole das ideas" sementa en lugares moi diversos dando vida a flores diferentes aínda que da mesma especie. Camilo foi, por idade, a primeira de todas esas flores. Nestes tempos de funerais espectáculo, con ministros e editores que queren ser ministros, a discreción de Camilo conmove. Home estricto e restricto a unha zona do seu ser que era insubornable, o seu espectro seguirá a camiñar as rúas de Vigo, as Camelias, o Príncipe e Urzaiz. As súas cinzas serán deitadas dentro duns días en Sarria. Que o vento das ideas siga a espallar o mesmo pole entre nós.
Eu xuraría que a novela de Rei Ballesteros era "Dos anxos e dos mortos" non "Anxos e mortos". Non paga a pena quedar a medias.
Alégrome que concordemos, oulego, no de Auster tamén.
Anónimo, non de pode dicir mellor e máis con tan poucas palabras.
Novembre.10, seino era só un xeito de denominalo.
Non podo concordar no de Auster, linlle case todo menos as dúas últimas porque teño por seguro que son productos "just in time" e non quero que me pase como con Allen, que por culpa da merda que fixo case tiro con tódalas súas pelis de antes. Voume con Gonsar, entón. ¡un saúdo!
Enviar um comentário