quarta-feira, setembro 14, 2005

ETES

Coma excéntrica cualificaba hai uns días meu benquerido Brétemas as nosas actitudes coma pais en relación co que ás veces se estende ao noso redor. A miña parella máis eu sentímonos moitas veces coma auténticos extraterrestre neste últimos anos.
Primeira eiva, nosos fillos levan primeiro o apelido de súa nai cos problemas que tal feito causa en calquera xestión burocrática que se faga, eu estou farto de que me muden o meu apelido e me poñan o dela.
Segunda eiva, non estamos casados, nin polo civil nin polo militar, nin nos anotamos en quenda ou rexistro, nin local nin autonómico nin estatal. Ao que hai que engadir que eles por suposto non están bautizados.
Terceira eiva, os xoguetes. Na nosa casa non entran pistolas nin outras armas, e meu fillo xoga dende sempre coa súa cociña ou con bonecas.
Cuarta eiva, a gardería. Non van por principios, súa nai máis eu decidimos apañarnos entre os dous pois coma autónomos sen xefe nin horario fixo podiámolo facer. Amigos, coñecidos, veciños e familia cando sabían de tal circunstancia arrepiábanse e insistían a cotío sobre as bondades da gardería no seu desenrolo físico emocional e na necesidade de socializalos pois senón ían a quedar tarados. Supoño que pensaban que para un neno estar cos seus pais non é bo no seu proceso de aprendizaxe.
Quinta eiva, a escola. Unha das nosas maiores preocupacións foi o da súa escolarización en galego – unha utopía- e o da clase de relixión. Cando as mestras celebraron a primeira reunión e alporizados protestamos - meteran ao maior en tal clase sen consultalo - e mostramos o libro, cos contidos e principios que defendía, a noso fillo uníronse os de outros no seu rexeite de tal ensinanza. O curioso foi que algún pai soubo pola nosa protesta da existencia de tal materia na escola e de que seu fillo xa a recibira durante o curso anterior sen que el se decatase, bendita comunicación interxeracional.
E podería seguir... pero non merece a pena.
A pequerrecha que ten agora trece meses xa non sofre tanto pois todo o entorno xa ten a seus pais como uns raros de carallo e déixannos coas nosas teimas. Iso si, o de que non lle mutilásemos as orellas cuns pendentes ou o de que súa nai aínda lle de peito con esa idade sigue a producir estrañeza e ata noxo nos benpensantes.
O que eu digo somo unha familia de ETES.

3 comentários:

Anónimo disse...

Eu tampouco lle furei as orellas o meu fillo, non porque fose home, senón porque non estaba de acordo, se fose muller faría o mesmo. Pero resulta que ó ser home entraba dentro do politicamente correcto. Agora, cando as adolescentes hormonas están no seu punto álxido,vai e ponse un piercing para transgredir, e eu no medio, loitando entre o que non estou de acordo e o seu dereito a vulnerar regras non escritas.
Con respecto a quinta eiva que menciones, direiche que tamén, e máis daquela,nos foi imposible escolarizalo en galego, pero a forza do idioma materno e paterno é tan forte que non fai mella neles, polo menos esá é a miña experiencia, da escola só desexaba que lle ensinaran conceptos, o outro era cousa nosa.

Brétemas disse...

Un texto marabilloso, folerpa. Beizóns!!!

Anónimo disse...

Abofé, unha marabilla. Nós non pensaramos nunca niso, e case que somos etes. Debemos furarlle as orellas ao noso fillo?