quarta-feira, outubro 25, 2006

Espello

“Como aqueles homes que non permitían que o lume esmorecese e se encargaban de vixialo e alimentalo, hai tamén sentimentos que avivamos ao longo de moitos anos, porque, malia a súa inutilidade ao non pertencer ao presente, non queremos renunciar a eles, xa que neles cremos que residen principios inamovibles que nos definen como somos ” .
Solimán, de Xesús Fraga


Ás veces no feixe de novidades non sabemos por que un libro queda embaixo. Pasan os meses ata que un día cae de casualidade nas nosas mans, o abrimos, o devoramos e ficamos marabillados pola súa mestría. A min pasoume estes días co Solimán de Xesús Fraga onde nas súas páxinas tinguidas coa nostalxia vinme reflectido na vida de Álvaro, Román e Lucía.
O escachado espello das lembranzas recuperou de socate o seu azougue esmorecido e volvín a transitar polas rúas da miña mocidade, polos tempos do Instituto Sansón de Barcelona, do 1,2,3, do xampú Geniol de ovo, dos primeiros porros, daqueles profes colegas que nos trataban coma iguais sen selo, das vilas que sen decatarnos creceron ao mesmo ritmo ca nós, dos clásicos universais ilustrados, duns avós que eran algo máis que gratuítos canguros por horas, das Hazañas Bélicas e os primeiros corpos espidos do Interviu, daquela noite de transistores e confidencias na cociña do 23F...en fin unha fermosísima e emotiva novela xeracional na que atoparnos e onde o autor cunha prosa melancólica e humilde condúcenos devagar na procura dese solimán imposible que nos libere desa pezoña serodia que percorre as nosas veas.

5 comentários:

Anónimo disse...

Unha boa novela. Xesús Fraga é un escritor moi interesante. Choca ver como o noso sistema literario foi dunha xenerosidade desmedida coa xeración de oportunistas que comezou a publicar a comezos dos 80 (para vender nos institutos nos que daban clases) e terriblemente cutre coa seguinte xeración de novelistas.

Anónimo disse...

Anónimo, razone iso!
:-)

folerpa disse...

Anónimo recoñezo que algo diso hai. Non concordo co teu "oportunistas" pero si co feito de que un xeración fixo sombra a seguinte e que algúns libros moi valentes e válidos ficaron case esquicidos e pola contra hoxe moitas desas obras dos oitenta tan celebradas nos eu momento non aturan unha somera 2ª lectura.

Anónimo disse...

Alégrame de que che gustara o libro: para min resulta moi ilusionante. (Hai unhas semanas atopei o Geniol no Alcampo da Coruña e tiven un momento proustiano; digo eu que a súa madalena tamén levaría ovo, non?). Un saúdo.

folerpa disse...

Máis me ilusiona a min o teu comentario Xesús. Agardo que entre a radio, o xornal e as traducións atopes tempo para enfíar unha nova historia.
Unha aperta