A República dos blogueiros II
Parto da base de que os xurados descoñecían a condición de blogueiros dos premiados e do feito de que non lin nin Os Mércores de Fra nin Spam, pero si Cabaret Voltaire e Licor de abelá con xeo.
Para min estas dúas obras sobrancean no recente panorama literario galego, tanto pola súa innovación temática como polos os seus achados estruturais. Parecen dúas obras máis próximas ao panorama narrativo actual, por unha banda a parodia e o pastiche dun xénero clásico coma a novela de espías e pola outra a escritura cinematográfica cunha montaxe simultánea e en paralelo de varias accións que conflúen nun desenlace común. Asemade os xurados de todos eses premios, incluídos os máis recentes coincidiron nas súas apreciacións sobre a as obras, innovación, ruptura, frescura.Poden parecer lugares comúns, pero non creo que sexa unha coincidencia, supoño que ten que ser síntoma de algo.
Isto, que parece en principio non ter relación ningunha co feito de que os seus autores sexan blogueiros si que o ten e moito, penso eu. O feito de escribir e ter unha canle diaria de comunicación aberta cos lectores aínda que non sexa estritamente sobre o traballo literario, penso que enriquece e abre as perspectivas, facendo saír ao autor do seu escritorio e abríndose a unha nova literacidade como diría Brétemas. Unha xustaposición de recursos procedentes dese rebumbio de xéneros e voces que habitan a rede e que mudan día a día. Penso que estamos, dentro das ecidentes diferenzas existentes entre os autores, ante o que poderiamos denominar Xeración Blogueira.
E déixoo xa que isto semella a lección maxistral dun profesor universitario ou unha paxarada miña.



