quarta-feira, outubro 05, 2005

Unha soidade demasiado ruidosa

Andan Jaureguizar, Náufrago e Brétemas en plena campaña para o premio literario do dinamiteiro. Dubido moito que algún membro da academia sueca lea blogues nunha lingua tan exótica para eles coma o galego, pero aínda así o debate ábrenos as fiestras doutros mundos.
De tódolos xeitos eu dende que no ano 1997 morrese Bohumil Hrabal sen que llo desen tanto me ten que o reciba. O checo morreu no hospital onde ficaba ingresado con oitenta e tres anos ao caer dende unha xanela tratando de salvar a unha pomba que se enguedellara no tellado. É autor dunha das novelas máis estarrecedoras que lin na miña vida, unha breve novela que me produciu desacougo, inquedanza e ata dor física, unha obra tan fermosa sobre o vagoroso devalar dos días, que a cada folla que pasaba un engurra pousábase no meu rostro e unha folerpa acariñaba a miña barba.

4 comentários:

folerpa disse...

No blogue de Brétemas entérome que o Rinoceronte, novo proxecto editorial de Barcia, vai traducila por fin ao galego. Parabéns.

Anónimo disse...

Vaia, eu pensara que se suicidara. Tamén é linda a de trens rigorosamente vixiados.

Laurindinha disse...

Parabéns polo post!Texto delicado e intenso (que precioas a anécdota da pomba...).

Anónimo disse...

¡Ceos! Por fin atopo nalgures unha persoa que proclama en voz alta o nome de Bohumil. Non sei quen é folerpa (quen es),non teño blog, non me interesan moito -ás veces entro nalgúns e vou dun a outro seguindo os links-, pero vin escrito o nome do meu amadísimo Hrabal e decidín quedarme aquí, entrar coas miñas palabras (que non din nada), manifestar a miña satisfacción. E por certo, ¿non vos dades conta de que para as editoriais ou para os suplementos literarios ou para todo maría santísima deixou de existir? Buscade a peli "Tijeretazos", marabilla fílmica do universo hrabaliano.
Bicos.