terça-feira, outubro 25, 2005

Batedora

A finada de miña avoa sempre me dicía que fixera mal negocio en non casarme, que perdera a oportunidade de facer un bo enxoval. Lémbrome que cando me independicei fai nove anos agasalloume cunha batedora, trebello que para ela debía ser un dos máis fondos alicerces de calquera convivencia de parella e abofé que tiña razón. Con ela fixemos moitas tortas, biscoitos salsas e cando chegaron os nenos, as súas papas de froitas.
Este ano escangallouse e mercamos unha nova que so durou uns meses, hoxe leveina ao servizo técnico a arranxala. O nacho díxome que a reparación a cubría a garantía a pesares de ser por mor dun mal uso, díxome que agora estes aparellos son unha merda e que non se poden usar máis dun minuto deseguido sen darlles un descanso, que moitos accesorios pero o motor non vale nadiña.
A finada de miña avoa tamén me dicía que as cousas non se facían coma antes e abofé que tiña razón. Nós seguimos xuntos, dende unha avesía tardiña de novembro de fai case vinte anos e seguiremos a facer tortas, biscoitos salsas e papas de froitas.

6 comentários:

Anónimo disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
Anónimo disse...

Si que é certo que as cousas de agora non che son como as de antes. Parabéns polos 20 anos!

Peke disse...

A nós pásanos o mesmo coa licuadora. A primeira durounos case vinte anos; a segunda apenas dous. Veremos a terceira.

Laurindinha disse...

Paréceme precioso como fas poesía co cotián... Este texto é precioso. E noraboa por eses 20 anos xuntos...agora que todo é tan efémero.

Kavafinho disse...

Antonte tamén se me estragou a min o batedor preparando un puré de cabaza. Cómo interpretar, meu amigo, todos estes sinais que o fado nos remitiu no último mes. Tenche a cousa un verniz tan austeriano... Igual non nos queda outra que escribir unha novela polo estilo a iso que lle din "a catro mans".

Anónimo disse...

O outro día constatei, na casa dos meus pais, que o exprimidor que lles regalaran pola súa boda ainda funciona. E non lles vou negar que se trata dun obxecto de valor emcional para min, coma un irmán maior (lévame dous anos).

Eu xa levo dous exprimidores en apenas catro anos.

Noraboa!! (ós fabricantes de electrodomésticos)