segunda-feira, novembro 07, 2005

Porque Xesús Aloso Montero non coñece a María Yañez ?

E eu engado: e tampouco moitos editores galegos (EG) . Entendo que é sintomático a posición da maioría dos EG fronte aos blogues e a rede, ou desprezo ou descoñecemento. Como exemplo o de unha histórica editorial galega que nin sequera ten páxina web onde consultar o seu catálogo ou a súa incapacidade de usala rede sequera como soporte promocional das súas novidades, foros cos autores ou blogues, etc.
Dos dous días de simposio en SDC varias conclusións:
1ª A presenza entre o público de máis blogueiros que editores.
2ª O medo que esperta nos EG a ausencia da súa egrexia figura canonizadora nos contidos pendurados da rede.
3ª A única proposta de futuro editorial, xa presente, a de María e as súas Edicións da Rotonda. Parabéns e sorte.
4ª A lucidez dos blogueiros presentes na mesa redonda. Os seus análises e propostas foron do mellor.
5ª A posibilidade de saudar e poñer faces a algúns dos meus blogueiros favoritos, Uxía, Xabier, Oscar e María.
6º A verbas do meu benquerido sensei náufrago. Grazas.
7ª Coñecer e comer con Jaureguizar e Camilo e a conversa sobre literatura e vida literaria que diría Marsé.
8ª A organización e o marco onde se desenrolou a carón das centenarias e silandeiras pedras do Obradoiro.
9ª O interese e a capacidade de análise de Brétemas nos temas debatidos. E dous poucos EG aos que parece que non lle vai pillar o touro.

6 comentários:

Anónimo disse...

axente da CIA pouco canónica solicita permiso para infiltrarse no seu territorio, mr. alfaias. de resto, acho que estou de acordo con vostede ;-)

Martin Pawley disse...

Cantos editores cre vostede que había na sala? Houbo quen dixo que seis ou sete, pero paréceme que a algúns contáronos por triplicado...

Kavafinho disse...

Non me sexades agoireiros. Para sermos xustos, eu, que remo de tarde en tarde na bancada dos cartafoleiros, contei catro editores só nas tres primeiras filas da sala.

E, por outra parte, non me empecen a vestir esmoquin de escritor e a andar cos pés no aire. Guindo aquí, por unha teima conciliadora, algunha cuestión:
1. ¿por que razóns os editores estarían obrigados a recrutar blogueiros, e ademais unha presada deles, visto o número de voces que parecen reclamalo?
2. ¿Cantos blogueiros enviaron nos últimos meses un orixinal a algunha editorial para que considerasen a súa publicación?
3. Certamente, varias editoriais españolas veñen de publicar algúns blogs tal e como viron a luz na rede. ¿Convertemos, xa que logo, os blogs en xénero literario destinado ao papel e reclamamos que se empezen a publicar a ducias, capados de hiperenlaces e de arquivos de son e vídeo? ¿Ou, mellor, pedimos que se publiquen só as obras daqueles capaces de adaptarse, aínda con certas licencias, aos xéneros tradicionais?
4. Se serve de algo a información, sei do caso dun orixinal, escrito por un blogueiro, que chegou a unha editorial hai escasos dous meses: a obra, coa que este autor fará o seu debú nas letras galegas impresas, está xa en proceso de preparación para saír do prelo a próxima primavera.
5. E si, Pawley, a presenza e o traballo xeneroso, comprometido e vitalista de Brétemas (que sobre este asunto dos blogs e do que veña terá, non o dubide, o seu reflexo nos anos vindeiros) fai, como mínimo, polo de tres editores. É xusto, logo, que contemos a estes señores por triplicado.

Polo demais, apertas para todos. Gustoume moito ver novamente a uns (Folerpa e Pawley incluídos) e ter a oportunidade de coñecer a outros.

folerpa disse...

Non é ser agoreiros Kavafinho. O simposio organizabao a AGE. Foron os editores oa que se achegaron a esta novo escaparate e supoño que sería por algo. Eu só constato unha realidade, visto o interese que entre eles despertou a proposta dao os eu númeor, non falo da súa calidade. Todos destacamos a brétemas e a súa iniciativa e por suposto a túa presenza e dos demais EG interesados.

Laurindinha disse...

Teño que confesar que é dende hai pouco que me acheguei ó mundo dos blogs. A verdade é que me parece moi positivo o fenómeno en canto se aumentan as canles para publicar. En canto ó de editar os blogs en formato papel, quizais tamén habería que pensar en que en moitas bitácoras a imaxe xoga un papel esencial e conforma a mensaxe como un elemento máis e: como se pode pasar isto a papel?sería unha edición custosísima.

Martin Pawley disse...

Kavafinho, non son eu o que reclama o paso dos blogs ao papel, nin moito menos: xa dixen que non me parece algo precisamente doado, porque a rede ten unhas características moi atraíntes imposíbeis de trasladar ao papel. Nin sequera esixo que os escritores de papel abran blogs, senón que mais ben constato a miña perplexidade ante o feito de que a inmensa maioría deles (incluídos os mais novos) dedícanlle a Internet unha mirada como mínimo condescendente, ás veces mesmo cunha presada de desprezo.

A cuestión non está en editar ou non editar en papel, cousa que a min non me preocupa o mais mínimo. A cuestión está en recoñecer o feito de que algunhas das ideas mais orixinais e brillantes dos últimos anos agromaron na rede, ou en recoñecer que algúns dos mellores escritores do país están publicando os seus textos só en Internet.

Non dubido en absoluto da xenerosidade e a intelixencia de Brétemas, o outro 50% do total de editores que coñezo. Brétemas é unha honrosa excepción por múltiples motivos, pero se quere facemos a lista dos editores ausentes, non xa da mesa redonda, que ningunha obriga teñen de ir, senón da Internet mesma.