quarta-feira, novembro 23, 2005

Mª Vitoria Moreno

Onte cando comezaba a reunión da ANPA que presido da escola do meu fillo unha nai fuxiu de malas maneiras en canto empecei a falar en galego. Xa nunha anterior reunión queixárase de que as nosos comunicados e os da escola estivesen en galego, engadiu ademais que dun tempo a esta parte a nosa lingua inzarase por tódolos recunchos, recoñezo que me puxen un chisco borde cando lle respondín. A nai en cuestión non é galega pero leva na nosa terra máis de quince anos. Ben isto a conta do feito de que onte finou Mª Vitoria Moreno, estremeña de Valencia de Alcántara que pese a principiar a súa carreira literaria en castelán pasouse logo a galego, comprometéndose fondamente coa nosa terra e a nosa lingua nuns tempos en que non era doado. Vaia este post en homenaxe ao seu exemplo de muller comprometida coa nosa lingua.

4 comentários:

Peke disse...

Sempre me chaman a atención esas rabechas inútiles que pillan algúns cando escoitan falar galego ou len galego nos documentos oficiais. Xa podían gastar as enerxías en cousas máis útiles.

Laurindinha disse...

É incrible que unha persoa que leva 15 anos en Galicia diga que non entende o galego...
Mª Victoria Moreno é un exemplo marabilloso: como unha persoa de fóra de Galicia se implica desa maneira co noso idioma...
Comentábame onte meu pai cando falamos da súa morte de que mesmo chegou a dar cursos de galego en Pontevedra nos últimos anos do franquismo...

torredebabel disse...

Nunha folla voandeira de 1955, saída da imprenta Sindical da Coruña, leíase o seguinte: “Hable bien. Sea Patriota. No sea Bárbaro. Es de cumplido caballero que Usted hable nuestro idioma oficial, o sea, el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino ¡¡Arriba España!!”. A folla voandeira ainda non tería caido ao chan, cuando os meus montábanse ao barco que os levaría para América. Na casa arxentina, nunca falaron outra cousa co galego da aldea. Fora, nunca falaron outra cousa que castelán. Hoxe, 49 anos despois, cando eu comencei coas clases de idioma galego en Bos Aires e cos libros galegos á voltas, a miña avoa miroume con aquela pesadume e dixo-me: “¿E para que?”. Mentres, a folla voandeira segue e segue aboiando no ar.

hojasdehierba disse...

Non lin nada da finada... pero recordo que meu curmán, que ten un par de anos menos ca min, fixo no colexio con once ou doce anos un traballo sobre un libro dela. Un dos seus profesores a coñecía e lles pasou o teléfono. Chamaronna e non só accedeu a falar con eles, senon que os invitou a merendar na súa casa...
Cústame pensar que pudiera ser algo distinto a unha boa persoa.
O que non sabía é que era de Valencia de Alcántara... vou alí con frecuencia. Boa xente.