terça-feira, setembro 13, 2005

Bibliografía esquecida


Atopo nos fondos de vello dunha librería algúns dos primeiros libros en galego da miña infancia que non conservei e que xa tiña esquecidos no remol da memoria.
As inxenuas aventuras de Maruxa, Antón e Isabeliña en dous volumes editados por Galaxia no ano 1979 e titulados As Cousas de cada Día volumes 1 e 2.
As miñas primeiras palabras en galego dun tal J. de Juan B. editado pro LASTRASA Editoriales Reunidas, Lugo. Supoño que insigne filólogo pois na capa tamén se citan coma obras súas Mis Primeras Palabras en inglés, francés e euskeraz.
Lémbrome tamén do Dona Galicia de Ursula Heinze, creo, e que non volvín recuperar e da Galiña Azul de Casares que aínda conservo.
E deixo de escribir que os aruxos do pasado que trae o vento morno pola fiestra aberta énchenme os ollos de bágoas.

2 comentários:

Brétemas disse...

Entre as miñas querenzas está a de coleccionar os primeiros libros escolares en galego. Os dous volumes d' "As cousas de cada día", igual ca "Picariños", quizais o primeiro método como tal de aprendizaxe da lectura en galego, supuxeron un fito no proceso de alfabetización na nosa lingua. Convén lembralo estes días no que semella que o libro escolar galego choveu do ceo.

Laurindinha disse...

Eu teño Dona Galicia!