Eu fun un topmodel da moda galega. Xúroo. Corrían os anos oitenta e eu cortaba o pelo na perruquería máis afamada e moderna. Ao meu carón unha madura e atractiva muller que non me sacaba o ollo de enriba preguntoume se algunha vez desfilara ou posara, eu díxenlle que non, deume a súa tarxeta e dixo que me presentara ao día seguinte na dirección do dorso para unha sesión fotográfica.
Presenteime no chalé da Gran Vía emocionado, entreguei a tarxeta á rapaza da entrada e acompañoume ao soto, alí escribín os meus datos persoais, medidas, talla e nº de pé nun cartaz e un fotógrafo sacoume case un carrete de fotos.
Era Feliz e saín á rúa convencido de que as mulleres ollaban para min con ollos lascivos. Que era máis alto e guapo. Pensaba: tódolos demais homes son uns mixiricas. Eu si que fardo. A miña reportaxe no Galicia Moda seguro que vai dentro do maletín desa executiva. Esa rapaza que le no parque, de certo que pensa lúbrica en min. E cando máis feliz era, decateime de que pasaran as semanas e non me chamaran. E nunca fun un topmodel da moda galega.
(Desculpas a Náufrago pola intertextualidade)
quinta-feira, setembro 15, 2005
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Benquerido Alfaias.
Está vostede desculpado. É unha honra moi grande a intertextualidade. Acougue que non vou pedirlle responsabilidades penais. Noraboa polo texto.
Enviar um comentário