quinta-feira, setembro 01, 2005
Caderno de verán I
Unha tardiña na praia L. non quere saír da auga para regresar a casa, eu bérrolle pero el faise o xordo e mergúllase unha e outra vez. De súpeto unha das derradeiras raiolas do sol cégame coma un lóstrego, pecho os ollos e cando os abro estou noutra praia. Na súa ribeira miña nai chama ao neno que fun pois xa é hora de marchar, eu fágome o xordo e mergúllome arreo nas ondas coas miñas novas aletas azuis. Pecho os ollos de novo e cando os abro L. segue na auga, séntome na area morna e tranquilo agardo ollando cara o sol que se pon tralos montes de cinza namentres na buguina da miña memoria resoan salgados os berros daquela moza que foi miña nai.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
3 comentários:
Sobre todo esas cousas pasan cando un frecuenta praias da infancia, coma A Punta en Teis.
Noraboa por tan afortunado regreso.
Primeira vez que entro no seu blog (dende A Regueifa) e xa quedei collido.
Acendeu os meus recordos de cando pasabamos os verans na praia de Xuño a Setembro, e da mañá ata a noite a troulear na area, nas rochas, no monte de detrás das casas, etc..., de cando ir dende Ourense á Guarda eran caseque catro horas, e de cando a nosa nai facía o que nos estamos a facer agora. Ter estes recordos impica que nos facemos maiores (que non vellos).
Apertas
Alejandro Fedorento
Grazas Alejandro espero que fiques aí doutro lado deste espello moito tempo.
Enviar um comentário