segunda-feira, março 30, 2009

Degranxo cutufo, samuruas papiloseiros!


O sábado tiven a honra de recibir da Fedración de Libreiros de Galicia o premio Irmandade do Libro ao libro do ano por Festina lente. O mellor do evento, amais do premio como non, foi ter a oportunidade de compartir mesa e mantel durante tres horas con tres mestres como Fina, Agustín e o tamén premiado Xabier, co que poso na foto cos nos pesados galardóns. Xavier fixo un emotivo, combativo e imprescindíbel discurso sobre a nosa lingua que podes ler aquí.
Degranxo cutufo, samuruas pailoseiros! Moitas grzas, amigos libreiros!

quinta-feira, março 26, 2009

terça-feira, março 24, 2009

No centro dun mundo propio


Aproveitando que o gran r.r. e Cesar Candelas veñen de gañar o III Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural, aí vai unha nova entrega do Escritorio Galego onde o primeiro explícanos devagar as súas receitas literarias preferidas.

segunda-feira, março 23, 2009

Nove meses


Este e o tempo que transcorreu dende que Festina saiu do prelo e aínda está a darme moitas alegrías: agora anda de finalista nos premios da AELG e nos da Federación de Libreiros.

sexta-feira, março 20, 2009

Disparen ao pianista I


No seu artigo de onte no Xornal, David Formoso falaba do esmorecemento do galego e propoñía unha nova estratexia. Na súa analise sinalaba entre outras causas esta: "Ligado ao ensino, están as lecturas. As que se recomendan, polo xeral, son tan pouco axeitadas como atractivas. Chegados a unha idade, os rapaces atopan libros máis interesantes en castelán."
Carafio ! resulta que agora, a fuxida dos rapaces cara ao castelán é culpa tamén dos escritores galegos. Seica non escribir de magos ou de vampiros leva aos mozos a devorar os betsellers internacionais. Non sei, pretenderá, que escribamos por concurso público e sexa a Admon. que nos indique, pobriños autores que non se decatan de nada, os temas á moda para que escribamos sobre eles. Xa o vexo: pasarela literaria galega, outono-inverno do 2010.
Semella esquecer o sr. Formoso, que a nosa LIX e un dos terreos máis vizosos das nosas letras, o que conta coa maior visibilidade exterior, cun feixe de traduccións e é recoñecido polo mundo adiante con premios e honras de todo tipo. Cando un neno coreano pode ler a Agustín ou a An na súa lingua por algo será, ou ao mellor pensa o sr. Formoso que estes autores tamén faran fuxir aos nenos do coreano cara ao inglés , por exemplo.
Mellor será que o Sr. Formoso apunte a súa escopeta dialéctica cara outra presa. Ainda que pensandoo ben, esta idea, a do escaso atractivo do que estamos a escribir os autores galegos, comeza a callar tamén noutros ámbitos, aí temos as queixas dalgúns senlleiros libreiros nos últimos meses. Pero deles, dos libreiros, prometo falar o luns.

quarta-feira, março 18, 2009

GALEGOTICÓNS


Iago Martínez fala hoxe ben clariño no Xornal ao fío do novo Mapa Sociolingüístico.

terça-feira, março 17, 2009

Pepe González 1939-2009


Morreu o debuxante Pepe González, e o solleiro destes días trouxo un aquel de melancolía. E aquel rapaz , que xuntaba as pesetiñas para mercar no quiosco o Creepy, o Zona 84, o Comix Internacional e tantos outros, emocionouse e percorreu de novo co seus dedos o corpo sensual de Vampirella.

quinta-feira, março 12, 2009

Amabilidade lingüística


Feijoo vai camiño de atopar un lugar senlleiro nos libros de lingüística a carón do mesmísimo Saussure. Onte, na súa visita ao Consello da Cultura Galega, sacou da manga un novo palabro: amablidade lingüística. E con todo o descaro reinvindicou a Piñeiro, Sabell e incluso a Cunqueiro! Como se non chegara coa entelequia esa do bilingüismo hármonico. O alicerce dese nova política de amabilidade lingüística xa sabedes cal é: "Pobrecitos, que hablen lo que quieran esos palurdos, siempre que no se mezclen con mis niños y los retrasen en sus clases de inglés" .
Asemade, coma pasa sempre que os petos do estado andan baleiros, os recortes viran pola cultura, pois non foi quen de confirmar que vaia haber consellería, así que cada un xa pode ir pensando e pagarse os mojitos. Aínda que isto non é mala idea, só pensar en Lopez Chaves nese posto dáme un calafrío. O que si confirmou e que o gran eixo da súa política cultural vai ser o Xacobeo 2010, asi que xa podemos irnos preparando.
De todos os xeitos, o dos recortes nos gastos culturais en tempos de crise, especialmente de aquilo que os políticos populistas considerna que é elitista, esténdese coma un andazo por toda Europa. Vai como exemplo a polémica que ven de crear Baricco en Italia pedindo que nestes tempos de recesión non se poden desbaldir os cartos públicos no teatro e na música e que estes deben gastarse nas escolas e na TV.


quarta-feira, março 11, 2009

11M

Érgome as oito da mañá con M., está preñada de cinco meses e ten cita ás nove para unha ecografía. Na radio oímos a Gabilondo que informa da masacre en Madrid, e eu acendo o televisor na procura das primeiras imaxes, con tanto rebumbio o noso fillo Lucas esperta, prepárolle o almorzo e M. lisca lixeira, pois vai chegar tarde a súa cita.
Namentres o visto para ir a escola Lucas pregúntame que pasou, pois o barullo da televisión e da radio asolagan toda a casa. Eu explícolle que uns homes malos puxeran unhas bombas nuns trens dos que a el tanto lle gostaban e morrera moita xente inocente; el, espontáneo, retrúcame dicindo que habería que matalos. Eu trato de explicarlle que iso non estaría ben, que habería que detelos, xulgalos e metelos no cárcere. El cos seus case catro anos, non queda moi convencido. Eu tampouco.

Hoxe, un ano despois, Lucas aínda se lembra do día dos trens, eu aínda me lembro daquela outra nai que tamén ía facer unha ecografía a que nunca chegou e miña filla Zoe que ten case oito meses e alumea co seu sorriso as noites escuras dun tempo infame que non escolleu vivir.

(Anotación do 11/3/05)

terça-feira, março 10, 2009

O olifante de almafí


Sempre pensei, que das andainas polo país que Manolo Gago nos relata no seu extraordinirio Capítulo 0, poderíanse sacar o xermolo de moitas e boas novelas. Pero o caso da elefante de guerra da igrexa da Pobra recoñezo que me deixou prendido e ata enfiei unha historia sobre a súa orixe e a do canteiro que a traballou.
Recoñezo que agora non podo escribrila -co seu permiso, por suposto- pois ando ensarillado, por un lado, cun proxecto ilusionante co que estou aprendendo moito sobre a escrita malia que case aseguraría que non sacarei nada en limpo, e, por outo, teño unha novela rematada por corrixir, a espera do veridito dos meus lectores, que andan un chisco preguiceiros.

segunda-feira, março 09, 2009

Causalidades/casualidades


Fagamos un pequeno xogo e contextualicemos todas estas novas: o candidato, que eu saiba aínda non é presidente (lembremos o tamayazo madrileño) que no mitín das Travesas en Vigo (un dos seus feudos electorais) camelou coa súa demagoxia (en castelán, of course) aos inquedos traballadores de Citroen que teñen un ERE sobre as súas cabezas; levaba tres anos usando de balde un coche cedido pola empresa. Ao parecer esa cesión incumpre o rexime de incompatibilidades do parlamento galego e incluso pode ser causa de obrigas fiscais. Pois ben, esa mesma empresa que tan xenerosa lle cedeu o automóbil anuncia agora, uns días depois das eleccións unha inesperada carga de traballo de 14.000 vehiculos que ao parecer lle caeron do ceo e dos que non sabía ren. Agora xogade vós e relacionade...

(Os de PRISA con tal de seguir meténdolle o dedo no ollo a Esperanza e a vella guardia do PP, largábanse onte unha reportaxe haxiográfica sobre o beatífico Feijoo, o home sen pasado, sen mácula nin mancha. Todo por manter aí a Rajoy: saben que non hai mellor/peor contricante para ZP. En fin.. o da prensa neste país está a chegar a uns extremos...)


sexta-feira, março 06, 2009

Praat jy Spaans?

Ben pouco lle durou a Feijoo o seu discurso obamista do domingo: do "gobernarei para todos e o con todos" pasou onte ao "gobernarei para todos e con todos pero cada un na súa corte". A política de segregación lingüistica que ven de anunciar é un dos maiores erros políticos, -contéñome no calificativo- dende a chegada da democracia. Un erro que é o primeiro alicerce para acadar unha nova maioría progresista para este país nas eleccións do 2013.
Este ataque frontal ao sentido común, ao máis elemental principio de igualdade e á nosa lingúa, abre unha caixa de pandora da que non semella moi consciente.
Se a un pai ou nai se lle dá a posibilidade de escoller que o seu fillo non comparta aula con eses pailáns que queren aprender galego, cal será a seguinte escolla? Non compartir aula con inmigrantes? con nenos do sexo contrario? con rapaces musulmans? con ciganos? con nenos cuxos pais non estean casados? con nenos de parellas gais? con nenos morenos de máis...? E como faran os mestres para recollelos da hora de lecer e levalos a cada un para a súa aula monolingüe, poñerémoslles mandilóns de cores? Unha chapiña coa bandeira, co símbolo da súa relixión, co sexo dose seus pais...
É onde vai todo aquilo da política de austeridade, da loita contra o dispendio? Pensa duplicar mestres e aulas, onde está a financiación? E cos libros de textos? serán gratuitos só os que estan en castelán e o que queira galego que o pague? Ou ao mellor pensa organizar o ensino todo de xeito monilingüe. Por unha banda os CEIPG, os galegos, e pola outra os CEIPE, os casteláns. E despois de crear guetos lingúisticos escolares, os pais, por aquilo da concilición da vida laboral e familiar, mudaranse o máis preto posible das escolas dos seus fillos e as nosas vilas e cidades quedarán segregadas entre banda galega e banda castelán.

(Na foto, a vella bandeira afrikaner, xa estou imaxinado a bandeira galega, coa española incorporada no medio e coa británica tamén, por aquilo de que sen o inglés non se pode andar polo mundo. No título do post unha frase en afrikaans: Falas español? )

What´s going on



Na nosa casa, os días Marvin Gaye son aquelas xornadas felices nas que un se alegra de estar onde, como e con quen está. Neses días lucidíos sempre soan estes dous temas a xeito de pagá acción de grazas.
Pois ben, tras a grisalla e o desencanto destes días é hora de ollar cara a adiante. Vaia este video con todo o meu agarimo para o arrichado de Mario que nunca caeu no pesimismo e para todos aqueles que aínda non levantaron o ánimo. Estamos en marcha de novo.

quinta-feira, março 05, 2009

Watchmen


Co gallo da estrea mañá da versión cinematográfica, que el hombre molécula xa foi debullando, no semanario A Nosa Terra que podedes atopar dende hoxe nos quioscos fago unha recensión desta obra fulcral da narrativa contemporánea.

quarta-feira, março 04, 2009

Xeración perdida


Ao fío desta lúcida anotación de Brétemas e desta incontestable de Lándoas póñome a facer contas da meu persoal historial político dende que cumprín os 18 anos: 86-87 AP, 87-90 PSOE, 90-05 PP, 05-09 PSOE-BNG, 05...PP. É dicir 18 anos de dereita contra contra 7 escasos de esquerda, nos que creo lembrar que só gañei catro eleccións. O balance é triste é arrepiante. Comenteillo ao meu fillo onte ao mediodía durante a comida: que moito me temía que ía ter que ser el quen desaloxase a estes do poder alá para o 2018 cando poderá botar por vez primeira.

terça-feira, março 03, 2009

Comezamos ben

Non tardou nin 48 horas, haberá que volvera as rúas entón.

segunda-feira, março 02, 2009

Corina vai quedar



Esta canción é a que mellor pode definir o meu estado de ánimo. Sen que iso deslexitime a vitoria espectacular de Feixoo e a desfeita, tamén espectacular do bipartito/bifronte, nunha xornada histórica de participación electoral.
Non estou triste polo hostión dese bipartito/bifronte que o buscou á mantenta, coa súas leas constantes e coa súa covardía política; senón por algúns deses vencedores que desfilaron tras da pancarta de GB e que podon acabar nunha consellería. Estou triste por que penso que é un día triste para a nosa lingua.
E fácil dicir agora que xa a barruntaba (aínda que só 38), malia que a Mario lle desgusten os que falan a touro pasado, pero cando un leva dez días escoitando nas cafeterías e bares de Vigo falar só do coche e do mobiliario do ex-presidente e logo dos vellos secuestrasdo, dos armanis e do iate do ex-vicepresidente, é que algo non vai ben. E non foi. A extraordinaria suba do voto urbano popular demostra que ese discurso do dispendio callou naqueles que máis dificil o están pasando, nos parados e hipotecados das cidades, que lexitimante castigaron aos desbaldidores: "eu estarei fodido pero ti vas a puta rúa". O que non sei é que sentiran cando esa austeridade que lles venderon supoña só a sinxela mudanza dos ocupantes dos coches oficiais e dos despachos, máis nada.
Despois, están os desencantados, coma min, que esperaban moito máis dese cambio progresista de hai catro anos, e que remataron decepcionados e pasaron de votar, eu fíxeno no derradeiro intre dun xeito utilitario que aínda me doe, pero coñezo a moitisimos que non o fixeron .
Por non falar de Pepiño e os seus fontaneiros de Ferraz que debeu pensar que isto era como o congreso federal aquel que lle gañou a Bono, en fin...
Ningún dos dous EX fixo o máis mínimo exercicio de autocrítica onte nos seus dicursos, non falaron da súa arrogancia, da súa deconexión co realidade, da mala xestión... nada de nada. Perderon por que o outro gañou sen máis, como se eles non botaran un mal agarrado na pista durante catro anos no que se meteron cambadelas arreo.
E agora Feixoo. Deberá escoller moi ben o seu equipo, no discurso de onte tras a vitoria seguía a manter a súa idea da campaña que agardo que poida cumprir. Deberá tamén levar coidado de Raxoi, que pretenderá capitalizar o seu éxito como propio, cando se o pensamos na súa campaña no rural o presidente popular ben pouco fixo e aínda pode perde un deputado por Ourense.
E logo están todas esas promesas: listas de espera de 45 días, baixada de impostos, o peche das galeoscolas, o citroen de presidencia, a derogación do decreto do galego... moitas delas inviables dada a situación económica e outras arrepiantes e que son as que, como galegofalante, me meten o desacougo no corpo.