quarta-feira, janeiro 30, 2008

Que cinco libros galegos levarías a unha illa deserta?

Esta brincadeira do xornal La Vanguardia é un bo e sinxelo xeito de promover a lectura e o debate sobre os libros. Os lectores animáronse e incluso xustifican a súa escolla segundo o devalo das horas, como nesta marabillosa selección que fai un libreiro catalán. Algún día, algún dos nosos xornais podería animarse a facer algo semellante e non perder o tempo falando da nova vexetariana do día ou doutras illas moito máis prosaicas.

terça-feira, janeiro 29, 2008

A mocadas


¡Mimadriña! Como anda o patio. Freixanes e Sarille a puñadas nos xornais. Kiko e Rubín rifando na rede. Co PP non pasaban estas cousas, polo que é evidente que a política cultural deste goberno só fomenta as liortas e rabechas entre os nosos creadores, mellor sería que nun xesto de honradez cesasen nas súas promocións para que non chegase o sangue ao río. Mentres tanto, outros tan felices ante a perspectiva de ter atopado o seu El Dorado. En fin, será cousa dos nervios da precampaña electoral

sexta-feira, janeiro 25, 2008

O cambio esvaecido


Somos moitos os que nos sentimos moi decepcionados coa política cultural do ¿bipartito? Esta nova, sobre o enterramento dese tótem telúrico na nosa identidade nacional que é o dólmen de Dombate, serve como perfecta metáfora da nosa decepción. Algúns xa se atreven a manifestalo, con certa timidez, en público, hoxe no Luces do País, curiosamente nunha reportaxe sen firma ao que da réplica automática Ánxela B.

quinta-feira, janeiro 24, 2008

Fragmentos para a construcción dunha cosmogonía televisiva



Hai unhas semanas, matando ás horas diante do televisor, dou cun programa, deses tan de moda, que procuran descoñecidos talentos artísticos en calquera categoría. Os candidatos á fama actúan sobre un escenario perante un xurado. Os primeiros son un trío de forzudos, pai, fillo e filla con varios estúpidos records mundiais, un deles seica ergue ata 1.500 quilos co seu pene. Ao pai, escáchanlle varias tellas sobre a cabeza; ao fillo, rómpenlle cunha maza unha pedra sobre as súas partes, e a rapaza que seica é quen de mover un microbús (por problemas de espacio non o trouxo) tenta erguer a un dos membros do xurado sobre o seu lombo e case lle rompe a crisma. O espectáculo é presentado polo locuaz fillo nun ton de feirante de ringorango. Por suposto pasan o casting sen problemas.
Deseguido aparece no escenario un rapaz que di que vai tocar, sen tocalo por suposto, un theremin. Devagar vaino montando e afinando perante a impaciencia do xurado e só ten tempo de dar unhas notas con el antes de que soe a bucina. O xurado rexéitao, e non pasa á seguinte fase, un deles coñecido mestre histrión doutro programa semellante, chega a firmar que se trata dun instrumento aburrido. Uns instrumento co que se pode facer esta tolería, ou esta simpática brincadeira ou interpretar esta fermosura, xamais pode ser aburrido.
Ven todo isto a conto que non sei en que intre se instaurou na nosa sociedade a idea que de que o talento só é quen de agromar a través destes programas. Que a televisión é o medio máis democrático e libre que existe (todos temos dereito aos nosos 15 minutos de gloria, Warhol dixit), o único medio que escapa a manipulación e a corrupción dos executivos das grandes coporacións multinacionais que nos venden o que non queremos e non nos gusta. O medio onde calquera miñaxoia pode abraiar ao público expectante e mudar nunha estrela. Os habituais mediadores artísticos, críticos, productores e editores, conforman unha grande conspiración mundial que non dá saída aos verdadeiros creadores, a todos aqueles que acotío cantan na ducha, bailan diante do espello ou fan equilibrios nos peitorís dos parques.
Penso que non tardará o día en que algún inspirado executivo dun gran grupo mediático decida procurar polo próximo bestseller da súa editorial nunha televisiva academia de letras para ágrafos. Eu xa estou pensando nun director rifón que pode dar moito xogo na pantalla. Ao tempo.

segunda-feira, janeiro 21, 2008

FIL 2008


Por fin os que van de viaxe a A Habana poden facer as maletas, que non esquezan os bañadores e algún protector solar.
Dúbido moito da utilidade destes fastos, o Malecón non é Francfurt, agás como acto de propaganda para esa política de roldas de prensa e de portadas de xornal que practica arreo a Consellería de Cultura. Cos cartos que se van desbaldar, ¿ cantos filmes poderían ver en galego os meus filos, ¿cantos?
Sobre a quenda de autores e creadores convidados, non vou dicir ren, en primeiro lugar porque non se publicou unha relación completa. Aínda que sigo a pensar que algunhas ausencias son clamorosas.

Amais, malia a nosa sentimental relación con Cuba, no estaría mal de falar de situación política cubana, dos escritores e periodistas silenciados ou no cárcere, da liberdade de expresión na illa... a que tan ben fai referencia Jareguizar...


Boa viaxe a todos e non se pasen cos mojitos.

quarta-feira, janeiro 16, 2008

Ratatouille


Cada vez que lle poño aos meus fillos un DVD é teño que elixir o idioma, lévame o diaño non ter a posibilidade de escoller a lingua de nós, iso si case todos eles están dobrados ao catalá, o último exemplo deste Nadal o da imaxe. Penso que este é un dos mellores camiños para que os nosos nenos aprendan galego e onde as nosas institucións deberían facer algo máis. Menos viaxes, feiras e roldas de prensa e un chisco máis de traballo a pé de obra. Amais, coma se isto non chegara, resulta que A Galega suprimiu o Xabarín polas tardes e os meus fillos xa non poder ver a pouca programación que tiñan en galego. Unha vergoña da que tamén fala Eyré.

A esta ausencia de material audiovisual en galego hai que engadir tamén o sonoro, Trátase dunha gran eiva da nosa política lingüística, da que xa se queixaba hai uns días, Oulego. Nin cancioneiros nin audio-libros. Téñoo comprobado tamén polos meus fillos que adoitan escoitar contos e cancións. Miña filla no seu primeiro trimestre de infantil aprendeu máis dunha ducia de cancións, en castelán iso si. A súa mestra mandoulle para casa o mp3 e anda cantaruxando polo cuarto a todas horas.
Asemade, de pouco serve que os manuais estean en galego cando os mestres son castelán falantes, producíndose nas aulas unha diglosia fala-mestre/escritura-nenos incomprensible. Unha sociedade non se conforma a golpe de decreto e porcentaxes, nin tampouco ese é o xeito de promover unha lingua que esmorece. Precísanse amplas políticas transversais, dende formación do profesorado a dotación de bibliotecas escolares, de etiquetado comercial a dobraxe de filmes. Non chega só co DOGA, meus señores.

terça-feira, janeiro 15, 2008

Naufraxio


Coma orfos paraugas estragados
nas rúas, sobre as campas,
ficamos derrotados.

sexta-feira, janeiro 11, 2008

Comer, beber, amar



Marabilloso o relato de Manuel Gago sobre a súa visita a Arzak. Emocioneime coma o fago cada vez que vexo cociñar ao mestre Chu neste filme extraordinario. Non me podo resistir a reproducir, co seu permiso, un anaquiño do seu texto:

"Non debía ser o único ao que se lle perdía o sentido. A nosa sorpresa foi que tal fartura emocional desembocaba no cariño colectivo. Aquí e alá, as parelliñas das mesas bicábanse, facíanse xestos de agarimo íntimos, coma se estiveramos nas intimidades dos salóns domésticos...
Unha rapaza de vermello levantábase e bicábase ao mozo de pé, no medio da sala. E a parelliña inglesa do carón rompía o seu tímido silenzo e a ela se lle escapaba unha sonora gargallada que se tapou inmediatamente coas mans, pasmada, fazulas encarnadas, de como se lle escapara o espíritu por primeira vez. Na segunda botella de Rioxa, os maduros vitorianos do noso carón -de amor moi tardío- rozábanse discretamente as mans, salpicados da éxtase colectiva, mentres as camareiras e o sumiller cruzaban circunspectos e ausentes polos camiños invisíbeis que teñen trazados entre os clientes..."

quinta-feira, janeiro 10, 2008

Pobre Darwin !


Que unhas entidades como a Universidade de Vigo e Caixanova dean pábulo e cedan as súas instalacións para un conferencia dos creacionistas é unha vergoña e un atentado contra o coñecemento científico e racional, un escarnio de todos aqueles que no nome do progreso pagaron coas súas vidas polo seu traballo. Agardo que coa repercusión da nova na prensa de hoxe rectifiquen axiña, senón, polo menos collerei o camiño da miña sucursal e cancelarei a miña conta.

terça-feira, janeiro 08, 2008

Os lectores cultos


As criticadas declaracións de Ramiro Fonte de hai uns días sobre a ausencia deses 5.000 lectores cultos no noso sistema literario pódense poñer en relación con estoutro artigo. Penso que eses lectores existen é nos últimos tempos no mercado editorial en castelán, exquisitas e periféricas editoriais están a coidar deles, servíndolles, grolo a grolo, gorentosos licores para os seus padais. Ata o punto de que xa son un mercado apetecíbel para moitos grandes grupos que pensan sacar selos específicos nos vindeiros meses adicados a eles.
Creo que as dúas concepcións, a literatura culta versus literatura popular, non deben estar enfrontadas senón complementarse: o cultismo diletante non vai a ningures sen público e sen ter pousados os pés no mundo que nos arrodea, e os danbronwns da vida non enriquecen ningún sistema literario por moitos consumidores, que non lectores, que teñan. Un debate aberto e apaixonante.

Parabéns An!

A sombra descalza entra na lista de honra do IBBY do 2008.

sexta-feira, janeiro 04, 2008

A literatura pequena



“A mal chamada literatura xuvenil está destruíndo ao lectorado, a mocidade ten que estar capacitada para acometer a gran literatura.”

O egrexio pai de María e Abe, en declaracións ao semanario A Nosa Terra, nº 1.292, do 4 de xaneiro de 2008.

quarta-feira, janeiro 02, 2008

Aproveitade que xa queda un ano menos...



...segundo afirmaban os maias e os hopis nos seus calendarios solares, e tamén recolle a cábala xudía e a tradición budista e hindú, o 21/XII/2012 será o día da fin do mundo. En calquera librería poderedes atopar abondosa bibliografía sobre o tema nos estantes adicados á ¿divulgación científica?
Seica ese día remata un ciclo de 26.000 anos no que o sol acadará a súa máxima actividade e o noso sistema solar achegarase ao mesmo centro da vía láctea. Non sei que dirán os profetas Arrabal e Rabanne ao respecto.
Por todo iso, e por se acaso: ¡¡ Felices próximos catro anos !! Gozade canto poidades. Carpe diem.