quinta-feira, dezembro 29, 2005

Fogar de Breogán

Nunhas horas farei co meu fillo algo que nunca fixemos xuntos: sentaremos no sofá e veremos un partido de fútbol na televisión, e cantaremos o himno, e berraremos e axitaremos as nosas bandeiras, e cando marquemos o primeiro gol... estouparemos.

quarta-feira, dezembro 28, 2005

Perda

Despois de cinco anos, tres pisos e milleiros de quilómetros percorridos, meu fillo rachou polo eixe dianteiro o seu ferrari, coma el o chamaba, botando unha carreira coa irmá polo corredor da casa. Apareceu emocionado no salón co volante nunha man e as rodas noutra chorando. O desgusto duroulle máis dunha hora de bagoas e laios e despois xa máis tranquilo tralos aloumiños da súa nai procurou nos catálogos dos xoguetes por un igual e ensinoumo. Eu trateille de explicar que a vida esta chea de perdas e que tras esta primeira virían moitas máis, pero que tamén gañaría e atoparía moitas outras cousas na súa andaina. Engadín tamén que as horas de lecer que pasou co seu correpasillos dende os seis meses non regresarían se mercásemos outro igual, e que as lembranzas non se poden substituír por outras. Que ese pouso que lle van deixando as persoas, os obxectos, os lugares e as vivencias son o que o van conformando devagar para converterse nun homiño.
Parece que quedou máis convencido ca min, pois xa me vexo co torpe que son facendo bricolaxe caseiro para ver se llo dou amañado, o que non penso é mercarlle un igual, creo.

terça-feira, dezembro 27, 2005

Corpos novos mortos en traxe de baño

Onte en Cuatro emitiron unha indignante reportaxe sobre o tsunami. Relataron a catástrofe dende a parcial perspectiva dos turistas que se salvaron polos pelos en Tailandia e tiveron que sufrir a incomodidade dunhas rabuñadas e unha noite de angustia na selva á intemperie denantes de que fosen repatriados as súas cómodas casiñas do primeiro mundo. Pobriños eles. Dos máis de douscentos mil mortos de alí, da situación actual dos refuxiados en tendas e choupanas sinxelamente nada de nada, as frías cifras e nada máis.
Algunhas das verbas dos sufridos e emocionados turistas non tiñan desperdicio. Un médico francés relataba que o que máis lle impresionara e non esquecera eran os corpos novos mortos en traxe de baño – corpos occidentais, claro- e un sueco afirmaba que polas noites aínda oía o ruxido das ondas que se achegan cara el. Dos cadavres de milleiros de tailandeses aboiando nas augas ou pendurados das palmeiras nin unha palabra.
Había unha imaxe que definía a perfección a nosa arrogancia de indestrutíbeis habitantes do primeiro mundo. Nunha terraza a beira da praia e coa onda mortal case enriba deles un fato de turistas fumando tranquilamente ollaban coma babiolos cara o espectáculo dunha morte segura.

segunda-feira, dezembro 26, 2005

Nadal

Hai anos que xa non nos facemos agasallos nestas datas. Onte sentados no sofá as raiolas do derradeiro sol do ano quecían os nosos corpos cansos, namentres os nenos xogaban sobre a alfombra voadora cos seus xoguetes novos nun mundo inocente do que fai tempo fomos expulsados. O meu mellor agasallo é ver o reflexo deles nas túas meniñas de carambelo.

quinta-feira, dezembro 22, 2005

Glutamato Yeyé

Nunca comprendín a ansia voraz e o apetito desmedido que provocan nos meus fillos, na pequerrecha de 17 meses tamén, os jojitos ou gusanitos ou patatillas e que non se producen con calquera outra lambetada das que comen. Descóbrese agora segundo un estudio dunha universidade que un aditivo que conteñen especialmente estes petiscos salgados, o E-621 ou glutamato monosódico, incrementa nos ratos a voracidade ata un 40%.
Dende hoxe mesmo meus fillos deixan de ser coma cobaias de laboratorio.

quarta-feira, dezembro 21, 2005

Todo o nada

Esta portada xa é historia do blogomillo. Parabéns Marilyn.

terça-feira, dezembro 20, 2005

Síntomas

O mesmo día que un feixe de anónimos blogueiros comiamos churrasco e bebíamos licor café producíanse dous feitos sintomáticos do feble estado da nosa cultura carente de debate e o de menor xesto de audacia ou modernidade:

1º Por un lado era reelixido o actual presidente da RAG sen que se presentase ningunha outra candidatura alternativa.

2º Na noite dos primeiros Premios da Edición era elixido coma autor do ano 2005, repito do ano dous mil cinco, Xosé Luís Méndez Ferrín.
E coma libro ilustrado do ano 2005, volvo a repetir do ano dous mil cinco, un de Luis Seoane.

segunda-feira, dezembro 19, 2005

Xantanza do blogomillo 05: conclusións

1ª:Os que estaban son, máis non estaban todos.
2ª Metabloguear é o peor e hai que tunear os blogues, Ascarida dixit.
3ª: Que vello me sentín enfronte dalgúns blogueiros dez ou quince anos máis novos.
4ª Mágoa que Mariademallou non fixese uso do seu botiquín laranxa de urxencias poéticas.
5ª: Que bo estaba o licor café.
6º Os da mesa do lado cantaban máis e mellor: hai que ir pensando nun himno do blogomillo.
7ª A musa e o muso do blogomillo: IC e FV.
8ºLevámonos todos demasiado ben, fai falla algo de polémica entre nós.
9ºFoi un pracer saudar, beber, comer e falar con vostedes.
(algunhas fotos na de Paleón)

quinta-feira, dezembro 15, 2005

Agasallo

Este é o meu humilde agasallo de Nadal para todos vos, agardo que gocedes léndoo como o fixen eu escribíndoo.
Sairá do prelo en febreiro editado por Tambre.

Tópicos

A afamada profesora e crítica literaria ao falar do premio afirma:
"pero a frescura e o esforzo de non facer alardes de erudición, e pola actitude humilde e discreta que amosa, sempre pensei que a autora era unha muller.."
Polo tanto a sensu contrario e como autor masculino, eu son reseso, fantasma, fachendoso e lingoreteiro.

terça-feira, dezembro 13, 2005

Aviso de navegantes

Concordo co post de Kavafinho. Unha vaga de priapismo adolescente estase a estender coma un andazo polos comentarios anónimos dalgúns blogues.
Non, se ao final estámoslle dando a razón ao poeta editor.

segunda-feira, dezembro 12, 2005

Corrección

Andei estes días ensarillado nas correccións dunha noveliña xuvenil que sairá do prelo para a primavera. O texto xa pasou pola man do corrector e agora tócame a min coma autor a ardua tarefa de rematalo. Ven isto ao caso da pouca repercusión que ten este traballo no mundo editorial galego. Case ningunha editora pon nos créditos do libros os nomes dos correctores, só me consta nos da editorial española El Acantilado, onde chegan aparecen ata os nomes do primeiro e o segundo e ata un coordinador segundo me comenta o meu benquerido editor.
Asemade nos premios da Edición do 2005 a celebrar pola AGE o próximo 17 de Nadal non se recolle ningún premio neste sentido.
Creo, que nun sistema literario coma o noso, a súa función é de especial relevancia e debería ser recoñecida dalgún xeito. Cumpriría con comezar a poñer os seus nomes nos libros.

segunda-feira, dezembro 05, 2005

O home que sabía demasiado

Sentados no sofá o sábado á noitiña, os nenos dormen e ti folleas unha revista. Nas súas páxinas 24 pares de zapatos: seis pares para o día, seis de salón, seis para a noite e seis de sandalias. Pregúntasme se sabería escoller os que máis che gustan. Ergo a cabeza do meu libro, boto unha ollada rápida e sinalo axiña os segundos de arriba dende a dereita, unhas merceditas marróns. Ti sorpréndeste da rapidez do meu acerto e comentas que non pode ser bo que te coñeza tan ben.

quarta-feira, novembro 30, 2005

VIII PREMIO DE POESIA CONCELLO DE CARRAL

Un xurado composto por Xurxo Alonso, gañador da edición anterior, Cesareo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán Bello tivo a ben concederme o devandito premio polo meu poemario Cartas do terceiro día, aos que aproveito para darlles as grazas. A obra será publicada por Espiral Maior o próximo ano.
O premio farase entrega nun acto a celebra o vindeiro días 2 de decembro as oito da tarde na Biblioteca da Casa de Cultura do Concello de Carral. Quedades convidados
Déixovos un adianto aquí abaixo do poema co que comeza a obra. Pode soar un chisco pretensioso pero trátase duna poemario narrativo con forma epistolar e ambientado na China e na escrava vida das súas mulleres labregas. Supoño que ata Jaureguizar que non le poesía atreverase con el.

Cartas do terceiro día

Miña filla:

Jinzhu
era o alcume de miña avoa,
Xinhuai
era o de miña nai,
elas e as demais labregas
da prefectura de Jiang Yong,
Provincia de Hunam,
que sabían da súa nacencia e serventía,
xamais souberon ler ou escribir en han
nin os seus nomes
nin os de seus fillos
nin os dos paxaros
que brincaban nas leiras,
emporiso ensináronme
na súa secreta linguaxe
o pouco que sabían,
o pouco que eu tamén sei
e que agora quero entregarche
nestas cartas que escribo coas túas irmás
na terceira xornada de convite e rexouba
dende o teu casorio arranxado
polo alcoviteiro da aldea
co teu pai e a familia dese prea
co que ves de casar.

Robinson Crusoe

Hoxe as nove cuarto da mañá co coche avariado no medio da rotonda de Bouzas namentres os condutores dos automóbiles, dos camións e das furgonetas que pasaban chamábanme de todo e lembrábanse da miña nai sentinme o home máis só da terra, un autentico náufrago neste mundo infame que nos arrodea.

terça-feira, novembro 29, 2005

Aniversario

Con esta son cen as alfaias que puxen neste estoxo de bitios. Grazas a Menchu e aos meus fillos Lucas e Zoe, moito da nosa vida fica aquí agochado xa para sempre. Grazas tamén a tod@s @s que o abriron e o leron de vagar e compartiron as súas verbas comigo. A Dasman que foi o primeiro e a Náufrago e a Chus –que onte tivo a seu fillo Carlos- polos seus azos, e tamén a Kavafinho, Jaureguizar, Brétemas, Martin, Ian, María, Veloso, Kamikaze, Peke, AQUI, Lauradinha, Derrota, Torredebabel, Hojasdehierba, Máis Alá, Cau, Ababoro, Flordelis, Edu, Henrique, Tío Pepin, Remolca, Tedhead, Xose Luis Mosquera, Samo, Lola, Cfeijoo, Adelita, Esqueleta, Vilarón, Pedro, Nono, Paimiño, Maohi, Blondie, Opaco, Venres, Alejandro Fedorento, Pablo, Sonia, Bartolomeu Lourenço e a tod@s @s anonymus. Beizóns a tod@s.

segunda-feira, novembro 28, 2005

Os chineses son lusistas...

Esta é a conclusión a que chego despois dunha batida por distintos bazares de todo a 1 €. Merco distintas axendas do próximo ano e todas elas veñen en: castelán, inglés, catalán, euskera e portugués. O dito ou son lusistas...ou a pesares da morea que son non teñen nin un filólogo galego. :-)

Nota: Pareceumo a min ou o artigo de hoxe na Voz sobre a invsión chinesa ten certo cheiro xenófobo.

sexta-feira, novembro 25, 2005

Contra a violencia de xénero

Cando vexo a meu fillo de cinco anos xogar coa súa cociña ou mudar un cueiro a un boneco ou axudarme a pasalo aspirador os domingos pola mañá, ou a súa irmá de dezaseis meses xogar cos coches ou cos actión man, sei que ese é o camiño. Educar en igualdade.

Manifestación

Onde andaba a popular Elisa Nogueira co seu vizoso pelexo e o seu bolsiño inglés cando os galegos manifestábanse contra a incompetencia e as mentiras do chapapote ou contra unha guerra ilegal?

quinta-feira, novembro 24, 2005

FAKTORIA

Presentouse o martes no Verbum esta nova editorial cun proxecto moderno de LIX e a intención de cubrir algúns dos grandes ocos do mercado editorial galego: BD, libros ilustrados para adultos, libros de arte. Os seus dous primeiros e atractivos lanzamentos un Bestiario, e un libro do pintor e ilustrador Ramón Trigo. A presentación modélica, música en directo, intervención ao vivo do artista e cun gravado seu de agasallo,. Ao día seguinte no diario local nin unha soa referencia ao acto nas páxinas de sociedade e cultura, onde se destacaba o quinto centenario da Garda Suíza.
Nota: por que en todos este actos recorrese sempre a música clásica ? é que o resto das músicas non dan verniz cultural ? non houbera quedado mellor nun proxecto para moz@s que se define coma moderno un caixa de ritmos ou unhas percusións ou un dillei ?.

quarta-feira, novembro 23, 2005

Mª Vitoria Moreno

Onte cando comezaba a reunión da ANPA que presido da escola do meu fillo unha nai fuxiu de malas maneiras en canto empecei a falar en galego. Xa nunha anterior reunión queixárase de que as nosos comunicados e os da escola estivesen en galego, engadiu ademais que dun tempo a esta parte a nosa lingua inzarase por tódolos recunchos, recoñezo que me puxen un chisco borde cando lle respondín. A nai en cuestión non é galega pero leva na nosa terra máis de quince anos. Ben isto a conta do feito de que onte finou Mª Vitoria Moreno, estremeña de Valencia de Alcántara que pese a principiar a súa carreira literaria en castelán pasouse logo a galego, comprometéndose fondamente coa nosa terra e a nosa lingua nuns tempos en que non era doado. Vaia este post en homenaxe ao seu exemplo de muller comprometida coa nosa lingua.

terça-feira, novembro 22, 2005

Ámote

Fai vinte anos prometerámonos que pasase o que pasase, vasos escachados e batedores, atopariámonos diante do vello cárcere, despois xulgado e agora museo, para saber das nosas vidas. Hoxe é o día, 22 de novembro. Esperto moi cedo co renxer dos meus ósos e óllote durmida ao meu carón. Achégome ao teu corpo e prémoo forte cos meus brazos e acompaso a miña respiración coa túa de húmida serea durmida. Volvo durmir. Non é necesario que acuda a cita. As nosas vidas son unha. Vasos escachados e batedores.

segunda-feira, novembro 21, 2005

¡ Franco, Franco, Franco !

Hai que ter memoria, coñecela nosa historia para non repetila. Calquera rapaz@ nov@ que onte abrise a Voz polo medio e medio levaríase a simpática imaxe dun vello ditador con meigallo, gran arquitecto, galeguista - o que hai que oír- e amante do mar, detallista, que non dicía tacos, de grande resistencia física e urinaria, e con moito sangue frío. Da represión física, moral e intelectual, dos mortos, da delación coma sistema de vida, da tortura sistemática non se dicía nin unha palabra. E o perigo que ten reducila historia a mera anécdota.

sexta-feira, novembro 18, 2005

Un mundo de xente incompleta

Estraño á parte de min que deixei atrás. Sei, que no revirado camiño que todos percorremos sen ollarnos gañei moitas outras cousas. Que son outro, nin mellor nin peor, pero outro. Pero ás veces boto en falta a aqueloutro: ao famento que se ía comelo destiño a trabadas, ao viaxeiro soitario que ía facelo coast to coast pola vella autoestrada 66, ao editor daquela Lesmia que ía remexer os alicerces da poesía galega dos 90 e hoxe esmorece nun arquivo do vello ordenador. Volvinme previsíbel, sei por adiantado cada paso que vou dar e o ronsel das miñas pegadas na area da praia e unha infinita liña recta que as ondas non son quen de borrar.
Isto pásame por matinar un outonizo domingo pola mañá oíndo vellos temas dos Planetas.

quarta-feira, novembro 16, 2005

Blogs na Voz

Subscribo verba por verba o que di Martin Pawley no seu post de onte (Non poño enlace porque coma gutemberiano reciclado isto do hipertexto supera as miñas escasas habelencias informáticas) sobre o especial sobre os blogues no Culturas da Voz do sábado, incluído o do vehemente artigo de Mr. Wind.
Eu mesmo coma blogueiro citado sentín un chisco de vergoña ante a ausencia dalgúns dos meus favoritos e doutros veteranos do blogomillo.

terça-feira, novembro 15, 2005

Gueto

Dicían onte na Voz que meus fillos están a crecer nun gueto. Pois eu alégrome de que así sexa. Crecen nun barrio onde as xilabas, os bubus de cores e as gravatas confúndense nas rúas. Rúas onde aínda oio cantar o galo e ouvear os cans tódalas mañás cedo. Mañás nas levo á escola pública a meu fillo chimpando pucharcas e lameiras polas corredoiras. Escola onde comparte as horas de lecer con rostros e voces que veñen da ribeira do Soungrougrou e das chairas da pampa e da noite esquecida dos cíngaros. Rostros e voces de terras tan afastadas e tan pretas á vez.
Estes son os territorios da súa infancia e agardo que algún día, pasados os anos, cando se lembre deles, o faga con cariño e se lle aparezan coma tesouros o rebumbio das augas toldadas do Soungrougrou, a beleza infinda dos ceos austrais ou a máxica e eterna cacharela cigana. Rostros, voces e terras.

segunda-feira, novembro 14, 2005

Hoxe síntome algo máis ledo...

Ao final o sangue non chegou ao río. As frustradas mestras da escola do meu fillo (tres para corenta nenos dos tres cursos de infantil, esta ano teñen unha de apoio na area de linguaxe) utilizaron o do consello disciplinar coma derradeira arma para obter unha resposta da Admón. (ao que hai que chegar) despois de tres meses petando nas portas da Delegación e de Menores, e abofé que a acadaron. O rapaz non será expulsado e unha mestra de apoio específica acudirá a escola e farase un seguimento de preto do mesmo e do seu desenrolo nunha comisión especifica de profesionais.
O sorprendente do caso é que este rapaz ten catro anos, polo tanto o ano pasado xa estivo noutra escola, ao parecer privada pagada pola Admón., o que fixeron con el e cos seus problemas non se sabe, pois dende logo non agromaron este ano.
Senón chega a ser pola preocupación e interese mostrado polas súas mestras deste curso non sei o que tería pasado...
O sistema dende logo ten innumerábeis eivas pero ás veces, grazas aos que traballan nel, consegue resultados. Parabéns para elas e para todos aqueles outros que loitan na primeira liña de combate da guerra máis importante de calquera sociedade, a da educación e o ensino.

sexta-feira, novembro 11, 2005

Hoxe síntome triste...

Hoxe as dúas na escola do meu fillo celebrárase un consello disciplinar para expulsar a un rapaz de catro anos, repito de catro anos. As mestras e a orientadora despois de meses loitando séntense frustradas pero cren que é o mellor para integridade física e psíquica do rapaz, delas mesmas, algunha xa resultou mancada, e dos demais rapaces. En que sociedade vivimos na que un rapaz de catro anos ten que ser expulsado da escola?. Eu coma pai e cidadán síntome triste e arrepiado.
Namentres mañá o sector fundamentalista do proselitismo católico manifestarase en Madrid en defensa das prebendas dos seus colexios concertados e das súas clases de relixión que pagamos todos.
Penso carraxento que nas rúas do centro, non só dos arrabaldes, dalgunhas cidades deste país deberían tamén arder algúns vehículos de alta gama, para ver se alomenos as súas lapas purificadoras fan mudar algo as cousas.
O dito, hoxe síntome triste e arrepiado e alporizado...


PP. Mañá o Culturas da Voz adica a portada ao blogomillo, entre a literatura e o cotilleo titulan. Agardemos a lelo e non prexulguemos.

quinta-feira, novembro 10, 2005

Herba Moura

Dada a práctica unanimidade da crítica galega en bendicir cos seus parabéns o ultimo premio xerais, circunstancia que eu entendo sintomática de certas disfuncións do noso sistema literario, paso deseguido a exercer de humilde lector de tal obra e especialmente das súas críticas, non sen antes salientar os azos da autora de emprender tan ambiciosa aínda que para min falida obra.
Destacaron a maioría das críticas o “exotismo” da novela pola súa xeografía e identidade dos seus protagonistas: 1ª eiva do sistema, os autores galegos son pouco viaxados, óllanse moito o embigo e cando alguén sae alén do Padornelo fican abraiados.
Outra chegou a falar de novela intelectual: 2ª eiva do sistema, os autores galegos son pouco lidos, supoño que tanto corrixir exames déixalles pouco tempo para cultivarse.
En todas falouse da extensión da novela como mérito: 3ª eiva do sistema, os autores galegos son lebres, debendo mudar axiña en corredores de fondo.
Tamén salientaron a súa orixinal e fragmentaria estrutura: 4ª eiva do sistema, os autores galegos arriscan pouco e aínda non se achegaron a posmodernidade (hai notábeis excepcións), pois non saíron da sotacabaloerei da clásica estrutura cronolóxico-lineal da novela.
Todas en fin destacaron tamén o seu cansiño discurso feminista: 5ª eiva do sistema, a maioría dos críticos coma homes non son quen de reprobar literariamente tal feito por medo a que os tachen de machistas.

quarta-feira, novembro 09, 2005

O fillo secreto de Ray Carver

O fillo secreto de Ray Carver habita e camiña entre nós.
O fillo secreto de Ray Carver fainos ollar máis alá do que vemos, nos avesíos recunchos do cotiá.
O fillo secreto de Ray Carver escribiu as trece alfaias trece que compoñen esa marabilla que é Esperando ao inimigo.
O fillo secreto de Ray Carver é autor das 12 maxistrais páxinas desa obra mestra do relato que é Os Adler.
O fillo secreto de Ray Carver non malgasta as verbas, coa precisión dun ourive as engasta no demoledor fío do relato sen que nos decatemos.
O fillo secreto de Ray Carver de nacer nos USA xa tería cadeira nunha das súas máis senlleiras universidades e os novos ateigarían o seu taller literario.
O fillo secreto de Ray Carver chámase Gonzalo Calcedo Juanes.

terça-feira, novembro 08, 2005

Vacas e vinilos

Este domingo pola tarde ollaba o documental sobre Pucho Boedo que gravei da TVG o sábado cando meu fillo de cinco anos abraiado exclamou ¡QUE CD MÁIS GRANDE! ao ver no televisor un LP. Eu, sinceramente, quedei avergoñado, e coa culpa proéndome fun ao armario e saquei o vello prato e os discos e dinlle unha lección de arqueoloxía analóxico musical. O trebello gustoulle e pasamos a tarde pinchando unha ecléctica selección de vellos LPs e singles, de cando en vez o pícaro mudáballes a velocidade e ría a cachón coas voces distorsionadas namentres eu melancólico afundíame nos sons dun pasado case esquecido.
Soaba The Cure mentres el chimpaba no sofá e pensei en cantos nenos do seu curso virían un prato e terían nas súas mans un vinilo. Seguramente tantos como os que viran muxir a unha vaca na corte.

segunda-feira, novembro 07, 2005

Porque Xesús Aloso Montero non coñece a María Yañez ?

E eu engado: e tampouco moitos editores galegos (EG) . Entendo que é sintomático a posición da maioría dos EG fronte aos blogues e a rede, ou desprezo ou descoñecemento. Como exemplo o de unha histórica editorial galega que nin sequera ten páxina web onde consultar o seu catálogo ou a súa incapacidade de usala rede sequera como soporte promocional das súas novidades, foros cos autores ou blogues, etc.
Dos dous días de simposio en SDC varias conclusións:
1ª A presenza entre o público de máis blogueiros que editores.
2ª O medo que esperta nos EG a ausencia da súa egrexia figura canonizadora nos contidos pendurados da rede.
3ª A única proposta de futuro editorial, xa presente, a de María e as súas Edicións da Rotonda. Parabéns e sorte.
4ª A lucidez dos blogueiros presentes na mesa redonda. Os seus análises e propostas foron do mellor.
5ª A posibilidade de saudar e poñer faces a algúns dos meus blogueiros favoritos, Uxía, Xabier, Oscar e María.
6º A verbas do meu benquerido sensei náufrago. Grazas.
7ª Coñecer e comer con Jaureguizar e Camilo e a conversa sobre literatura e vida literaria que diría Marsé.
8ª A organización e o marco onde se desenrolou a carón das centenarias e silandeiras pedras do Obradoiro.
9ª O interese e a capacidade de análise de Brétemas nos temas debatidos. E dous poucos EG aos que parece que non lle vai pillar o touro.

quarta-feira, novembro 02, 2005

O libro e as novas tecnoloxías

Voume de simposio a SDC mañá e o venres a oir e a polemizar con luminarias coma Jaureguizar e Francisco Castro. O luns coméntovos.

sexta-feira, outubro 28, 2005

Trebón


Os refugallos do Wilma enxergándose na boca da ría.

quinta-feira, outubro 27, 2005

Revolución silandeira


Onde antes ficaba unha empresa de traballo temporal hai hoxe unha froitería.

terça-feira, outubro 25, 2005

Batedora

A finada de miña avoa sempre me dicía que fixera mal negocio en non casarme, que perdera a oportunidade de facer un bo enxoval. Lémbrome que cando me independicei fai nove anos agasalloume cunha batedora, trebello que para ela debía ser un dos máis fondos alicerces de calquera convivencia de parella e abofé que tiña razón. Con ela fixemos moitas tortas, biscoitos salsas e cando chegaron os nenos, as súas papas de froitas.
Este ano escangallouse e mercamos unha nova que so durou uns meses, hoxe leveina ao servizo técnico a arranxala. O nacho díxome que a reparación a cubría a garantía a pesares de ser por mor dun mal uso, díxome que agora estes aparellos son unha merda e que non se poden usar máis dun minuto deseguido sen darlles un descanso, que moitos accesorios pero o motor non vale nadiña.
A finada de miña avoa tamén me dicía que as cousas non se facían coma antes e abofé que tiña razón. Nós seguimos xuntos, dende unha avesía tardiña de novembro de fai case vinte anos e seguiremos a facer tortas, biscoitos salsas e papas de froitas.

segunda-feira, outubro 24, 2005

Tódolos nomes

Vivimos nun tempo no que as verbas abandonan os libros e en ringleiras coma afoutados guerreiros encamíñanse ao campo de batalla. Alí en nome da moral, da relixión ou da ideoloxía dalgúns ou do politicamente correcto úsanse coma armas de destrución masiva. Das vellas guerras médicas ou púnicas chegamos a estas guerras nominalistas. Do sacro matrimonio dalgúns, ás nacións dos outros ou a guerra do ministro da guerra que non a quere.
Queremos que saquen as súas suxas mans das verbas, que as ceiben do seu cárcere político e moralista e que estas libres volvan a galopar nas chairas impresas na procura do lector que atento e sen prexuízos goce delas.

sexta-feira, outubro 21, 2005

Ao Cesar o que é do Cesar

Fai anos que dende o lapis do carpinteiro non sae algo tan bo como o artigo de hoxe en memoria de Haro no País. Unha auténtica marabilla supoño que creada baixo a sombra silandeira do finado.
Eu botaba en falta as súas verbas poderosas, a súa capacidade para facerme un nó na gorxa sean caer na pucharca do sentimentalismo, en fin, a súa clarividencia.
Agardo que ese Oeste do que tanto se fala sexa o regreso do creador que deixou abraiado con ningún cisne e cun millón de vacas.

quinta-feira, outubro 20, 2005

Breaking News

Houbérame gustado viaxar nese avión que fai unhas semanas e durante tres horas vou en circos sobre un aeroporto ianqui para gastar todo o seu combustíbel antes de facer unha aterraxe de emerxencia. Ser un daqueles viaxeiros que pensaban que aquela sería a súa derradeira viaxe namentres asistían estarrecidos en directo a súa propia fin nas pantallas de TV. E durante tres horas mudar nun atafegado contábel que co seu lapis puntea no libro do debe e do haber da súa existencia.

quarta-feira, outubro 19, 2005

O home duplicado

De volta do traballo no bus recibo un chamada dunha amábel teleoperadora dunha entidade bancaria que me informa que bloquearon a miña tarxeta pois foi duplicada e onte mesmo trataron de sacar con ela 300 € nun caixeiro de Madrid e 500 € noutro de Barcelona. Por sorte a miña conta estaba nos seus acostumados números vermellos e non levaron nin unha chica. E durante uns intres sentinme coma un pequeno deus que na súa ubicuidade ficaba na mesma mañá en Vigo, Madrid e Barcelona á vez.

terça-feira, outubro 18, 2005

Lelo

Dixéranlle que tiña cancro facía un ano e que xa non tiña remedio. Tódolos luns collía a linea para ir ao hospital e agardaba tomando unha chiquita na taberna de toda a vida coa boina calada na súa faciana de elefante branco. O mesmo día que regresou á terra, vizoso leito das nosas existencias, a súa cunca, despois de meses afastada, voltou coas demais ao seu estante.

segunda-feira, outubro 17, 2005

Sen cobertura

Non podería chamar agora por Kerouac
nin por ti
porque antre os dous
hai un escuro río
de infinitas interferencias telefónicas.

quinta-feira, outubro 13, 2005

Lecturas

Hoxe, día do meu trixésimo sétimo aniversario, unha lixeira airexa de outoniza melancolía enguedéllaseme nunha barba que xa encanece, así que deixarei falar a Bohumil Hrabal por min:

“...porque os verdadeiros pensamentos proveñen do exterior, van xunto ao home coma a súa friameira de fideos e por iso todos os inquisidores do mundo queiman os libros en van, porque cando un libro comunica algo válido, o seu ritmo silandeiro persiste incluso namentres o devoran as lapas, e é que un verdadeiro libro sempre indica algún camiño novo que conduce máis alá de si mesmo.”

Agardo, que no tempo que me queda, poida seguir lendo libros e atopando camiños alén deles, e ver que os meus fillos van da miña man por esa marabillosa e ás veces revirada corredoira de verbas.

segunda-feira, outubro 10, 2005

Se nos rompió el amor

Vendo a película do venres na Dúas recoñeces na mesa do asasino uns vasos igualiños a uns que tivemos. E co sono e o cansazo nas meniñas poñémonos a botar contas. Aqueles azuis que nos regalou P., seis. Aqueloutros con forma de campá que recibiches de X. no teu aniversario, doce. Que mercáramos nós: os de pencas azuis e laranxas, seis; os verdes, outros seis; dos que nos quedan agora, dez por unha banda e oito pola outra. Das copas xa nin falamos. En total corenta e oito vasos escachados en oito anos de convivencia, a seis por ano, a un cada dous meses.
Esta deben ser a fraxilidade do amor da que algúns falan.

quinta-feira, outubro 06, 2005

A vaquiña polo que vale

Á nena de Foz voulle ter que poñer unha sección fixa neste blogue, un non gaña para sobresaltos con ela. As súas ultimas declaracións que o periodista recolle de xeito excepcional en galego na Voz do martes por mor do debate sobre o mausoleo do monte Gaiás:

“ ...unha cuestión de sensatez aproveitar a inversión que está feita e darlle contidos que non temos, unha oferta de gran cultura que non existe no noso entorno e que me parece necesaria...Bótase de menos a gran cultura...”

Supoño que o que temos no país é unha cultura menor, mínima e minoritaria, e as súas manifestacións pequeneces, frangullas e migallas. Estráñame que ela como membro vip desa gran cultura que reclama e que parece ficar alén do Padornelo viñese a concursar e gañar un premio de aquí, supoño que a cor dos cartos non sabe de culturas grande ou pequenas.

quarta-feira, outubro 05, 2005

Unha soidade demasiado ruidosa

Andan Jaureguizar, Náufrago e Brétemas en plena campaña para o premio literario do dinamiteiro. Dubido moito que algún membro da academia sueca lea blogues nunha lingua tan exótica para eles coma o galego, pero aínda así o debate ábrenos as fiestras doutros mundos.
De tódolos xeitos eu dende que no ano 1997 morrese Bohumil Hrabal sen que llo desen tanto me ten que o reciba. O checo morreu no hospital onde ficaba ingresado con oitenta e tres anos ao caer dende unha xanela tratando de salvar a unha pomba que se enguedellara no tellado. É autor dunha das novelas máis estarrecedoras que lin na miña vida, unha breve novela que me produciu desacougo, inquedanza e ata dor física, unha obra tan fermosa sobre o vagoroso devalar dos días, que a cada folla que pasaba un engurra pousábase no meu rostro e unha folerpa acariñaba a miña barba.

ETES II

Na revista de/para mulleres coas que nos agasalla a Voz viña este sábado un decálogo dunha afamada psicóloga para educalos fillos, o seu decimo mandamento dicía:

Dales una oportunidad de hablar con Dios o de decidir si quieren hacerlo. Hablando con Dios obtenemos respuesta a preguntas difíciles como ¿ por qué existe el dolor? o ¿ por qué sufro ?. La espiritualidad ayuda a combatir el miedo, a desapegarse de lo material, a amar libremente , a desear el bien ajeno...

Polo tanto a nai dos meus fillos máis eu que non temos esa visión monoteísta da existencia e os educamos dun xeito agnóstico e laico pero non excluinte, estamos segundo a experta criando a uns mexericas, materialistas e egoístas incapaces de amar libremente - ¿quen ama con liberdade? – e de desexar o ben alleo.
O que dicía outro día somos unha familia de ETES.

terça-feira, outubro 04, 2005

Galego

Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.
Insubstancial. Insubstancial. Insubstancial.


(Nota: Isto debería ser o que os articulistas da Voz que escreben en galego deberían poñer no seu artigo da semana e dedicalo ao seu compañeiro Xoán Xosé R. Calaza polo seu texto do 27 de setembro. Pasádeo )

segunda-feira, outubro 03, 2005

Eclipse

Durante uns intres as rúas e recunchos da cidade ínzanse de sumerios, de maias, de exipcios que pregan abraiados ao pai sol, na ribeira do Tigris, no cumio de Chichén Itzá, ao pé da Esfinxe, e na noitebra da súa insignificancia esmorece a súa arrogancia.
Despois mudan outra vez en altivos guerreiros que ignoran os berros e laios da infinda natureza que os abrangue e que os conduce irremediábel a súa extinción coma antes os sumerios, os maias e os exipcios.

sexta-feira, setembro 30, 2005

Un tesouro...

... foi o que merquei hoxe no quiosco por 5,95 €. Dende Fervor de Buenos Aires de 1923 a El Oro de los Tigres de 1972. Case medio século de verbas e máis verbas do cego erudito máis tunante do Río da Prata.
O dito, o peza máis escintilante do enxoval de calquera letraferido que se prece.

quinta-feira, setembro 29, 2005

Yoknapatawpha

O señor RioEu supoño que conmocionado aínda por escapar das poutas do Katrina adicou o seu boletín promocional de onte ao Old Man River e a súa literatura, en especial a Faulkner – ¡ co aprecio que lle temos neste país! – . Entre os convidados destacaba a presenza dunha experta tradutora que co seu pechado acento surista facía inintelixíbeis os nomes dous autores que citaba deseguido nun alarde de vehemente sabedoría. Despois da animada conversa cos colegas, o presentador ensalzou ata ruborizala unha amiga e escritora que ven de subirse ao carro da nefanda moda da novela pseudohistórica.
Espero que non teñamos que agardar a unha boa enxurrada para ver o día en que se dea unha volta polas ribeiras do Miño ou do Nervión ou do Ter e as súas literaturas.
Case bota en falta ao monologuista de Sánchez Dragó, polo menos botaba unhas risas.

terça-feira, setembro 27, 2005

Vailima (Latitude 13º52´S, Lonxitude 171º 44´O)

No Diario Cultural de onte na RG sorprendeume moito, senón oín mal, que a cantante colaboradora que fai de crítica musical - non entendo como se pode estar en misa e repicando nun panorama musical tan endogámico coma o galego onde tódolos artistas colaboran uns cos outros máis cedo ou máis tarde – descoñecese o significado do titulo do disco que comentaba cando supoño que para o autor debe ter certa relevancia co contido da súa obra. Referíase a el como misterioso ou suxerinte. Tampouco a presentadora sacouna da súa ignorancia cunha pequena aclaración sobre o mesmo dada a súa evidente conexión literaria.
Ás veces penso que lin demasiado e que isto empeza a ser un problema. Penso que estou mudando nun pretensioso intelectual do carallo. E iso non é bo.
Por certo o devandito titulo era TUSITALA.

segunda-feira, setembro 26, 2005

Cárceres e mosteiros

Lémbranos hoxe Ferrín no seu artigo do Faro os mosteiros de Samos e Oseira convertidos en niños de fascistas ben agochados baixo as ás protectoras dos cregos.
O outro día nunha carta ao País un historiador lembraba o papel de carcereiras franquistas das monxiñas da orde esa que ven de levar o premio príncipe de asturias da concordia.
Veñen estes dous apuntes case descoñecidos para todos nós a conta do anuncio de converter o vindeiro 2006 en Ano da Memoria e o proxecto de recuperala, sexa na illa de San Simón ou no mausoleo do monte Gaiás. Sirvan estes feitos como exemplo da memoria que temos que recuperar, a que os nosos avós calaron por medo ou vergoña ou hixiene. A outra, a dos vencedores, xa estivo durante corenta anos nos libros e segue nas fachadas de moitas edificios oficiais e igrexas restauradas con fondos públicos.
Luz e taquígrafos xa !!!

sexta-feira, setembro 23, 2005

Menú do día

De neno cando ao mediodía voltaba da escola esfameado gustaba de ler nas lastras e cartaces do ronsel de bares camiño da casa os seus menús do día, no Avia, no Taboada, no Central... Unha xeografía de primeiros e segundos pratos, de viños, de prostres e de cafés que agora a frustrada decoradora de interiores que malgoberna esta cidade quere eliminar pois di que afean o seu alacantino deseño urbano de palmeiras, bandeirolas e floridas xardineiras.
Esa mesma que onte inauguraba o curso académico con media hora de retraso nun ¡¡¡ centro privado relixioso !!! con canción de uniformado coro incluído como nos tempos da Polo e a sección feminina.

quinta-feira, setembro 22, 2005

Chegan os bárbaros

A pesares das continuas queixas de libreiros e editores o mercado do noso país debe ser apetecíbel. Chega con ollar a bancada onde senta o prometedor equipo de escritor@s e ilustrador@s do Camaleón e oír as verbas da súa adestradora falando de máis de cen títulos, do seu caracter innovador e da súa procura dunha literatura de calidade que sexa susceptíbel de traballarse nas escolas. Agardemos que non remate todo en formigas Migas e tartarugas Tugas como dicía o outro día con moito tino o señor Pawley.

terça-feira, setembro 20, 2005

248.713,79 millóns de reais

Se o finado de meu avó o feirante abrise está mañá o xornal e lese esa cifra, pensaría que é imposíbel que haxa no mundo tantos cartos xuntos. Eu diríalle que habelos hainos, que fican todos enterrados no mausoleo do monte Gaiás e el acanearía a cabeza de dereita a esquerda incrédulo, facendo no seu caletre a conta de cantas vacas se poderían mercar con eles.
Dáme arrepío pensar o que se podería ter feito pola cultura e o ensino público deste país cos 248.713,79 millóns de reais.

segunda-feira, setembro 19, 2005

Obscenidades

Sempre me pasou. O que os ben pensantes cualifican de obsceno a min paréceme do máis axeitado e pola contra o que eu considero obsceno era para eles un expresión máis do marabilloso mundo globalizado onde viven. Ven esta reflexión ao caso do seguinte.
Os venres pola tarde acudín co meu fillo a unha imaxinaria xoguetería a mercar un agasallo para unha compañeira de escola que cumpría anos e o convidara a súa festa o domingo. Nos estantes entre outras moitas cousas ficaban perfectas e mínimas réplicas de produtos alimenticios reais para que os fillos dos ben pensantes estragasen xogando ás comidiñas. Así 20 gramos, repito, 20 gramos de pasta ou garavanzos ou fariña custaban 2 €, repito 2 €. É dicir, que no mellor dos casos o prezo deses 20 gramiños quintuplicaban o prezo real dun quilo. A min percorreume un calafrío por tamaña impudicia cometida nun produto para nenos.
Meu fillo empeñouse en mercalos para a súa cociña de xoguete e por suposto foise coas mans baleiras. A mágoa duroulle ben pouco, ata que puido gozar cos magníficos SOUVENIRS de Fran Herbello no Anexo do MARCO, brincando coa irmá na fresca herba ao son dos grilos ou espertando arreo a un canso pastor alemán.
O sábado pola mañá cando facíamos a compra no hiper súa nai fíxolle unha demostración práctica da cantidade de pasta ou garavanzos que podía mercar con 2 € e a moita xentiña que podería comer con ela.

quinta-feira, setembro 15, 2005

Eu fun un topmodel da moda galega

Eu fun un topmodel da moda galega. Xúroo. Corrían os anos oitenta e eu cortaba o pelo na perruquería máis afamada e moderna. Ao meu carón unha madura e atractiva muller que non me sacaba o ollo de enriba preguntoume se algunha vez desfilara ou posara, eu díxenlle que non, deume a súa tarxeta e dixo que me presentara ao día seguinte na dirección do dorso para unha sesión fotográfica.
Presenteime no chalé da Gran Vía emocionado, entreguei a tarxeta á rapaza da entrada e acompañoume ao soto, alí escribín os meus datos persoais, medidas, talla e nº de pé nun cartaz e un fotógrafo sacoume case un carrete de fotos.
Era Feliz e saín á rúa convencido de que as mulleres ollaban para min con ollos lascivos. Que era máis alto e guapo. Pensaba: tódolos demais homes son uns mixiricas. Eu si que fardo. A miña reportaxe no Galicia Moda seguro que vai dentro do maletín desa executiva. Esa rapaza que le no parque, de certo que pensa lúbrica en min. E cando máis feliz era, decateime de que pasaran as semanas e non me chamaran. E nunca fun un topmodel da moda galega.

(Desculpas a Náufrago pola intertextualidade)

quarta-feira, setembro 14, 2005

ETES

Coma excéntrica cualificaba hai uns días meu benquerido Brétemas as nosas actitudes coma pais en relación co que ás veces se estende ao noso redor. A miña parella máis eu sentímonos moitas veces coma auténticos extraterrestre neste últimos anos.
Primeira eiva, nosos fillos levan primeiro o apelido de súa nai cos problemas que tal feito causa en calquera xestión burocrática que se faga, eu estou farto de que me muden o meu apelido e me poñan o dela.
Segunda eiva, non estamos casados, nin polo civil nin polo militar, nin nos anotamos en quenda ou rexistro, nin local nin autonómico nin estatal. Ao que hai que engadir que eles por suposto non están bautizados.
Terceira eiva, os xoguetes. Na nosa casa non entran pistolas nin outras armas, e meu fillo xoga dende sempre coa súa cociña ou con bonecas.
Cuarta eiva, a gardería. Non van por principios, súa nai máis eu decidimos apañarnos entre os dous pois coma autónomos sen xefe nin horario fixo podiámolo facer. Amigos, coñecidos, veciños e familia cando sabían de tal circunstancia arrepiábanse e insistían a cotío sobre as bondades da gardería no seu desenrolo físico emocional e na necesidade de socializalos pois senón ían a quedar tarados. Supoño que pensaban que para un neno estar cos seus pais non é bo no seu proceso de aprendizaxe.
Quinta eiva, a escola. Unha das nosas maiores preocupacións foi o da súa escolarización en galego – unha utopía- e o da clase de relixión. Cando as mestras celebraron a primeira reunión e alporizados protestamos - meteran ao maior en tal clase sen consultalo - e mostramos o libro, cos contidos e principios que defendía, a noso fillo uníronse os de outros no seu rexeite de tal ensinanza. O curioso foi que algún pai soubo pola nosa protesta da existencia de tal materia na escola e de que seu fillo xa a recibira durante o curso anterior sen que el se decatase, bendita comunicación interxeracional.
E podería seguir... pero non merece a pena.
A pequerrecha que ten agora trece meses xa non sofre tanto pois todo o entorno xa ten a seus pais como uns raros de carallo e déixannos coas nosas teimas. Iso si, o de que non lle mutilásemos as orellas cuns pendentes ou o de que súa nai aínda lle de peito con esa idade sigue a producir estrañeza e ata noxo nos benpensantes.
O que eu digo somo unha familia de ETES.

terça-feira, setembro 13, 2005

Bibliografía esquecida


Atopo nos fondos de vello dunha librería algúns dos primeiros libros en galego da miña infancia que non conservei e que xa tiña esquecidos no remol da memoria.
As inxenuas aventuras de Maruxa, Antón e Isabeliña en dous volumes editados por Galaxia no ano 1979 e titulados As Cousas de cada Día volumes 1 e 2.
As miñas primeiras palabras en galego dun tal J. de Juan B. editado pro LASTRASA Editoriales Reunidas, Lugo. Supoño que insigne filólogo pois na capa tamén se citan coma obras súas Mis Primeras Palabras en inglés, francés e euskeraz.
Lémbrome tamén do Dona Galicia de Ursula Heinze, creo, e que non volvín recuperar e da Galiña Azul de Casares que aínda conservo.
E deixo de escribir que os aruxos do pasado que trae o vento morno pola fiestra aberta énchenme os ollos de bágoas.

Igualdade

Recibín hoxe o cartaz e a solicitude de inscrición na VI XORNADA GALEGA DE NAIS e PAIS, educando en IGUALDADADE, a celebrar o 22 de outono en Santiago DC baixo o lema
O XOGO E O XOGUETE NON SEXISTA.
Agardo que a multinacional de hamburguesas da que falei onte tome nota e inscriba con celeridadade ao seu encargado de promocións en España e que os páis que protestaron polos agasallos tamén o fagan.

segunda-feira, setembro 12, 2005

Burguer King ou Burguer Queen

Deixo as notas do meu caderno de verán para mellor ocasión e volvo a dura realidade.
O sábado co mal tempo sesión de cine con meu fillo. El olla abraiado a pirotecnia visual e baleira de ultima de Tin Burton e eu decepcionado e morriñento lémbrome daquela vella versión de 1971 cun entolecido Gene Wilde-Willy Wonka e uns unpalumpas bastantes máis simpáticos e mellores cantantes que os actuais.
A saída obrigada merenda no Burguer onde ao pedir o seu menú a rapaza que me atende pregúntame se é para ¿¿¿¿¿¿¿¿ neno ou nena ????????, eu quedo arrepiado e critico o sexista da promoción - ao parecer hai agasallos para nena ou para neno co menú -. Ela explícame que foron as protestas dos pais polos agasallos dos seus fillos os que os obrigaron a facer a pregunta de rigor.
Namentres meu fillo papa as patacas e a salchicha eu vexo no folleto en que consistían eses agasallos tan femininos que ergueron aos pais en armas: Unha boneca da nena protagonista da serie de TV, un boneco do seu gato e unhas gafas de sol, iso si, de cor rosa.
E pensar que un dos primeiros xoguetes do meu fillo foi unha cociña coa que aínda xoga hoxe con cinco anos xunto con súa irmá pequena as comiditas.
Cousas veredes.

quarta-feira, setembro 07, 2005

Caderno de Verán IV

O poeta di que en cada un de nós hai un río secreto a piques de botar fóra *. Ti es o río agochado que me percorre, acugulado na primavera dos días, enxoito no estío das noites. As túas augas mornas abeiran o meu corpo canso, lonxe das quenllas e das rutas dos grandes barcos, dese gran peixe que de vagar nos devora. Mergúllome coma un neno nas túas ondas, mollas a miña gorxa e a sede e a soidade cesan. Ti es o río que me abrangue, que me da a vida e que xamais se esgota. O poeta di que en cada un de nós hai un río a piques de botar fóra


* Mientras tanto dame la mano, Kirmen Uribe. Ed. Visor 2004.

terça-feira, setembro 06, 2005

Caderno de verán III

Vexo aos nenos xogando cos gatos no patio. Son moitos, de tódalas idades e cores, brancos, negros e atigrados.
E lémbrome daqueles outros, dos que sendo neno afogaba por unha pequena esmola. Asexaba ás nais no labiríntico almacén da ferraxería entre ladrillos, cemento e tuberías. Atopaba os seus niños e roubáballes as crías que logo afogaba nunha bolsa de plástico que botaba ao río Covés ou enterraba na beira da estrada ao pé da enguedellada figueira.
Ás veces teño medo do neno que fun.

segunda-feira, setembro 05, 2005

Caderno de verán II

Non estamos en Finlandia aínda que un mantelo de cinza e fume escureceu de súpeto o día. Estamos no extremo máis ao norte do país segundo as precisas coordenadas que un cartel anuncia na entrada do faro. Z. arrepiada fica nos teus brazos e as súas meniñas dilátanse incapaces de abranguer ese mar infindo que bate con bravura nas penedías e bourea nas furnas coma o xigante aldraxado dun conto de nenos. Ti apertala pero ela indefensa, incluso no teu van, rompe a chorar ante a inmensidade azul que se estende ante nós. A corda do horizonte esvaeceuse e o ceo e o mar confúndese e as nubes e as ondas e os avións e os peixes. Por uns intres o seu pranto fai calar ao mar e as bágoas salgadas que esvaran polas súas fazulas van reunirse coas súas compañeiras que caladas as agardan entre a escuma branca para comezar de novo o seu eterno e incesante pranto.

quinta-feira, setembro 01, 2005

Caderno de verán I

Unha tardiña na praia L. non quere saír da auga para regresar a casa, eu bérrolle pero el faise o xordo e mergúllase unha e outra vez. De súpeto unha das derradeiras raiolas do sol cégame coma un lóstrego, pecho os ollos e cando os abro estou noutra praia. Na súa ribeira miña nai chama ao neno que fun pois xa é hora de marchar, eu fágome o xordo e mergúllome arreo nas ondas coas miñas novas aletas azuis. Pecho os ollos de novo e cando os abro L. segue na auga, séntome na area morna e tranquilo agardo ollando cara o sol que se pon tralos montes de cinza namentres na buguina da miña memoria resoan salgados os berros daquela moza que foi miña nai.

sexta-feira, julho 29, 2005

Vacacións

Voume.
Xa puxen as chancletas, a camiseta e os pantalóns curtos e non penso quitalos ata setembro ainda que caian chuzos de punta.
Estes son os plans:
- pasar uns días en Sargadelos, outros nos montes da Paradanta, algo de praia e a festa da auga.
- corrixir unha breve novela de LIX que rematei estes días para entregala nunha editorial á volta.
- ver tódalas películas que se me amorearon ( Egoyan, Ozu, Labute, Allen, Wong Kar Wai...).
- afundirme na lectura: inescusábel a simultánea dos relatos Cheever(unha vez máis) e os seus Diarios, así como a nova Gramática Práctica de Sotelo Blanco.
- desistir da novela coa que levo dous anos entullado e comezar outra.
- tomarme as cousas con máis tranquilidade, ser menos irónico e berrar menos:tratar de ser alguén que non son.
-Bicar máis a M.

Todo isto co permiso dos nenos claro está.

Voltar

Acougan á espreita
no faio da memoria
e ao abrente da madurez espertan
facéndonos falar sen ambaxes,
lembrando amigos de nome incerto,
vellas series de televisión
e esquecidos ritos da mocidade.

E xa de madrugada
esvaecen coma lampos
na estática do tempo
e nós ficamos espidos
diante dos escaparates das ferreterías.

Eire

O de onte debería ser o espello
onde todos deberiamos ollarnos.
Vítimas, Políticos e Verdugos.

quinta-feira, julho 21, 2005

Unha pancada no cu.

Era o que merecía a neniña de Foz polas perlas que nos deixa hoxe na entrevista do Correo, vaia un exemplo:

– ¿Escribe más en castellano que en gallego?
– Es cierto, pero sin embargo lo siento en gallego. Lo que pasa es que tengo mi editorial que me publica en castellano y que distribuye muy bien mis libros que tienen puntos de venta en toda España. De todas maneras yo soy galaico-parlante desde mi juventud.


Sobran os comentarios.
O que eu digo unha pancada no cu.

Data estelar 21/07/05


Morreu o benquerido Scotty. Dende a cuberta do Entreprise eu e tódolos seus compañeiros de aventuras o despedimos emocionados. Que as estrelas o guien aló onde vaia.

quinta-feira, julho 14, 2005

Cartas do terceiro día

Por fin metín o pé no mundo editorial galego despois de anos tentándoo unha e outra vez. Fai unhas horas unha amábel concelleira chamoume ao móbil para comunicarme a concesión dun premio de poesía que implica a publicación do poemario por unha editorial do país.
A miña ledicia foi inmensa ao que hai que engadir os parabéns de dous membros do xurado que falaron tamén comigo e me agasallaron os ouvidos coas súas louvanzas. Un deles dixo que pensaran que os versos escribiraos unha muller, para min non poder haber maior gabanza pois con esa intención os escribín.
Prometérame que se este ano non tiña resposta dunha editorial ou premio deixábao e mira por onde soou a frauta. En parte este blogue erá un forma de dar saída a miña frustración de escritor inédito cobizoso de lectores.
A primeira chamada como non foi a M. que estaba cos nenos na casa e que foi a inspiradora e a primeira en ler o feixe de versos agora premiado. A segunda foi para Náufrago que co seus azos e consellos nos seus talleres mantívome a flote estes derradeiros meses. A terceira, a cuarta a quinta.... foron para pais, tías, amigos e demais familia como poñen nas esquelas do periódico.
A vos que estades ao outro lado do espello e me ledes e me comentades non vos podo chamar pero vaia dende aquí o meu máis sincero agradecemento por levar aí dende xaneiro. Unha aperta a todos.

quarta-feira, julho 13, 2005

Pasatempo


Na viaxe do fin de semana os nenos (meu fillo máis eu) pasárono pipa. El comportouse coma un pequeno homiño e a pesares dos seus cinco anos percorreu case enteiro o paseo da fraga na mañá domingo a esculca dunha lontra que non deu visto. Non nos puidemos mergullar no río pois agora esta prohibido, iso si pescadores remexendo o fondo coas súas botas había abondo, aínda que el emocionado mollou os pes nas súas augas frías que mudan de cor a cada paso do camiño. O mosteiro restaurado perdeu parte do seu misterio e encanto. Antes as súas ruínas axexaban entre os carballos dando pé a lendas agora perdidas.
Pero o que máis lle impresionou foron as marabillas do Parque (bastante abandonado e sen un so cartaz ou panel indicador) e demostroume unha vez máis que a imaxinación e a capacidade de suxerir aínda que teña un século poden abraiar a un neno deses do século XXI criados nos tetos da imaxe dixital, do 3D, do evidente e do mastigado.
Recoñezo que o neno do pasado que hai en min se emocionou pero tamén o fixo M. que non o coñecía. Sorprendeunos aos dous a similitude de parte das covas e galerías coas do Güell, consultei na rede e comprobei que a súa construción é coetánea. Estaría bo que Gaudí coñecese este parque e se inspirase nel. Daba para o argumento dunha boa novela (a vida dos seus creadores tamén).
Meu fillo oíunos falar da coincidencia e explicámoslle onde quedaba este novo parque, quen o fixera e como era. Agora leva tres días cismando en que o próximo sábado temos que ir a Barcelona a velo.
Un día destes haberá que levalo. Todo sexa pola triunfo da imaxinación.

sexta-feira, julho 08, 2005

Viaxe

Este fin de semana voltarei ao territorio da miña infancia. A aqueles longos veráns que parecían non ter fin.
E pasearei co meu fillo polas calellas encostadas e procuraremos a sombra baixo os soportais.
E tomaremos a tapa de ensaladilla no Nevada, que xa non sabe coma antes, e comeremos tamén a saborosa costrada da miña tía.
E ensinareille a fraga, cos seus xigantes fieitos xurásicos e os eucaliptos que todo o asolagan, e cruzaremos o río polas pontes colgantes.
E mostrareille tamén a rocha da Pía dende onde me mergullaba na augas frías, e o esteiro agora enlamado onde pescaba sollas con arpón e a ponte de ferro onde ás veces nos pillaba o tren cando íamos a praia.
E subiremos ata o mosteiro, e tamén ao Castelo e ao Torreón.
E correremos polo prado onde facía voar aquela cometa de Fanta.
El regresará canso e feliz.
Eu tisnado pola feluxe nostálxica do pasado.

quinta-feira, julho 07, 2005

Ollo por ollo

Non xustifico nin lexitimo o de hoxe a beira do Támesis, pero non é de estrañar.
Temos que ser conscientes de que non podemos protexernos nin a nos nin a nosos fillos duns tolos. Non podemos poñer un garda en cada esquiña en cada recuncho das nosas vidas.
O problema non é o terrorismo en si, o problema son as políticas e as actuacións dos nosos gobernos polo mundo adiante. O problema está en Chechenia, en Palestina, en Iraq, en Guantánamo, en Nixeria, no Iemen...e na nosa indiferenza e desprezo polos seu sufrimento
Os corenta mortos en Londres encheran mañá as portadas dos diarios, os milleiros do resto do mundo acocharémolos no escuro e fondo tobo das nosas conciencias.
Os actos deses tolos somentes os representan a eles e aos da súa grea, os dos estados, os nosos civilizados estados do primeiro mundo, representan a todos os seus cidadáns.
O noso maior inimigo é a pobreza, a fame a ignorancia, non a relixión de Alá.

quinta-feira, junho 30, 2005

O meu indicativo no carné de cópula da ninfa IV

de: indicativo: TVN-7557
para: indicativo: Ninfa 6786
cc: Ninfa6786@**********.com
data: 30/05/2046
asunto: Arañeira
prioridade:urxente



TVN-7557 é o meu indicativo
tatuado na pel coirenta da miña caluga,
técnico de vixésimo nivel o meu oficio
gravado nas miñas mans esgrevias
e na resistencia dos músculos e tendóns
das miñas costas e pernas,
a mansedume o meu condicionamento
marcado no meu entendemento,
SacuL o meu alcuño por min elixido
no recuncho de liberdade
que aínda nos queda a todos os que fedellamos
nas enferruxadas entrañas desta grande arañeira
que nos acubilla e nos ten prisioneiros
coma estarrecidos insectos ante a inminencia
do que descoñecido e voraz se achega

terça-feira, junho 28, 2005

Desta foi

Os tempos son chegados. Movémonos por un País Novo.
Que o vexamos.
(Como exemplo eu deixo o tabaco)

segunda-feira, junho 27, 2005

Capitáns de quince anos que fomos

Fai vinte anos destas fermosas e melancólicas verbas:


...E me chamas de amigo
cando a miña cabeza sobre o teu peito
non volveu a estar deitada
cando a miúdo nos zoupa o medo
cando perdín as túas costas
cando atopamos só baleiro

meu amigo

...E me chamas de amigo
con un fiíño de voz
ou un sorriso nervioso
que da a entender a túa desgana
cun vulgar apertón
dunhas mans sempre suadas

meu amigo

...E me chamas de amigo
se arriamos as nosas bandeiras
capitáns de quince anos que fomos
para ser agora dous descoñecidos
non me chames de amigo
se me vas a deixar doído

meu amigo.



Descoñecido, Devocionario (GB 1985).

sexta-feira, junho 24, 2005

Os húmidos monólogos das cisternas de noite

Hoxe a RAG escolle o homenaxeado do DLG 2006, o meu candidato e do de María e do Jaure é Lois Pereiro. Entendo que a súa elección suporía a saída da naftalina e a entrada na modernidade dunha festa que esmorece ano a ano. Un proposta tan arriscada que unha institución tan inmobilista supoño deixara de lado.
O que me sorprende son os nomes dalgúns dos outros candidatos: un excelente escritor reintegracionista, (iso non sería arriscado sería un suicidio), dous descoñecidos exiliados ilustres con escasa obra coma case sempre , e pásmense un boticario cineasta.
O dito, o monfortino sen dúbidas. Un xeógrafo das verbas que un día describiu esta Cartografía

Cal morto xa
ou vencido
falo sen min
e durmo
no desastre

Debera ser posible
facer mapas do odio
e os húmidos monólogos
das cisternas
de noite
descifrar

quinta-feira, junho 23, 2005

San Xoán

Miña filla lembras aquela primeira noite aínda sendo unha cativa en que te levei a festa dos fachucos e das teas, premías a miña saia xaspeada e non saías de antre as miñas pernas. Todo era misterio, sombras e tebras, vagalumes laranxas polas leiras e enxames de insectos que fuxían da santa compaña das labaradas que co seu lume purificaba as terras, milleiras, prados e eiras, labregos e animais que as traballan e tamén ás mulleres que na súa coraxe levan os sucos da seca e das malas colleitas.

Sexamos coma Lot

Xúntanse este días algúns feitos que me dan moi mala espiña para o reconto do luns en Pontevedra.
Unha pitón perdida en Ourense, un barco cargado de coque, que non de coca como sería o habitual, que embarranca ata dúas veces na ría, a constatación estadística de que este é un país mais para morrer que para nacer, o décimo aniversario dese arrepío televisivo que é Pratos Combinados. Parecen agoiros desa maldición bíblica que nos pode caer outros catro anos máis.
Pero resistamos e non ollemos cara atrás como aquela anónima muller que rematou convertida nunha estatua de sal.
Sexamos coma Lot, miremos cara adiante, cara ese novo hourizonte, percorramos ese camiño de esperanza que nos agarda.

terça-feira, junho 21, 2005

O meu indicativo no carné de cópula da ninfa III

de: indicativo: TVN-7557
para: indicativo: Ninfa 6786
cc: Ninfa6786@**********.com
data: 21/05/2046
asunto: Mai
prioridade: urxente




Non poderás aniñar xamais no meu ventre
pois non teño embigo
nin voz de mai nin o seu van nin o seu agarimo.
A música da miña infancia
é o silencio
do continuo e mecánico latexar
do berce incubadora que me arrolou,
polos seus ollos
dous escintilantes leds vermellos,
pola súa face
unha pantalla de plasma de alta resolución,
polo seu sorriso
o mesmo código binario a cotío,
pola súa voz
o incesante zunido dun relé
que responde aos meus saloucos e chíos
cunha anestésica dose de soma
cun acougo de calafríos.

Mea culpa

Non pensaba falar de política neste blogue pero deixeime levar pola voraxine eleitoral e a decepcióne e a inquedanza polos reusultados fixo o resto. Hoxe xa máis repousado tras ler tódolos cálculos e contas posíbeis que manteñen viva a esperanza prometo con cometer o mesmo erro outra vez. Volvo ao rego e todos tranquilos, ainda que o momento histórico que estamos a vivir ben merecía as arrroutadas dos últimos días. O luns celebrarei a caída do Antigo Rexime borrando tódolos posts referidos as eleccións pois formaran xa parte do remuíño toldado desa historia que xa dura dezaseis anos e que todos queremos esquecer axiña.
De penitencia vai un novo poema da ninfa que visto os comentarios recadados vai camiño de morrer de éxito.

segunda-feira, junho 20, 2005

20 DE XUÑO

Cando espertei, O Dinosauro aínda seguía alí, ao menos unha semana máis.

Algunhas dubidas

Para levar mellor o incrible resultado e a espera, fixémonos no accesorio ou non tan accesorio.

1º Sobre o famoso CERA

Consultados os dicionarios, da RAE , o María Moliner ou de Manuel Seco, non atopo explicación semántica algunha paro o termo “residente ausente”,ou resides ou non resides, non hai outra opción posíbel. Ausencia e residencia son dos termos que se contradín.

Existe un vello aforismo latino que di: Absentia longa et mors aequiparantur.


2º Sobre a cobertura televisiva.

Foron alucinacións miñas froito da inquedanza ou os dous voceiros do informativo popular, o moreno e a loura, demudados ao comezo da xornada polo resultado das logo erradas israelitas mudaron a medida do escrutinio nun indignante xogo de lúbricos sorrisos e olladas, que alcanzou o éxtase despois da declaración do Dinosauro ?

Alguén ollou o lamentábel papel do bronceadísimo e excelentísimo señor director da EGAP no debate da Segunda? e a súa xenreira con Guerreiro? Supoño que sería froito do seu nerviosismo ante a posíbel perda do seu ben remunerado cargo.


2º Sobre Pepiño

Cometería un erro tan grande coma facer esas declaracións senón tivese clariñas as contas? un experto matemático coma el, licenciado naquel congreso federal que consagrou o talante ZP.

sexta-feira, junho 17, 2005

MÓVETE POR UN PAÍS NOVO

O domingo xa o sabes
nin á praia nin ao monte
nin friameira nin neveira
todos a Botalos
que estamos fartos
do que fan cos nosos cartos,
que dos seus xeitos
estamos cansos
tras dezaseis longos anos.

quinta-feira, junho 16, 2005

Segundo Rexurdimento

O Comisario político Jesús Pérez Varela, sinala hoxe no seu popular xornal de cabeceira que dende a proposta Galicia, Terra Única ata o actual programa Galicia, Camiños da Concordia contribuíuse a que Galiza realizara, na década final do século XX e no primeiro lustro do XXI, O seu segundo rexurdimento...

Salientou ademais que estase a chegar a unha nova economía da cultura e do patrimonio e que hoxe, ao redor dun 15% do PIB de Galiza é industria cultural, que non Cultura engado eu.
Non sei se incluíu o custo do faraónico mausoleo da Momia no monte Gaias, ver O Pais de hoxe, ou o do Luar ou o de Pratos Combinados ou o do SuperMartes, ou o das gaitas e saias escocesas ou o das subvencións por informar aos medios de comunicación nos devanditos cálculos.
Citou tamén as 342 novas infraestruturas, casas de cultura, edificios multiusos, bibliotecas, teatros ou salas de exposicións. En oitos anos tocamos a 42 por ano, a 3,5 por mes, engado eu.
A Cultura coma infraestrutura é unha nova achega deste grande pensador, que merece por méritos propios unha entrada na 2ª edición do Dicionario Galego de Filosofía que ven de saír do prelo.


PD. Manda Carallo! Un segundo rexurdimento e Alonso Montero sen decatarse e estudando aínda a probe Rosalía.

terça-feira, junho 14, 2005

Cristal, orvalho e punhal

Morreu onte Eugenio de Andrade uns dous máis grandes poetas portugueses, vaian estes versos seus en lembranza de quen atopou nunhas sinxelas verbas núas aquilo que moitos procuramos nunha abafante carreira que xamais remataremos.
Vaian tamén por esas nais e polos seus fillos afogados onte nas augas balorentas da nosa indiferenza e polas verbas que xa non pronunciaran xamais, polas súas verbas que xa ninguén escoitará, polos seus berros, polos seus risos, polos...


As palavras


São como um cristal,
as palavras.
Algumas, um punhal,
um incêndio.
Outras,
orvalho apenas.
Secretas vêm, cheias de memória
Inseguras navegam:
barcos ou beijos,
as águas estremecem.
Desamparadas, inocentes,
leves.
Tecidas são de luz
e são a noite.
E mesmo pálidas
verdes paraísos lembram ainda.
Quem as escuta? Quem
as recolhe, assim,
cruéis, desfeitas,
nas suas conchas puras?


De “Coraçao do día” (1958)

segunda-feira, junho 13, 2005

Que poucos somos...

... e que mal nos levamos, canto nos envexamos e que pouco nos queremos. Vai todo isto pola polémica arredor do último García Barros (ver o foro do Cartafol), o especial do Babelia sobre as “Letras Gallegas” ( ver comentarios no blogue de Brétemas) ou Murgía de López Silva etc. etc. Dende logo temos o que nos merecemos, case desexo que o sucesor de Pérez Varela sexa do seu mesmo partido.
Supostas corrupcións de xurados, ameazas de accións legais, desculpas, falsas ou verdadeiras, aceptadas ou rexeitadas, premios amañados, editores cómplices. Se me da tempo axito todo na cocteleira e sáeme a novela gañadora do García Barros do 2006.
Case estou contento de perder un premio tras outro, pois o día que gañe algún, mimadriñaquerida, vexo o meu nome arrastrado pola rede. Aínda que polo menos o avogado xa o teño na casa.
Vouno confesar, xa non aturo máis pero non llo digades a ninguén, leo a Jaure e a Caneiro e gozo cos dous. Agardo que ninguén me retire dos seus favoritos ou das súas ligazóns polo recoñecemento desta escura perversión literaria.

sexta-feira, junho 10, 2005

O meu indictivo no carné de cópula da ninfa II

de: indicativo: TVN-7557
para: indicativo: Ninfa 6786
cc: Ninfa6786@**********.com
data: 10/05/2046
asunto: Xofre
prioridade: urxente


O sintético e repetido roibén
tinxe a inmensa bóveda que nos abeira
do cinsento exterior que nos rexeita,
somos alleos no noso propio mundo,
inimigos do que nos abrangue
e que agora se vindica
con acuguladas chuvias de xofre,
chúmbeas folerpas,ávregos refachos de azougue,
enferruxada sarabia e ondas de aceda morte.
Somos forasteiros nesta terra estraña
baixo a inmensa bóveda que nos gorece
da vingativa natureza que nos desbota
e non se esgota
día tras día, hora tras hora,
minuto a minuto, segundo a segundo,
teimuda e incesante na súa xenreira.

sexta-feira, junho 03, 2005

O meu indicativo no carné de copula da ninfa

de: indicativo TVN-7557
para: indicativo Ninfa 6786
cc: Ninfa6786@**********.com
data: 7/05/2046
asunto: Futuro
prioridade:urxente


O futuro
non existe meu amor,
vivimos nel,
coma os embrións inviábeis
que de tódalas castes
aboian no formaldehido
dos laboratorios de rexeneración humana,
mudados espécimes levedados na linfa encetada
dunha SOCIEDADE que se di NOVA

Proxecto Ninfa

Ante a frustración que me invade pola falta de resultados, dos premios e das editoriais deste país, á que hai que engadir a miña natural preguiza e as queixas do meu benquerido Naufrago que me reprocha polos poemas que posteo ás veces e que a el xa lle son coñecidos, comezo hoxe unha andaina lírica que pendurarei semanalmente. Non teño maior pretensión de que este público ou escaso, dos vosos comentarios depende, compromiso sirva de aguillón para o meu caletre durmido.
O celme dos versos romántico-futuristas-epistolares que seguiran nos vindeiros meses é unha evocadora frase lida no libro de Ramon Caride “Soños eléctricos” que ademais sérvelles de título, supoño que o autor saberá perdoarme o roubo.

quarta-feira, junho 01, 2005

Tic Tac

O tempo pasa.
Nas datas de caducidade das tapas dos iogures que acochamos na friaxe da neveira.
No bandullo de atleta daquelas vellas instantáneas na praia.
No po dos raiados elepés de jazz mercados fai anos nun chambo naquela infernal viaxe de fin de semana a Londres.
Nos libros mancados polas adicatorias de aniversario dalgún coñecido hoxe lonxano.
Nos esquecidos ritos de iniciación, bico ou condición.
E o tempo pasa.
E lembrámonos dos nosos pais coa mesma idade que agora temos nós.
Que vellos nos parecían.

sexta-feira, maio 27, 2005

Autodenuncia

En cumprimentodo dos meus deberes de bo e honrado cidadán deste páis e para público coñecemento, en especial da asesoría xurídica da Momia, declárome autor intelectual ou cooperador necesario ou cómprice ou encubridor do filme HQB! aos efectos legais oportunos.

O vello Simbad voltou das Illas

Transcribo textualmente a nova que recolle hoxe o diario de balde QUE! Ed. Vigo, na súa paxina 22:

Literatura
El escitor Alvaro Cunqueiro presenta esta tarde en la Casa del Libro su último libro titulado “Viajes y yantares por Galicia". A las 20 horas.


Non penso perdelo.

terça-feira, maio 24, 2005

Lois Pereiro DLG 2006

Únome a campaña blogueira de María e a reivindicación Jaure, pero en vez de postear un poema de Lois, poño este daquel Rivas co que tanto gozaba, hoxe perdido para sempre no rodopío mediático.
Sempre pensei que falaba deles dous, de dous soñadores chimpando nas pucharcas nas calexas daquela capital onde as metáforas e as loias agromaban dos sumidoiros elevándose ao ar coa incerteza do futuro. Agora esas mesmas calexas fican esvaradías por unha mulime de lembranzas e ideais estragados e a certeza do que nos agarda inzase por tódolos recunchos como unha vagarosa morte doce.

Poetas

Caínlle folerpas azuis pola sombra dos ollos.
Se nos damos présa,
dixo cun sorriso,
poderemos saír na Gran Enciclopedia Galega.
Efectivamente, os nosos apelidos estaban na fin do alfabeto.
Pero aquel inverno de Madrid
coñecimos unhas mozas
que aprazaron a nosa entrada na Historia.


Manuel Rivas, Ningún cisne
Sotelo Blanco Edicións, 1989.

segunda-feira, maio 23, 2005

Neotrobadorismo

Sedíame eu no alto da Encarnación
e cercáronme as tebras, que escuras son:
eu agardando ao meu Charli !
eu agardando ao meu Charli !


Estando no alto ante a parada,
cercáronme os ciumes, vaia parvada:
eu agardando ao meu Charli !
eu agardando ao meu Charli !


E cercáronme as horas, que tarde son,
non hai taxi, nin vitrasa:
eu agardando ao meu Charli !
eu agardando ao meu Charli !


E cercáronme as dúbidas do meu siso
non hai vespino, nin teño permiso
eu agardando ao meu Charli !
eu agardando ao meu Charli !


Non hai alí taxi, nin vitrasa
ficarei soa no alto lonxe da casa
eu agardando ao meu Charli !
eu agardando ao meu Charli !


Non hai vespino, nin teño permiso
ficarei soa presa do meu mal siso:
eu agardando ao meu Charli !
eu agardando ao meu Charli !

quinta-feira, maio 19, 2005

Love Will Tear Us Apart (versión libre)

Cando a rutina traba con forza,
coa ambición no val e o resentimento na curota,
as emocións non agroman
e afastámonos e tomamos diferentes estradas

Entón o amor,
o amor esgazaranos outra vez

¿ Por que o leito está tan frío ?
Ti que das a volta lonxe no teu lado
¿ Foi a miña cadencia a que estragou o noso respecto?
¿ A que estragou os nosos sentimentos enxoitos?
Con todo aínda fica esta súplica, esta alfaia das nosas vidas

O amor,
o amor esgazaranos outra vez

Ti berras en sonos e descobres tódalas miñas eivas
e eu co acre sabor da desesperación no meu padal
Penso que algo tan bo non pode funcionar sempre

Entón o amor,
o amor esgazaranos outra vez


(En lembranza de Ian Curtis pendurado dun adival na súa casa o 18 de maio de 1980 aos vintetrés anos)

terça-feira, maio 17, 2005

Letras Galegas: Varias cifras e un dato

As cifras

17, nº aproximado de poemas en galego escritos polo homenaxeado.
5, nº de páxinas en galego nun xornal co gallo da celebración.
1, euro miserábel polo libro sobre o homenaxeado que vende o anterior xornal patrocinado ademais por unha caixa.
0, nº de actos oficiais dos que nos malgobernan co gallo da celebración.
2, columniñas arriba a esquerda que lle adica un xornal nacional a celebración.
1, paxina enteira no anterior xornal a promover o último libro do diletante crítico anglosaxón publicado nunha das súas editoriais.
45, minutos sobre o homenaxeado a partires da mañanciña do 18 na televisión popular, agás as puntuais novas nos informativos case tan relevantes como unha tortilla xigante que fan en non sei onde con máis de 5.000 ovos.
5, nº de horas polo serán de culebróns emitidos pola televisión popular neste día.
6, nº de libreiros que ousaron poñer os seus postos na rúa en Vigo para promover o galego entre os turistas xubilados de transatlántico


O dato.

Ante toda estas crifras o presidente ledo de que a xente vaia a praia presume de ser un túzaro na informática, e de non tocar rata nin rato o día da necrofílica celebración dunha lingua case morta.RIP.

segunda-feira, maio 16, 2005

Letras galegas

Disque no novo mapa das titulacións que propón o Consello de Universidades desaparece como tal a de Filoloxía Galega. Disque tamén que por cada euro que os galegos nos gastamos en promover a nosa lingua gastamos outros 240 na de Don Quixote.
Na miña mocidade o dezasete de maio era lectivo, non instituto faciamos cartaces, exposicións, líamos os libros do homenaxeado e organizábase un concurso literario, lembro que un ano acadei o primeiro premio en narrativa e o segundo en poesía, foi a miña primeira e derradeira vitoria no eido literario, co paso do anos só acumulo derrotas aínda que miña nai non perde a esperanza e limpa tódalas semanas con cariño as bandexiñas de alpaca que me entregaron daquela.
Recoñezo que do homenaxeado deste ano, nada lerá, agás da súa condición de poeta exiliado pouco máis sabía, supoño que coma min a maioría dos lectores.
Nun xornal falaban estes días do pulo que estaba tomando a celebración, eles que nin sequera ese día fan a edición en galego ao completo ou que revelaron fai pouco no seu suplemento de culturas o grande segredo literario do honrado nun artigo titulado: “De como un gallego le robó la musa a Borges”.
Creo que a celebración esmorece pouco a pouco, o de convertela en feirado foi un erro, e o que debería ser a grande festa das nosas letras mudou nunha escusa institucionalizada para que as editoriais fagan as súas monografías e edicións e suban un chisco as súas escasas cifras de ventas, ou que unha cadea de supermercados imprima nas súas bolsas un poemiña que ninguén lerá, ademais cada día a festa está máis lonxe da rúa e do lector medio pois adícase a mortos case descoñecidos, non digo que non sexan relevantes nas nosas letras, cando podía ser o grande premio das nosas letras a un escritor vivo, un recoñecemento a toda a súa obra literaria.
Todo parece máis ben a necrofílica celebración dunha lingua morta. RIP

sexta-feira, maio 13, 2005

Aurora Vidal Martínez

Morreu onte na vila do Lérez non moi lonxe de onde nacera en 1911, mestra, poetisa e membra da RAG dende 1952.
Da súa obra destacar Poemas de nenos e paxariños (Libros da Frouma nº9, Follas Novas, Santiago Xuño 2000), un fermoso libro que é unha ledicia para pequenos e maiores. Vaia este anaco do seu poema Cantiga de homenaxe.


Deus abandonoume, quitándomo todo,
mais deume beleza no leito da morte;
deume canto tiña no pano da lousa,
semente de lúa, arume de froles.

Sepultoume, antón, na cova da terra,
coa groria miña dos seus privilexios;
deume o canto limpo dunha eternidade
nas longas campanas, desfeitas en versos...

quarta-feira, maio 11, 2005

A Memoria do Inferno ou O Inferno da Memoria

Que escuras reviravoltas dá a vida dun home para finxir durante trinta anos que sobreviviu ao terror dun campo de concentración nazi, e presidir unha asociación de superviventes, e escribir un libro desa imaxinaria tortura e dar charlas aos rapaces sobre a súa fantástica e arrepiante experiencia e recibir medallas no seu peito.
Que escuras reviravoltas dá vida dun candidato para ocultar tódolos seus anos de vida pública no anterior réxime, tódolos seus cargos, embaixadas, secretariados e ministerios, rúas que eran de el e mergullos na praia.
Supoño que todo será por causa desa “burda criba da memoria” da que falaba Günter Grass no seu demoledor e lúcido artigo deste fin de semana.

terça-feira, maio 10, 2005

Semáforo

Na penedía
branca da beirarrúa
onde boquexan
as baleas
e precipítanse
os lemmings
voltamos a ser animais
que ignoran
as mensaxes cifradas da circulación.

quinta-feira, maio 05, 2005

Tender Pontes

Pola autoestrada cruzamos a Raia, xa non hai viaxe nin fronteiras nin alfándegas, todo muda nunha ladaiña interminábel de sinais indicadores e carteis, e Penélope farta de agardarnos, vende cebolas e allos nunha cuneta cinsenta. Na cidade agás pola lingua xa todos somos iguais, poderiamos estar en calquera outro lugar e non nós decatariamos nin eles tampouco, aínda que sempre nos quedará a fachendosa babel que resiste estarrecida a ira divina do deus americano ou escandinavo ou chinés que todo o asolaga e uniformiza. Dende a fiestra do automóbil leo na outra beira do río, baixo a ponte e pintada con grandes letras brancas no peirao que se afunde nas augas balorentas do Douro unha fermosa e suicida declaración de amor, AMOTE MAIS DO QUE AO SOL. Cecais a única e derradeira diferenza sexa esa.

sexta-feira, abril 22, 2005

19 de Xuño

A todo porco chégalle o seu San Romualdo.

segunda-feira, abril 11, 2005

A Memoria do Inferno ou O Inferno da Memoria

Que escuras reviravoltas dá a vida dun home para finxir durante trinta anos que sobreviviu ao terror dun campo de concentración nazi, e presidir unha asociación de superviventes, e escribir un libro desa imaxinaria tortura e dar charlas aos rapaces sobre a súa fantástica e arrepiante experiencia e recibir medallas no seu peito.
Que escuras reviravoltas dá vida dun candidato para ocultar tódolos seus anos de vida pública no anterior réxime, tódolos seus cargos, embaixadas, secretariados e ministerios, rúas que eran de el, sentencias de morte e mergullos na praia.
Supoño que todo será por mor desa “burda criba da memoria” da que falaba Günter Grass no seu demoledor e lúcido artigo deste domingo

terça-feira, abril 05, 2005

LOITO

Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polo neno que morre de fame nunha sabana de Sudán neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polo pai que contaxia a SIDA a súa muller e os seus fillos aínda non nacidos nun alfoz de Sudáfrica neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio polos milleiros de acólitos asexados polos lobishomes lúbricos con sotana en calquera recuncho dos USA neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio pola nai que olla cara o seu fillo que chucha desacougado duns peitos enxoitos nunha choupana de Etiopía neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polo nena que morre de sede en calquera aldea de Eritrea neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polas mulleres tratadas coma gando e prostituídas a forza nos clubs e bares de estrada que se inzan polo país neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol por tódolos nenos e nenas que xamais poderán ler ou escribir os seus propios nomes en calquera recuncho do planeta neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos indíxenas asasinados en calquera país suramericano neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos traballadores encadeados nos talleres e factorías de calquera país asiático neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos centos de nenos que morre de febre por falta dunha sinxela menciña en Costa de Marfil neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos inmigrantes que afogan no océano neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polo rapaz soldado que dispara na selva do Congo neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol pola nena a que lle mutilan o seu sexo en Zambia neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol polos millóns de mulleres que agochan os seus rostros tras un velo ou un pano asasinados en calquera país neste mesmo intre.
Un día de loito nacional e un minuto de silencio nos partidos de fútbol pola nosa indiferenza e hipocrisía de cochos ben cebados.

sexta-feira, março 11, 2005

Inocencia

Érgome as oito da mañá con M., está preñada de cinco meses e ten cita ás nove para unha ecografía. Na radio oímos a Gabilondo que informa da masacre en Madrid, e eu acendo o televisor na procura das primeiras imaxes, con tanto rebumbio noso fillo L. esperta, prepárolle o almorzo e M. lisca lixeira, pois vai chegar tarde a súa cita.
Namentres o visto para ir a escola L. pregúntame que pasou, pois o barullo da televisión e da radio asolagan toda a casa. Eu explícolle que uns homes malos puxeran unhas bombas nuns trens dos que a el tanto lle gostaban e morrera moita xente inocente; el, espontáneo, retrúcame dicindo que habería que matalos. Eu trato de explicarlle que iso non estaría ben, que habería que detelos, xulgalos e metelos no cárcere. El cos seus case catro anos, non queda moi convencido. Eu tampouco.

Hoxe, un ano despois, L. aínda se lembra do día dos trens, eu aínda me lembro daquela outra nai que tamén ía facer unha ecografía a que nunca chegou e miña filla Z. que ten case oito meses alumea co seu sorriso as noites escuras dun tempo infame que non escolleu vivir.

quinta-feira, março 10, 2005

RONSELTZ

O meu maior mérito literario ata o de agora, aínda agardo polo editor ou xurado que me descubra, foi convivir durante un curso nos tempos de estudante en Santiago nunha pensión cun dos membros do colectivo RONSELTZ, lembro as caixas de pastas Reglero que os domingos sempre traia un compañeiro e que nos devorábamos coa fame dos que tiñamos a vida aínda por diante, proxectos e anceios que de seguro quedaron esluídos no camiño de lousas amarelas.
Lin estes días que fai vinte anos, que non son nada como cantaba o tanguista, que abrollou tan senlleiro e divertido colectivo. Eu aínda gardo xunto cos meus malogrados proxectos e anceios un dos seus fanzines, na contraportada tiña un misto pegado cun celo e unha frase convidábaa a queimalo se non che gostaba. Penso que moitos editores na nosa lingua poderían incorporar tal complemento a moitas das novidades que botan nos estantes das librerías, algúns incluso soprete e bombona.

quinta-feira, março 03, 2005

American way of life

Un cativo de dez anos, repito de dez anos, matou a unha compañeira de escola loura e da súa mesma idade para quitarlle a súa nova bicicleta de cor rosa e despois entretívose xogando co seu cadavre, co seu sexo temperán e cos seus piterpanes de la antes de enterrala coas súas pequenas mans nunha touza fría e silandeira onde a atopou arrepiado un dos seus mestres tras días de infrutuosa e angustiosa busca por toda a vila e os seus arredores, berrando o seu nome a través de outeiros, fragas, prados, regatos, e penedos.
Un, dous, tres.
Namentres debuxaba con lapis de cores fermosos corazóns do vermello amor que nunca recibira e felices familias en casas con xardín e barbacoa nas que xamais vivira o neno permanecía impasíbel perdido nas avesías calellas do seu entendemento e non respondía aos experimentados axentes da orde que apoucados o interrogaban baixo a atenta ollada das autoridades, o shériff, o alcalde e o fiscal do distrito, que acochadas tralo espello protector e ante o seu sinistro mutismo mandaron chamar polo máis senlleiro especialista nas reviradas mentes dos asasinos psicópatas ou psicóticos e demais refugallos humanos levedados na linfa encetada dunha sociedade enferma .
Catro, cinco, seis.
O psicanalista concluíu que non era xordomudo e que o seu silencio ou era voluntario, estrataxema que de nada lle serviría para evitar todo o peso da lei e da cega xustiza, ou debíase a un shock traumático consecuencia do seu infando crime. Tampouco os esnaquizados pais da nena que procuraban respostas, nin os sensacionalistas medios de comunicación que cubriron o tráxico suceso, nin os doce bos e honrados cidadáns que sen piedade o declararon culpábel, nin o novo avogado de oficio que o mal defendeu, nin o autoritario xuíz que o condenou a pena capital, nin o gobernador republicano talvez demócrata que non lla conmutou oíron a súa voz, nin explicación nin razón nin xustificación, se é que a pode haber para tanta maldade, para tanta perversidade.
Sete, oito, nove
Moito tempo antes todos eles, os compañeiros, os mestres, os medios de comunicación, as forzas da orde, o psicanalista, as autoridades, o shériff, o alcalde e o fiscal do distrito, os cidadáns, o xuíz e o gobernador permaneceran xordos ante os seus berros e saloucos de terror e suplicio cando o lobishome lúbrico do conto entraba pola noitiña no gótico cuarto dos seus pesadelos infantís. Como mudos ficaron tamén os que ao abrente dese derradeiro día no exterior da penitenciaría estatal baixo a chuvieira tépeda da primavera que amortecía a chama das candeas e dos cirios protestaban, choraban e pregaban a ese deus inmisericorde pola perda da súa ánima calada e soitaria.
Dez.

terça-feira, fevereiro 22, 2005

Enterro

Onte a mañá acudín a un enterro, coma sempre agardei fora da capela pero a megafonía existente no tanatorio espallaba a tediosa voz do cura por tódalas dependencias. Facía tempo que non oía a ningún deles mais o discurso non cambiou nadiña. A mesma ladaíña de sempre: xuízo final, vida eterna, morte, acougo, resurrección, podremia....
Iso si, supoño que o mais que probábel peche dos tetos do estado que pretende o do mal talante para eles recomendoulles apertar o cinto e así antes da comuñón o pater pediu que erguesen a man os que ían comulgar non fora a ser que gastara de máis, as hostias deben estar a prezo de caviar beluga. Asemade espetoulles a tódolos asistentes, familiares da finada incluídos, que na ultima recolecta na parroquia o domingo pasado para os esfameados do terceiro mundo, tocaron a 13 céntimos, 13 céntimos repetiu varias veces, por fregués.
En fin, está é a igrexa dos probes, das mulleres, dos homosexuais, das adolescentes preñadas, dos marxinados, dos nenos acosados nos refectorios, dos afectados pola SIDA dos profesores de relixión discriminados ...

quinta-feira, fevereiro 17, 2005

Para M. 14/2/05

Este foi o meu -e de Neruda tamén os dous primeiros versos- agasallo do pasado día catorce para M.

Quero facer contigo
o que a primaveira fai coas cerdeiras

Ouveo nos recantos do quinteiro,
nos carreiros enleo na silveira
brinco cómaros, arrós e valos,
son o vento rufo do desexo
que adoecido te arela entre gamallos,
o voraz remuíño do desxeo
que chouteiro te procura no regueiro,
son o heraldo da morna nova
ao que do teu corpo as pólas baldeiras
saúdan ledas e cantareiras.

Zoo na celeste e cinsenta bóveda,
cuspo dende o píncaro dos ceos,
a túa lene carapela apalpo e lambo,
son o afouto orballo da loucura
que cingue as túas feituras curvas
e na luzada son o férido resío
que esvara en bagoas polas túas nádegas,
onde umbelados abrochan os acios brancos
que me zugan gorentoso para a medra
das túas vermellas e estivais alxemas.

E cando o inverno arneiro torne
e puxe nos teus peitos o leite acre,
o teu ventre mol será
a feble testemuña do noso encontro feraz.

Quero facer contigo
o que a primaveira fai coas cerdeiras.

segunda-feira, janeiro 31, 2005

Ti

Baixo o Atlas
que canso sostén O Mundo
para os demais,
para os probes e os namorados,
para os ricos e os soitarios,
insignificante posas para a instantánea
que invariablemente sempre sae movida.
A través do obxectivo
insignificante baixo o atlas
Ti sostés O Mundo
para min.

sexta-feira, janeiro 28, 2005

Música

O torturador dixo:" Tiñan que morrer felices e poñíanlles música brasileña para que bailaran".
Nin Carlinhos nin Marisa nin Arnaldo nin Miucha nin Caetano nin Joao voltaran a soar igual non meus oídos e cando o fagan un arreguizo de dor percorrerá o meu corpo.

quinta-feira, janeiro 27, 2005

Xénese

Comeza hoxe esta andaina que agardo fructuosa e enriquecedora para min e para vos que ficades no outro lado dese espello que sempre reflicte invertida e deformada a realidade, dese espello que non ousamos atravesar ficando para sempre no tobo avesío da nosa covardía.